luns, 31 de decembro de 2012

A Flora, os Fungos e outras curiosidades da Fala do Centro do Mundo

Para rematar o ano e esta primeira viaxe polos coñecementos populares do Centro do Mundo imos tratar dos nomes vernáculos dados aquí á Flora e aos Fungos da zona, inlcuíndo propiedades medicinais e outros usos tradicionais, ademais de curiosidades desta Fala senlleira, recollida e usada por Claudio -Zunín- e Pepa na localidade raiota de Videferre: O Centro do Mundo.

Debido ao enorme interese lingüístico e etnográfico da zona seguirase, ao longo do tempo, tratando de recompilar a maior cantidade posible de información desta ancestral sabedoría de trasmisión oral.

Rematamos entón este contacto inicial coa Fala de Videferre, tratando a continuar as designacións e información recollida sobre a Flora, os Fungos e curiosidades da Fala do Centro do Mundo:

Flora:

Abóitiga, Cytinus hypocistis. Planta que parasita Cistáceas. Utilízase como comestible chuchando o seu extracto. Noutras zonas da comarca é coñecida como Póutiga ou Apóutiga. É unha planta de certa dificultade para atopala polo que se utiliza este facto para gastarlle unha borma a alguén ao facelo ir buscar as Abóitigas a unha zona de monte de maneira semellante aos Biosbardos ou Meimós imaxinarios.

Abóitiga, Cytinus hypocistis

Arzán, Lavandula stoechas. Fumábase a semente seca liada coma se fose tabaco.

Anthemis arvensis. Aínda sendo unha planta coñecida na zona, e mesmo plantada nas hortas, non se lle recolleu ningún nome específico para ela. Usaríase a modo de infusión igual que a Manzanilla ou Macela, Matricaria chamomilla.

Balancía, Citrullus lanatus. Planta hortícola da familia das cucurbitáceas. En galego oficial díse Sandía, igual que en castelán. En portugués chámase Melancía. Atopamos unha variante desta mesma designación no idioma Mirandelés, onde se lle chama Blancia -Blancía-, que junto ao Mirandés poderían ser un reducto da fala do antigo reino da Gallaecia. Fascinante.

Bidro, Betula pubescens. Variante doutras desginacións atopadas na comarca.

Canafecha, Conium maculatum. Habita en regatos. Especie altamente tóxica, en especial as sementes.

Cidreira, Melissa officinalis. Nome semellante ao dado en portugués oficial: Erva-cidreira. O principal método de uso sería como infusión relaxante.

Cincho, Chenopodium album. Planta adventicia -coñecidas de forma vulgar e inxustificada como malas herbas-, noutras zonas da comarca coñécese co nome máis común de Saíncho.

Corcheiro, Quercus suber.

Eirogos, Origanum virens. Herba aromática, usada en especial como condimento para engadir ás zorza dos chourizos.

Fentobrún, Osmunda regalis.

Galocrista, Salvia verbenaca. Planta da familia das labiadas que se usaba para quitar partículas dos ollos ao introducir as sementes nestes e frotar as pálpebras. "Os Antigos tiñan moita fe nos frutículos que, a maneira de semente de cor escura, fórmanse en número de 1 a 4 no fondo do cáliz da galocrista. Con estos frutículos, colocados debaixo das pálpebras e pechando o ollo, pretendían limpársello de floquiños, arxemas e musarañas. As xentes do campo todavía utilizan actualmente estos gránulos de galocrista para aclarar a vista". (Plantas medicinais. O Dioscórides renovado. Pío Font Quer).

Galotos, Solanum nigrum. Planta adventicia -grupo de plantas coñecidas de forma vulgar e inxustificada como malas herbas- da familia das solanáceas. Tóxica.

Hortelá, Mentha spp. Designación dada a distintas especies de mentas. Usadas como plantas aromáticas, ornamentais ou medicinais, en especial como dixestiva.

Lavandula angustifolia. Cultivada en hortas e xardíns.

Malvela, Glechoma hederacea.

Se a muller soubera o bo que é a Malvela
pacería nela como o boi pace a herba.

Morangueiro, Arbutus unedo. Variante da designación máis extendida na comarca de Morogueiro. Semella ter influenza do portugués, neste idioma emprégase este nome en femenino para referirse á planta que da morangos, Fragaria vesca; tamén para designar un tipo de viño popular e apreciado en portugal, o viño morangueiro, con sabor afroitado a morangos.


Olmo, Populus tremula. Moi interesante vernáculo para esta especie propia das rexións frescas e templadas de Europa e Asia, podendo considerarse como unha especie relicto das últimas glaciacións. Esta sería unha variante do vernáculo que xa se tiña recollido na veciña localidade de San Cibrao, onde se lle chama Ólomo, un sincretismo entre as designacións en castelán Olmo e Álamo. Nas dúas localidades diferénciase ben esta especie das dos Olmos propios, chamados na comarca Negrillos, Ulmus spp, e dos Álamos, que aquí se lles chama Chopos, Populus spp, e en especial a especie autóctona máis coñecida do Chopo, o P. nigra, de certa similitude co P. tremula. Por suposto que está comprobada a presenza da especie nas dúas localidades. Excepcional.

Olmos, Populus tremula

Pastadeira, Merendera montana.

Pata de Cabra, Phllyrea angustifolia. Este é o primeiro nome vernáculo que se recolle na comarca para designar a esta especie termófila da familia das oleáceas. Planta de certo interese botánico para esta latitude que mostra o marcado carácter mediterránico da zona. Parece que se usaba para envelenar os ríos da mesma maneira que o popular Truvisco, Daphne gnidium.

