xoves, 8 de novembro de 2012

Os Páxaros do Centro do Mundo

TEXTO REVISADO E AMPLIADO

No pasado mes de outubro, durante unhas xeiras multidisciplinares, recolléronse unha morea de nomes vernáculos de aves e outros seres que nos proporcionou o amigo Claudio -Zunín-, amante dos páxaros e a Natureza da súa Terra, recollidos e usados de forma natural ao longo dos anos no pobo de Videferre: O Centro do Mundo.

Debido á extensión do material recollido irase subindo a información noutras próximas entradas, tais coma nomes vernáculos de Fauna e Flora e algunhas outras curiosidades sobre a Fala de Videferre e algún que outro lugar limítrofe.

Todo un compendio de sabedoría popular.

Comezamos entón a viaxe polas designacións que se lles dá ás Aves no Centro do Mundo:

Aguia, Accipitridae. Sería un nome xenérico para todas as aguias, mais debido á cercanía da Serra do Larouco puido haber servido nun principio para designar en exclusiva á Aguia real, Aquila chrysaetos, como ocorre noutras zonas de presenza desta especie. "Pódese ter a certeza que aquí viviu a Águia real ao ser vista e identificada plenamente en tempos pasados".


Aguia perdiceira, Hieraaetus fasciatus vs. H. pennatus. Non se sabe de certo a que especie de Aguia se correspondería, Hieraaetus fasciatus sería escasa en extremo e H. pennatus non estaría especializada en depredar sobre as Perdices, aínda que o lugar sexa, ou fora, óptimo para a abundancia destas galiñáceas, de aí virá o topónimo de preto Vilar-de-Perdizes.

Ameixengo manso, Parus major, Parus caeruleus. "Vive cerca dos Humanos. É un páxaro confiado e curioso. A súa beleza é unha pincelada de cor que namora. Anida en calquera burato, con preferencia por casas abandonadas".

Ameixengo bravo, Aegithalos caudatus. "Case o mesmo páxaro. Costumes diferentes. Adoitan vivir en grupos familiares a diferencia dos mansos que case sempre se alimentan sós".

Anduriña, Delichon urbica, Hirundo rustica, Riparia riparia. Nome xenérico para designar aos hirundínidos coa excepción de Hirundo daurica e Ptyonoprogne rupestris.

Anduriña brava, Ptyonoprogne rupestris. Esta sería a primeira vez que se atopa unha desginación para esta especie na comarca de Monterrei.

Anduriña do monte, Hirundo daurica. Da mesma maneira que para Ptyonoprogne rupestris sería a primeira vez que se atopa unha desginación para a especie na comarca de Monterrei e pode que tamén sexa o primeiro nome vernáculo para Hirundo daurica recollido en Galicia.

Anduriña do monte, Hirundo daurica

Arnabico, Burhinus oedicnemus. Cando pasan silbando en voo pola noite dicían que ía morrer alguén. Na cultura popular as aves nocturnas relaciónanse coa morte. "Ocurrencia ocasional. O seu hábitat foi destruído".

Ave rapiña, Circus pygargus. Recollida esta designación con anterioridade noutros lugares para esta especie en concreto ao confirmaren a súa presenza só en época estival a diferencia de Circus cyaneus que é residente.

Avefría, Vanellus vanellus. Antes de desecaren a Lagoa de Antela víanse bandos moi numerosos polo inverno. "Páxaro que se foi. Antes víanse grandes bandadas que cubrían A Veiga, onde criaba. Era unha das aves máis emblemáticas de Videferre".

Barrigadodre, Phoenicurus ochruros. Anda polas paredes e buracos das casas do pobo, cría varias veces na temporada. "Tímido e solitario, lembra a unha pantasma axexando en lugares solitarios".

Barrigadodre, Phoenicurus ochruros

Berras, Gallinago gallinago. Pode referirse aos sons que emite.

Boieira, Motacilla flava. Parecida á Lavandeira pero de cor amarela e anda entre o gado (en portugués tamén se di gado e non gando). Tense detectado a súa presenza en poucos lugares da comarca. "Primeiro desapareceron ás vacas e despois foron as Boieiras".

Bubela, Upupa epops. Este é o único nome atopado para esta especie, sen variantes.

