mércores, 1 de agosto de 2012

Unha crenza popular sobre as Ladras

Noutras entradas deste blogue xa se publicou o nome vernáculo de Ladra para designar a especie Tarentola mauritanica, recollido en varias localidades da comarca de Monterrei (Verín natural. Recompilación de nomes vernárculos de fauna), e entre elas no pobo de Castrelo de Abaixo do concello do Riós, do que se tratará en especial.

Este curioso réptil ten unha distribución mediterránea, rara para Galicia, ao estar no límite da súa distribución. Hoxe en día está bastantate espallada por territorio galego, con presenza en diferentes puntos urbanos, coma no Barco de Valdeorras, Ourense, Vilagarcía de Arousa, Vigo, etc. Estas poboacións illadas crense que son debidas a introducións recentes, avaladas polos datos que se teñen e polas características do seu comportamento.

No entanto, as ladras do surleste da provincia de Ourense atópanse en ambientes naturais, cunha distribución homoxénea nos lugares apropiados e coa presenza do mencionado nome vernáculo co que se recoñece plenamente á especie por parte da xente do lugar, polo que se teñen suficientes motivos para afirmar que a súa presenza nesta rexión é histórica.

De momento, e a falta de máis prospeccións, a comarca de Monterrei sería a única zona de presenza natural da especie en Galicia.

Coma referencia bibliográfica cítase o Atlas dos anfibios e réptiles de Galicia que di o seguinte: ...As únicas poboacións supostamente autóctonas da especie distribúense polas concas galegas do río Douro da bisbarra de Monterrei (CABANA OTERO, M., 2011. Tarentola mauritanica (Linnaeus, 1758) in Atlas de Anfibios e Réptiles de Galicia. Sociedade Galega de Historia Natural. Santiago de Compostela: 56-57).

E a continuar relatarase unha crenza que se recolleu no pobo de Castrelo de Abaixo, ubicado na mediterránea cunca do río Mente, e que non leva máis que a asegurar o exposto nas liñas anteriores:

Contouna un veciño deste pobo, maior de 75 anos, emigrado ao Brasil fai máis de 50 anos, e agora de visita na súa Terra. Contaba que a estas lagartiñas lles chamaban Ladras, segundo lembra, que andaban polas paredes dentro das casas e que a súa mai lle dicía que daba sorte cando se vía unha de cor branca e non se debían de matar.

Esta crenza popular pon de manifesto a característica particular da especie de ter unha grande variabilidade de coloración, segundo o estado do animal e a luz que reciba, podendo pasar de tons moi claros a un gris moi escuro, consonte á Guía dos Anfibios e Réptiles de Galicia (ASENSI CABIRTA, M., 2006. Tarentola mauritanicaGuía dos Anfibios e Réptiles de Galicia. Baía Edicións. A Coruña. 100-101).

Áchase entón de sumo interese etnográfico e naturalista a presenza na cultura popular galega desta crenza relacionada cunha especie animal de distribución mediterránea dentro do que se ven a considerar a Galicia atlántica.