Usos tradicionais, propiedades medicinais, toxicidade, mitoloxía, ditos e crenzas máxicas
Flora
Hedres, Hedera helix
Amieiro, Alnus glutinosa. Usábanse os troncos para facer as rabelas dos arados. A madeira desta árbore é a máis empregada para tallar a máscara do Cigarrón, Peliqueiro e Zarramanculleiro, aínda que tamén se utiliza a de Vidueiro
Muruxa, Montia fontana. Comestíbel: alimentación humana. Dámoslle as Grazas a Miguel Losada pola súa oportuna aclaración (ver comentarios).
Muruxa dos hortos, Stellaria media. Comentíbel (mediocre): alimentación humana.
Manzanilla do monte, Helichrysum stoechas. Medicinal: dores de estómago, dores de cabeza
Leiturga, Taraxacum officinale. Comestíbel: como alimento para os coellos. Pode que se utilicen algunhas outras especies de plantas Compostas do tipo de Taraxacum
Cortadela, Serpervivum sp. Medicinal: desinfectante. Tamén se lle chamaba auga osixenada
Consarellos, Umbilicus rupestris. Vernáculo recollido en Tamaguelos (Verín) por Pastor Santamarina
Couselos, Umbilicus rupestris
Agrión, Nasturtium nasturtium-aquaticum. Comestíbel: alimentación humana, especialmente en ensalada
Espárrago do rabo da noz, Bryonia dioica. Tóxica, en especial a raíz e os froitos, aínda que os brotes xóvenes de primavera son comestíbeis. Hai outra especie que tamén se lle chama Espárrago, Tamus communis, igualmente tóxica e comestíbeis os seus abrollos
Uz, Uceira, Queiruga, Erica spp., tamén se lle chama Queiruga á especie Calluna vulgaris. O Torgo é a raíz da Uz, empregábase para roxar os fornos ao ser unha madeira dura e pesada moi boa para combustíbel, tamén se usaba para facer carbón vexetal de excelente calidade Morogueiro, Arbutus unedo. Dí o conto que en Noiteboa, do 24 ao 25 de decembro, cea o Demo con morogos e non deixa ningún na árbore, tamén din que lle da co rabo e tíraos todos ao chan. Outra versión conta que é a zorra quen lle da co rabo e tira os froitos Estraloques, Sanxoás, Digitalis purpurea. Na noite de San Xoán (solsticio de verán) púñanse ramos xunto con flores de Sabugueiro nas portas, ventás e cortes do gando para protexer da envexa e do mal de ollo, contra as bruxas
Candiolos, flores masculinas do Castiñeiro, Castanea sativa
Xardón, Quercus ilex
Concheira, Nogueira, Junglans regia. Aos froitos chámanselle Conchos. Usos tradicionais: utilizábanse as follas cocidas para tinguir a lá de cor castaña
Malvela, Glechoma hederacea. Medicinal: tónica, diurética e catarral
Arzá, Lavandula stoechas. Úsase para aromatizar armarios
Romero, Rosmarinus officinalis. A desiganción da planta está castelanizada. Condimento alimentario. Medicinal: contra a tose e a catarreira tomábase unha infusión de Romeu con Xarxa e mel
Xarxa, Salvia officinalis. Medicinal, innumerábeis propiedades: estimulante e tónica (non desvela), dixestiva, diurética, antiespasmódica, febrífuga, antiséptica, antisudoral, hipoglucemiante, emenagoga, resolutiva, vulneraria - Pío Font Quer. Plantas medicinales. El Dioscórides renovado
Tomillo, Thymus mastichina, T. caespititus, T. spp. Designación castelanizada. Condimento alimentario. Medicinal: béquico, expectorante, tónico, dixestivo, vermífugo, antiséptico
Loureiro, Laurus nobilis. Condimento alimentario. Medicinal: conxestión de estómago, non se poden tomar máis de tres follas. Crenzas máxicas: queimábase o loureiro bendicido para afastar as treboadas. Usos tradicionais: para desinfectar as cortes do gando facíase unha fumarza con Loureiro e xofre
Alcacia, Mimoseira, Acacia dealbata. Especie infestante orixinaria de Australia. As gallas longas e dereitas úsanse para os lareiros do fumeiro. Aparece con frecuencia nos aderezos do Entruido, seguramente debido á súa temperán, vistosa e rústica floración
Carqueixa, Chamaespartium tridentatum. Usos tradicionais: para separar os chourizos no fumeiro. Medicinal: as flores son laxantes e diuréticas, as sementes son vomitivas
Toxo, Ulex europaeus. A flor do Toxo chámase Alecrín ou Chorima. Tóxico, en especial as sementes. Medicinal: as flores tomábanse en infusión para facilitar a circulación e para combater as catarreiras. Usos tradicionais: utilízase durante o Entruido para enfeitar os foliós e para espiñar ao xentío, moi común no Entroido de Laza. Unha canción tradicional di:
Alecrín,
Alecrín dourado,
que naceu no monte
sen ser semeado.
Ai amor, amor,
quen che dixo a ti
que a flor do Toxo
era o Alecrín.
Ai amor, amor,
quen che dixo a ti
que a flor do Toxo
chámabase así.