Bufo, Buteo buteo, Bubo bubo. A parte de designar ao Bufo real, Bubo bubo, tamén se utiliza para a especie Buteo buteo, o Miñato común, no entanto tense recollido esta confusión en máis lugares da bisbarra. "Sempre que se preguntou só podía corresponderse co Bufo real. As explicacións falaban de lugares tranquilos e afastados".
Bufo, Buteo buteo

Carriza, Troglodytes troglodytes. Única designación atopada para esta especie en toda a comarca. "Pequena e brincadeira. Cando emite os seus cantos pola primavera din que vai chover pois canta a Carriza".


Carriza, Troglodytes troglodytes

Cazcarrollo, Lanius meridionalis. De tamaño grandiño, pincha as presas nos picos dos Escambrós, Crataegus monogyna (terminación plural en -s e non -ns como é a norma). "Liorteiro e afouto. Non duda en peteirar a mou de quen o sosteña".

Chazco, Saxicola torquata. Designación estendida por máis lugares.

Chicharra, Emberiza calandra. Nome por asimilación que fai referencia á analoxía do son desta ave co do coñecido insecto da familia Cicadidae.

Chinco, Fringilla coelebs. "Existe o Chinco vulgar, Fingilla coelebs, e o Chinco real, Fingilla montifringilla, que nos regalan a súa presenza. O nome virá do seu canto. Onomatopeito".

Cirifolla, Phylloscopus ibericus. Aliméntase dos pulgós (terminación plural en -s e non -ns como é a norma) das fabas polo mes de xuño. Ao dicir que está só presente ná primavera e vrou (así é como se di en Videferre verán) leva a concretar a esta especie, os outros Phylloscopus ou son de inverno ou de pasaxe ou con apariencia diferente á relatada. "Antes era moi numerosa, agora é testemuñal a súa presenza. Unha verdadeira mágoa. As causas poden ser os velenos mal utilizados polos Humanos. A súa presencia, un cibo de amabilidade e confianza".

Corvelas do Lobo, Pyrrhocorax pyrrhocorax. Fálase dun tipo de córvido que anda tras o Lobo, Canis lupus, designación que reflexa certo comportamento da especie. Fascinante.

Corvelo, Corvus corax, C. corone. Este nome úsase para desginar ambas especies aínda que existe unha zona dos montes de Videferre que se chama Penedo do Corvo, pola súa ubicación crese que fará referenza a Corvus corax.

Cutovía, Lullula arborea. Como raridade, na pronuncia diferénciase o -o- do -u-, non coma o caso doutros lugares da comarca onde se pronuncia o -o- como -u-, Cutuvía, asimilándose así ao portugués.

Cuco, Cuculus canorus. Designación amplamente espallada. Onomatopeico.

Curuxa, Tyto alba. Este é o único nome atopado para a especie en toda a comarca.

Curuxa, Tyto alba

Domingonobelo, Oriolus oriolus. Onomatopeico. -nobelo pode facer referencia á forma en que está construído o nino (na comarca díse nino e non o normativo niño).


Domingonobelo, Oriolus oriolus

Engatuñadeira, Certhia brachydactyla. Engatuña polas árbores arriba, describe o comportamento da especie. "Pode estar presente a Engatuñadeira norteña, Certhia familiaris, ao observarse a unlla posterior excepcionalmente longa".

Forneira, Sylvia undata. Pequena, de rabo moi longo. Diferénciase das outras especies do xénero Sylvia.

Gabilán, Falco peregrinus (?). Pode que designe ao Falcón peregrino e non ao Gabián, Accipiter nisus, ao comentarse que estaba presente en zonas con grandes penedos e non en bosques. En Videferre hai unha paraxe que se chama Azoreira que se supón que veña de Azor, Accipiter gentilis.

Gaiñola, Scolopax rusticola. A especie en portugués chámase Galinhola. Está presente só no inverno. "Chega polo mes de novembro".

