martes, 26 de xuño de 2012

Unha cría de Rebisaco entre nós

Onte unha amiga chamoume para dicir que aparecera un animal dentro da bodega do seu pai en Gondulfes.

Fumos ata alí para velo.Tratábase dunha cría de Rebisaco, Genetta genetta, bastante espelida. Os nenos estaban encantados ao redor do animalciño.

Para tratar de facer algo pola cría trasladámola de novo para a bodega onde se puxo a miañar pola mai.

Á tardiña fixémoslle outra visita para comprobar o seu estado, seguía alí mais sen rastro da mai. Deixámola toda a noite nese mesmo lugar para tratar de que fora atendida.

Pola mañá estaba no mesmo sitio, moito máis débil. Supuxemos de que en definitiva habíase extraviado.
Con urxencia non nos quedou máis remedio que levala para a nosa casa: hidratámola e alimentámola con leite que lle demos por unha xiringa. Aceptouno moi ben e recuperouse de forma rápida.

Puxémonos en contacto co servizo de Medio Ambiente e ao final levárona para o Centro de Recuperación de Fauna Silvestre do Rodicio.

Farémoslle un seguimento e xa contarei...



mércores, 13 de xuño de 2012

O Chincoparedes

Hoxe, por casualidade, atopeime cun nome vernáculo para o Rabirrubio común, Phoenicurus ochruros. Non tiña rexistrado moito acerca do coñecemento popular desta especie, só un vernáculo que lle ouvira a un veciño do concello de Manzaneda, chamáballe Ferreiro, e xa me parecía raro que a xente non lle tivese un nome para este paxaro tan común nos nosos pobos da comarca de Monterrei. Foi no mesmo val, na aldea de Tamagos, concello de Verín. Eis aquí o seu nome: Chincoparedes. A primeira parte do nome "chinco-" pode facer referencia ao seu son de alarma, a segunda parte "-paredes" vese que fai referencia aos lugares onde anda, intuitivo e preciso. Fermoso, non si.

Chincoparedes macho



Chincoparedes femia

xoves, 7 de xuño de 2012

Biodiversidade Galega



2012. Aparece unha nova plataforma que pretende unir ao mundo naturalista en Galicia a partir da súa biodiversidade. Solicítase a participación de calquera persoa interesada no respeto e coñecemento da Natureza.

http://biodiversidadegalega.blogspot.com.es/2012/06/colabora-con-biodiversidade-galega_06.html