Oliveira, Olea europaea. Medicinal: unha infusión con tres folliñas de oliveira para baixar a tensión
Malva, Malva sylvestris. Veterinaria: usábase a auga de cocer as malvas para darlle tomas e lavados ás marrás cando as capaban
Alcolitos, Aucalitos, Eucalitos, Eucalyptus globulus, E. camaldulensis. Ambas especies foron introducidas e son orixinarias de Australia. Medicinal: a especie utilizada en medicina é Eucaliptus globulus, recóllense exclusivamente as follas das ramas adultas cando están perfectamente formadas, son anticatarrais, contra a bronquite, útiles contra as inflamacións das vías respiratorias e contra os catarros gastrointestinais, tamén contra a diabete, hipoglucemiante. Tómase en infusións ou inhalacións, non é inocuo, por vía interna é conveniente non superar cantidades moderadas, pode resultar daniño e provocar gastroenterite, dificultades respiratorias, etc. - Pío Font Quer. Plantas medicinales. El Dioscórides renovado
Figueira, Ficus carica. Medicinal: tratábanse as verrugas untándoas co leite do rabo dos figos
Ceruda, Chelidonium majus. Medicinal: principalmente para as verrugas, espullas
Lengua de ovella, Plantago spp. Comestíbel: como alimento para os coellos
Mazarocas da zorra, Póutigas, Apóutigas, Maias, Cytinus hypocistis. Comestíbel: os nenos adoitaban tomar o suco dóce saído da mazaroca
Amorodios, Fragaria vesca. Froitos comestíbeis moi apreciados
Silva garvanceira, Rosa spp. Os froitos son ricos en vitamina C, nalgunha zona chámanselle Picaburros
Ruda, Ruta graveolens. Tamén existe a variedade silvestre Ruta montana. O dito fala de que só a pode coller o dono. Crenzas máxicas: protexe da envexa
Rabo da zorra, Arum maculatum. Tóxica
Barbas da zorra, Barbas do lobo, Agrostis durieui ?
Lirios, Iris pseudacorus. Relixión: botábanse as espadanas dos Lirios polo chan nas procesións dos Ramos e do Corpus, collíanse do río para non estragar os plantados nos eidos
Allas, chámaselle así cando sae un único bulbo de Allo, Allium sativum. Crenzas máxicas: utilízase en San Cibrao (Oímbra) contra o mal de ollo e contra as meigas, con maior efecto que o Allo, se callar non falta unha Alla en ningunha casa do pobo Gancios, Asphodelus lusitanicus. As varas secas usábanse para acender o lume e mesmo para alumear pola noite sustituíndo ás candeas
Tullesmerendas, Merendera montana. Seu nome fai referenza ao feito de que a súa floración ocorre cando os días xa van máis curtos
Fungos
Na Comarca de Monterrei non se adoitaba recoller especies variadas de cogomelos (micofobia), a máis coñecida e extendida era e é a Macrolepiota procera. Tradicionalmente tamén se coñecían outras especies coma o Tricholoma equestre, ou incluso Cantharellus cibarius, alén dos recentemente comercializables Boletus spp. A continuación aparecen os nomes das especies que fomos recollendo.
Cornizó, Claviceps purpurea. Perigosamente tóxico. Pertence ao grupo dos Ascomicetos. É un parásito do Centeo e doutros cereais. Antigamente recollíano para vender, din que de contrabando, este comercio suponse que sería para elaborar medicamentos, ou inlcuso, para xebrar un dos seus compoñentes e usarse como droga alucinóxena, o coñecido como Ácido LSD, moi de moda na década dos 60 durante o movemento hippie
Tortullo, Tricholoma equestre. Bosques de coníferas. Tóxico, aínda que todavía se consume
Cogordón, Roca, Roque, Paraugas do sapo, Patamela, Macrolepiota procera. Bosques, matogueiras, claros, prados e beiras de camiños. Comestíbel. Os diferentes nomes fan distinción entre cando o sombreiro está pechado e cando está aberto
Cacabinas, Agaricus spp. Nos poulós. Non se recollían ao descoñeceren que fosen comestíbeis, só algunha especie do Xénero é tóxica como Agaricus xanthodermus
Revellón, Lactarius deliciosus. En piñeirais. Comestíbel. Esta desiganación pode que sexa un préstamo introducido do catalán Rovelló
Níscaros, Nízcaros, Boletus edulis, B. pinophilus, B. aereus, B. aestivalis. Atópanse en bosques de coníferas e planifolios. Comestíbeis. Nome vulgar recentemente adoptado que designa as especies comercializables de Boletáceas. En castelán o nome de Níscalo úsase para nomear o Rovelló catalán, Lactarius deliciosus
Peido de lobo, seguramente se refire a Bovista plumbea (?), Ovo dos prados, e non ao verdadeiro Peido de lobo, Lycoperdon perlatum, ou mesmo pode referirse a Mycenastrum corium que habita en camiños e solos areosos, termófila. Usábase para tinxir a lá xunto coas follas de Nogueira. Medicinal: a masa castaña que soltan as especies Licoperdáceas pola abertura apical, cando está madura, aplicada sobre unha ferida deten a hemorraxia e ademais facilita a curación polas súas facultades antibióticas - Pío Font Quer. Plantas medicinales. El Dioscórides renovado
Merda de cuco, Bovista plumbea