Garrabaio, Garrulus glandarius. Segundo unha interpretación intuitiva, o nome Garrabaio pode que sexa unha forma primitiva de designar a esta ave ao aproximarse ao Garrulus latino, coa mesma raíz garr-, co tempo economizaríase a linguaxe para dar paso á designación máis extendida Gaio, que conservaría entón as raíces ga- e -aio do orixinal. De ser verdade sería curioso. "Atrevido e depredador a todos os niveis. Fermoso, desconfiado e moi intelixente. As familias permanecen unidas ata a primavera seguinte. Coñecendos as súas costumes sempre saberás quen anda polos remansos do bosque nese momento".

Garrabaio, Garrulus glandarius

Lavandeira, Motacilla alba. Diferenciada plenamente de Motacilla flava ou M. cinerea.

Laverca, Alauda arvensis. É a única designación que se atopou para esta especie en todos os lugares pescudados.

Laverca de poupa, Galerida cristata. Poupa fai referencia á crista que ten esta especie na cabeza e provén directamente do português: poupa, s. f. tufo de penas que adorna a cabeça de algumas aves.

Laverca de poupa, Galerida cristata

Letreira, Emberiza cirlus, E. citrinella, E. cia. Posiblemente sexa un vernáculo compartido con diferentes emberízidos, sen concretar especie, áinda que o máis probable é que se corresponda con Emberiza cirlus.

Malviz, Turdus iliacus. Presente só no inverno.

Melra, Turdus merula. Designación similar ao portugués, Melra en vez de Merla. Diferénciase a Melra, en femenino, especie que anda en solitario nos bosques, co Melro, en masculino, que anda en bandos nos arredores do pobo.

Melra troitoira, Cinclus cinclus. Esta especie posúe a desginación Melra achegada ao portugués e a variante -troitoira achegada a outros nomes atopados na bisbarra, que anda entre as Troitas, Salmo trutta, é dicir, nos ríos, é unha ave insectívora.

Melro, Sturnus unicolor. O mismo que para a Melra, designación similar ao portugués. Diferénciase o Melro, en masculino, especie que anda en bandos nos arredores do pobo, coa Melra, en feminino, que anda en solitario nos bosques.

Milleiro, Carduelis cannabina. Os machos teñen o peito vermello. "Fai tempo víanse bandadas moi grandes de miles de exemplares, de aí virá o seu nome, Milleiros".

Moucho, Athene noctua, Otus scops, Strix aluco. Nome xenérico para designar a estas tres especies, e poida que aínda tamén a Asio otus e Asio flammeus.

Un dos Mouchos, Otus scops

Naviñeiro, Serinus serinus, Carduelis chloris. Pequeno e de cor amarelo, co pico de granívoro, vense nas viñas, de aí o seu nome. Tamén se distingue unha outra especie máis grandiña de Naviñeiro que se corresponde con Carduelis chloris. Noutras zonas da comarca recóllese esta designación para Carduelis cannabina.

Noitevoal, Caprimulgus europaeus. Outra variante da designación máis extendida na comarca, fai referencia ás palabras noite e voar, que voa pola noite.

Paporroibo, Erithacus rubecula. É curioso non se ter atopado esta terminación -rroibo noutras localidades da comarca, o común é atoparse coa  terminación -rrubio, Paporrubio.

Pardal, Passer domesticus, P. montanus. Designación amplamente estendida.

Parpallaza, Coturnix coturnix. Variante da designación máis extendida pola comarca. Onomatopeico, asimílase ao canto desta ave.

Pedreiro, Oenanthe oenanthe. Aniña en buracos de paredes lonxe dos pobos, a diferenza de Phoenicurus ochruros que non lle importa aniñar en buracos no interior dos pobos, aínda que tamén aniña en zonas rochosas naturais.

Perdiz, Alectoris rufa. Designación estendida amplamente.

Pintasilvo, Carduelis carduelis. Semellanza co nome oficial en portugués Pintassilgo.

Pita brava, Tetrax tetrax. Antes víanse, agora fai tempo que non se ven. "Tamén se foi".

Pitorrei, Picus viridis. Distínguense tres tipos de Pitorrei, esta designación sen calificativo sería para referenciar a esta especie máis grande e común, despois estarían o ferreño e o pedrés, Decrocopos major e Jynx torquilla.

Pitorrei ferreño, Dendrocopos major. Este é outro Pitorrei, máis pequeno e de coloración diferente.

