sábado, 7 de xaneiro de 2012

Etnoastronomía

Os nosos antergos tamén miraban para o ceo nocturno e rexían algunha parte das súas vidas por acontecementos celestes, aliás non deixaran suficientes rexistros na tradición oral. Con esta entrada preténdese ir poñendo aos poucos os nomes, contos e costumes que poidamos atopar facendo referencia a algún motivo relacionado coa astronomía antropolóxica ou mesmo coa cosmoxeobioloxía dentro dos eidos da mitoloxía ou da realidade galega

De momento atopámonos cos seguintes relatos:

A Pastora: Suponse que se poida tratar dalgún planeta brillante coma Venus cando aparece polo oeste á atardecida, ou mesmo Xúpiter, tamén podería ser algún outro astro moi brillante coma a estrela Sirio que sería o seguinte corpo celeste en intensidade. O nome semella referirse ao feito de que cando aparecía esta estrela soa no ceo era a hora de recoller o gando. Podería tratarse da mesma estrela que se coñece co outro nome de A Panadera, ambas designacións fóronnos ditas pola mesma veciña da Pena do Souto no concello do Riós

O Carro: Conxunto de estrelas que tamén se lle chama Carro dentro da astronomía convencional, aínda que este nome que atopamos refírese á súa semellanza cos carros de vacas ou bois do país. A súa situación no ceo está ubicada dentro da constelación da Osa Maior. Contárronnos que lles servía para coñeceren o tempo nocturno transcurrido, dependendo da súa posición no ceo, en especial útil cando ían a acancelar, actividade consistente en ir pechar o gando pola noite dentro dunhas leiras para que abonaran o chao. Cando facían esta labor durmían nuns refuxios denominados carrozas que se facían con táboas, paos e palla a modo de tipi ou tenda de campismo e transportábanse no alto dos carros para ir dunha leira a outra. Esta narración foi recollida na zona de San Cibrao, concello de Oímbra

O Arado: Esta é outra designación por similitude para O Carro na Osa Maior. Dicíannos que mesmo se lle vía o temon do arado e as rellas. Recollido na Pena do Souto

O Luceiro da Mañá: Refírese ao planeta Venus cando é visible de mañá polo leste ao ser o astro máis luminoso. Recolleuse o mesmo nome nos concellos do Riós e Oímbra

As Tres Marías: Fai referenza ás tres estrelas que compoñen o Cinturón de Orión. Cantáronnos unha cantiga que dice así:

Alá van as Tres Marías
de noite polo lunar
en busca de Jesucristo
queno puidera encontrar

A Lúa: É sabido a crenza da influenza da Lúa nas distintas tarefas do campo e de certos aspectos da vida das persoas. No concello do Riós recollimos o testimonio dunha veciña dicindo que había que facer as sementeiras coa lúa chea para que os vexetais non se saíran, e que había que recoller na mesma lúa coa que se sementaba. Contounos que coa lúa chea as persoas póñense nervosas e alteradas, ademais de que inflúe na hora do parto das mulleres embarazadas, e tamén no gando

Luar
O Arado


Segundo a nosa interpretación, e en simpleza especulando, queremos intuír que algunhas gravuras rupestres do tipo coviñas poderían coincidir co deseño de determinadas constelacións


Petroglifos na comarca, Coviñas descubertas por casualidade nos arredores do Castro Vamba. Os veciños das aldeas próximas non coñecían o significado destes penedos, en dous deles dicían xogaren os nenos enriba ao estar ambos no medío duns pradiños, o outro éralles descoñecido e non se lle tiña ningún topónimo específico que o referenciara. O máis probable é que estexan sen catalogar

Continuaremos coa pescuda...