Phytolacca americana. Usábanse as bagas machucadas en forma de tinte para resaltar coa súa cor vermella os nomes gravados nas lápidas do cemiterio.

Ruda, Ruta graveolens. Medicinal e como amuleto protector.

Sarxa, Salvia officinalis. Ten moitas propiedades medicinais: antisudorífica, hipoglucemiante, emenagoga, estimulante, antiespasmódica, astrinxente, antiséptica.

Silva macha, Rosa spp. Diferencian esta das outras especies de Silvas máis coñecidas, Rubus spp.

, Chenopodium ambrosioides. Planta orixinaria da América, úsase popularmente a modo de té, de ahí o seu nome, sen concretar ningunha utilidade medicinal.

Fungos:

Cogordón, Cogumela, Macrolepiota spp. Diferénciase o Cogordón, cando o sombreiro está pechado, da Cogumela, cando o sombreiro está aberto.

Cogordón, Macrolepiota procera

Cornexo, Claviceps purpurea. Fungo do grupo dos ascomicetos que parasita en especial o centeo. É un fungo alucinóxeno. En tempos chegouse a comprar con fins farmaceúticos.

Nízcaros, Boletus spp. Identifícanse dependendo das árbores debaixo das que medren: Nízcaro de Bidro, Nízcaro de Carballo, Nízcaro de Castiñeiro.

Nízcaros de Cobra, nome xenérico que se usa para designar en xeral a todos os Fungos do grupo dos Basidiomicetos que non son comestibles ou se descoñece a súa calidade como comestibles.

Nízcaro de Raposa, Phallus impudicus. Aparecería arredor das viñas. Sería o primeiro nome vernáculo atopado na comarca para este fungo.

Nízcaro de Raposa, Phallus impudicus

Ovos de Cuco, Licoperdon perlatum. Comestible só cando é de cor branca. Pode que se lle dé este nome a outros fungos de aparencia similar.

Rebentabois, Amanita muscaria. Reflicte a toxicidade do fungo.

Seta, Fistulina hepatica. De cor encarnado, habita no toro de Catiñeiros ou Carballos. Moi bo comestible. Con este castelanismo de Seta desígnase a esta especie en concreto.

Fala:

Barrosou: Habitante ou pertencente á veciña rexión portuguesa do Barroso. Téñase en conta a terminación -ou  na vez de -ao, -an no galego oficial, aínda que nos xentilicios se admite -ao.

Bastián: O boneco que representa ao Entruido. Noutras zonas coñécese esta figura como Meco, Lardeiro, ou mesmo Entruido.

Billós: Utilízase para designar non só ás castañas asadas desprovistas de casca senón tamén a todas as castañas que serven para coller. Noutras zonas da comarca atopamos as variantes Bullós e Bullotes. Entre as distintas variedades de Billós que se cultivan na zona están a Famosa, a Foleira, a Longal e as Da-Trés.

Billós

Cencelo: Fenómeno meteorolóxico consistente na formación de cristais de xeo na vexetación causado pola conxelación das gotas de auga presentes no neboeiro xeado. Provirá da designación cencellada, que en castelán designa este fenómeno moi típico no interior da meseta ibérica, presetando similitude con certos lugares desta zona ao existir aquí terreos de planalto frío.

Cencelo

Chou: Chan no galego oficial. Chao, degisnación noutras zonas da comarca.

Cibo: Parte pequena; anaco, cacho (un cibo de pan).

Coañadeira: Especie de vasoira feita de Bidro (Betula pubescens), non de Codeso (Adenocarpus complicatus), que se utilizaba para varrer as airas.

Coaño: Serían os feixes dos restos da malla.

Cobra: Designación xenérica para os colúbridos.

Gado: Gando no galego oficial. En portugués tamén se lle chama Gado.

Grou: Gran no galego oficial. Grao, designación noutras zonas da comarca.

Irmou: Irmán no galego oficial. Irmao, desginación noutras zonas da comarca.

Maseira: Especie de caixón ou arca de madeira de forma rectangular, máis estreita no fondo ca na boca, que se emprega para amasar o pan, salgar a carne da matanza ou mesturar a zorza; artesa.

Mou: Man no galego oficial. Mao, designación noutras zonas da comarca.

Nino: Nome para designar os niños das aves, o mesmo que en toda a comarca.

Padieira: Parte superior horizontal dunha porta ou ventá. Na comarca está máis extendida a designación de lumieira.

Plica: Epiderme dos répteis, en especial a das cobras, da que se desprenden no acto da muda. Viría de pelica.

Tanlla: Recipiente de cerámica para conter líquidos.

Trepolas: Serían os Castiñeiros bravos, Castanea sativa, que medran ventureiros sen a mou do home.

Vrou: Verán no galego oficial. Vrao, designación noutras zonas da comarca.


Fíxose algunha corrección nas anteriores entradas sobre os Páxaros e a Fauna do Centro do Mundo.

Continuaremos coa pescuda e recompilación das características desta Fala enxebre.


* Información recollida durante unhas xeiras multidisciplinares nas que participaron:

Alberte Reboreda
Claudio Álvarez
Eduardo Castro
Xosé Luís Lozano
Xosé Ramón Reigada
Xosé Rodríguez

* Recollido e revisadas as especies por Claudio Álvarez, Pepa, Xosé Ramón Reigada e Xosé Rodríguez

Videferre. Outubro do 2012
 
Boa pasaxe de ano

sábado, 15 de decembro de 2012

Rexiomontanos

Eis aquí un novo blogue de referencia sobor a comarca histórica de Monterrei, súa veciñanza e todos os seus máis amplos vínculos:


Castelo de Monterrei