Pitorrei pedrés, Jynx torquilla. Este é o último dos Pícidos, o seu calificativo refírese a que ten unha coloración críptica semellante aos tons das pedras. Descríbese á perfección o comportamento da ave ao mencionarse a característica de torcer o pescozo como se fora unha cobra. É a primeira vez que se recolle un nome vernáculo para esta ave na comarca de Monterrei. Escaso na zona.

Pizpiz, Anthus pratensis. Veñen en novembro, designa en concreto a esta especie invernante. Onomatopeico, reflicte o reclamo da ave en voo.

Pizpiz, Anthus partensis

Pomba, Columba palumbus. Nome para designar só a esta especie de colúmbido.

Rola, Streptopelia turtur. Desginación única para esta especie na comarca.

Rosinol, Luscinia megarhynchos. Variante da designación que tamén se recolleu en outras localidades.

Tanxos, ?. Non se puido descubrir a que especie correspondería este nome vernáculo xa que fai moito tempo que non se ven e voaban tan alto que non se lles vía ningún detalle, pasaban en bandos numerosos, pode que se tratara dalgunha especie de ave limícola (?).

Tercelán, Falco tinnunculus. Variante dunha das designacións máis extendidas na comarca de Monterrei para este pequeno falcón.


Tercelán, Falco tinnunculus

Torda, Turdus viscivorus. Recolleuse este vernáculo para desginar en concreto a este túrdido, utilizándose o femenino ao ser unha especie un pouco maior que as outras do xénero. Non se atopou ningún nome para Turdus iliacus, T. philomelos e T. pilaris, de existir algún para o máis común Turdus philomelos podería que fose a desginación en masculino Tordo, ao ser de menor tamaño que Turdus viscivorus.

Tornillo, Apus apus. É curioso que este vernáculo se ten atopado noutras localidades da comarca para desginar a Sturnus unicolor, que aquí se lle chama Melro, e a máis extendida designación Merlo para chamar a Turdus merula, que aquí se lle chama Melra. O nome máis común na comarca para Apus apus sería Vencello. Unha auténtica mestura e confusión de nomes e especies.

Trallón, Ficedula hypoleuca. Vense polo mes de setembro, en pasaxe posnupcial.


Macho e Femia de Trallón, Ficedula hypoleuca


Continuará en vindeiras entradas.

* Nas xeiras multidisciplinares participaron:

Alberte Reboreda
Claudio Álvarez
Eduardo Castro
Xosé Luís Lozano
Xosé Ramón Reigada
Xosé Rodríguez

* Recollido e revisadas as especies por Claudio Álvarez e Xosé Ramón Reigada

Videferre. Outubro do 2012

17 comentarios:

Cosme Damian Romai Cousido dixo...

Interesantísimo post, Xosé Ramón. Impresionantes algunhas recollas, como para Hirundo daurica, Sylvia undata, Pyrrhocorax pyrrhocorax, etc.

O tanxo puidera ser o tánxaro de Feces de Baixo, isto é, Oenanthe oenanthe. O de voar alto igual era porque escapan fácil, e apenas se ven preto.

Apertas!!!!
Damián

d:D´ dixo...

Amigo Moncho, qué bo é esto tudo que pos.
Coma góstame ver as carrizas polos soutos e perto das nogueiras, entre as silvas brincado lixeiras coas súas
colas que semellan aos funanbulistas.
Ademais leva ese nome tan xeitoso e que ven o caso: Trogodytes troglodytes. Acolá pola cima nos lombeiros do Souto do Fiscal e na Quinta; nas fontelas do muiño ou nas beiras dos ríos.
Qué boa é esta consulta, facendo isa voltinha na orográfía do "centro do mondo"
Breves
Saúde e Ceibedade
Deica.BD.

joseluislozano dixo...

Coma sempre un trabalho impecável,amigo X.R. Estou desexando vela próxima entrada. Aproveitarei mentres tanto pra confirmar algum dos nomes cos meus vecinhos,a ver que sae. Por exemplo a engatunhadeira,que eiqui chamamos 'aconchón',porque aconcha(escala) péla arbore,buscando insectos na cortiça. Pode selo mesmo paxaro??

Berto dixo...

Bom dia,
Uma recolha muito completa e interessante.
Um abraço desde Outeiro Seco,
Berto

Xosé Ramón Reigada dixo...

Ei Damián, a zona de Videferre éche un tanto especial, con fala propia, e pegadas da prehistoria, e cunha moi boa diversidade de especies de Fauna, e tamén de Flora, as ladeiras do río Bubal, por algo o amigo Claudio lle alcuma o Centro do Mundo...
Que boas esas especies mediterránicas, ao estaren presentes de forma natural reflíctese na cultura popular, e esas outras de montaña debido á sempre presente Serra do Larouco e á cercanía do Barroso enxebre
É curioso ese tal Tanxo, haberá que seguir coa pescuda, grazas pola pista, é un pracer ter comentarios dun paxareiro coma ti
Imos ver se coincidimos pronto, teremos que facer algunha saída conxunta co Claudio, ides gostar de coñecervos
Unha aperta

Xosé Ramón Reigada dixo...

Olá Beato Darzádegos, como vai iso, xa ves que a zona de Videferre - Vilar de Perdizes é en realidade o Centro do Mundo
E como esquecernos deses nosos outeiros, a fisterra raiota, e o Mente...
Cumprimentos

Xosé Ramón Reigada dixo...

Ei Nipis, vocés tamén colaboraron nestas recollas, que bos momentos polas planicies do Larouco !
Fica pendente elaborarmos eses vernáculos de Castrelo do Val, igual que ese 'aconchón' de ese 'aconchar', de seguro que será o mesmo paxaro, canto máis procuramos máis fica por descubrir
Xa falamos

Xosé Ramón Reigada dixo...

Bom dia Berto, fica tambem por procurar vernáculos em Outeiro Seco, temos recolhido algumes pelo município de Chaves e os nomes repítense a um lado e outro da Raia
Quando quiser
Um abraço

Anónimo dixo...

Parabéns Ramón. Muitos destes nomes são comuns à língua Portuguesa: Cascarrolho, Tralhão, Cotovia,Chasco, Bobela, etc. Teríamos de nos sentar e comparar. Algumas pequenas diferenças: a Motacilla alba tanto se conhece como Lavandeira, Lavandisca ou Boeira, não conhecendo eu diferenciação para a Motacilla flava (talvez sejam designações genéricas para as Motacilla). Já o Milheiro, costumam referir-se ao Serinus serinus; para o Carduelis cannabina, apenas conheço Pintarroxo (exactamente pela mancha vermelha dos machos). Já o Pedreiro há quem o use para se referir aos Andorinhões (Apus apus). Continua esse bom trabalho. 1 abraço.
Marco Fachada

Xosé Ramón Reigada dixo...

Viva Marco, nos dous lados da Raia ha uma mistura de nomes e espécies, o que num local faz referência a uma espécie em outro faz a outra distinta, é exemplo o Serinus serinus que ai se lhe chama Milheiro e aqui se lhe chama a Carduelis cannabina, e o Naviñeiro que aquí é S. serinus noutros locães da região é o C. cannabina, uma liame
O dito, xa nos vemos

Xosé Rodríguez (Xisbe) dixo...

Foron uns días fructíferos. Tanto un coma outro estades de parabéns. Vervos na conversa foi todo un pracer.
Haxa máis.
Unha aperta

Xosé Ramón Reigada dixo...

Ei Xosé, si oh, que bos momentos, e coa vosa compaña e colaboración
E aínda o que ficará por descubrir
Vémonos

Martiño Cabana Otero dixo...

Delicioso e espectacular.
Son impresionantes os nomes de Engatuñadeira, Corvelas do Lobo, Melra troitoira, etc. Moi bo traballo e moitos ánimos para seguir adiante!!!
Unha aperta,
Martiño

Xosé Ramón Reigada dixo...

Ei Martiño, xa ves que a zona promete, e aínda faltan os hérpetos, espectacular !
Saúdos

Rafael dixo...

Gostei amodo, meu...fíxome volver aí... os meus agradecementos e parabéns.
Saúdos.

Xosé Ramón Reigada dixo...

Olá Rafael, agradecidos a você
Abraços

Anónimo dixo...

Garrulus glandarius "Pigarra" na zona de A Mezquita.
Saúdos.
Amadeo.