mércores, 17 de xuño de 2015

Un achegamento ecolóxico á contorna de Monterrei

Por mor da retirada no seu momento deste artigo no blogue Rexiomontanos voltamos a subilo a este de Verín Natural. Desculpai.
 

Eis aquí:


Estamos inmersos nun tempo estraño onde o noso ambiente é asaltado pola cobiza da humanidade elevada a categoría transcendente. Nesta enchedela especulativa os valores cívicos e a empatía co semellante chegaron a caír por baixo das posesións materiais. Non se sabe onde é que nos perdemos na verea espiritual da nosa existencia ancestral. A cova dos devanceiros está sendo profanada con impunidade consciente. Primeiro caíu a floresta, o río será luxado nas súas beiras até onda o permita o territorio, a auga da vida corre turba, o presente invade a Natureza con outeos de incomprensión.


Cunha reflexión achegarémonos xuntos a percorrer o camiño nunha viaxe imaxinada do que será coaccionado ás abas dunha fortaleza anterior á propia existencia.


Que lembranzas a das Grallas cereixeiras aniñando nos ocos das pedras da Torre da Homenaxe, ou as Pombas zuras indo de acó para aló nun voo erradío desde a Atalaia até á muralla oeste, os voos nupciais das Aguias calzadas, os abondosos e inquedos Rabirrubios, os cada vez menos frecuentes Ataíños, os incansables Vencellos, os Noitevoás, os Pardais das rochas, as Andoriñas dos penedos, os Picapaus, todos eles veciños escasos da bisbarra.
Ataíño
Un día rescatouse un pito de Avelaiona que fuxira prematuro dun nino agochado na escuridade silandeira do burato, os nenos adoraron ver a tenrura dun hóspede coma aquel.

A finais do verán congréganse aquí montes de Andoriñas de cu branco albiscando o momento da partida, outros coma os Picafollas musicais aproveitan os Fiollos para repoñer forzas coas sementes de seu e continuar a viaxe sur.

E que dicir da lendaria Lagartaria medieval que, por razóns, ben podería ubicarse aquí, coa ilustre presenza nas ladeiras soalleiras duns seres desvalidos: o Esgonzo común, o Lagarto arnal, a Lagartiña dos penedos, a Lagartiña rabuda, a Lagartiña cincenta, o Escáncer común, o Escouparón cego, a Cobra lagarteira meridional, a Serpe riscada, o Cobregón.

Lagartiña rabuda

E que bo sería deleitarnos co achegamento ao mundo vexetal e atopar inusuais especies de prantas, poida que usadas na farmacopea de tempos antergos.

Hypericum perforatum

Todo aldraxado. Non interesan estes asuntos sen beneficio económico, con pouca repercusión social, sen decisión en sufraxio. Que mágoa non dar estima ás cousas importantes do mundo, único, noso. Decatarase o erro cando sexa tarde. A eternidade tomará a súa débeda.

Despídese esta viaxe cun resaibo de amargor e un arrecendo a esperanza no ronsel da mareira. Desexemos un futuro máis lúcido. Sempre.

luns, 1 de xuño de 2015

Sondaxe dun voluntariado ambiental contra os lumes forestais

Olá, un proposto.
 
Dirixido a grupos e persoas que estexan a favor da protección da Natureza.
 
Vaise lanzar unha sondaxe para ver como se respondería ante esta suxestión:
 
Habería alguén disposto a organizarse de forma voluntaria, altruísta e independente de calquera organismo ou asociación para a defensa do monte vista a chegada da máxima incidencia de lumes forestais?
 
Podería ser mediante vixiancia activa comunicando aos axentes da autoridade a presenza de vehículos e persoas sospeitosas nos montes, axuda loxística para levarlles auga ou alimentos ás brigadas de extinción de incendios que seica lles fai moita falta, emisión de escritos de queixa oficiais ante as posibles irregularidades que se observen nos medios de extinción e vixiancia, comunicación ao 085 de puntos de lume que se vexan comezando, relatar ante as autoridades medioambientais lugares de posible risco de incendio vistas unhas características obxectivas, divulgación pública do voluntariado para posible disuasión dos incendiarios e tamén para a sensibilización ambiental da poboación mediante o exemplo, etc.
 
Sería imprescindible relatar por escrito estas inquedanzas ás autoridades na materia para que tiveran coñecemento e facilitaran incluso unha cobertura legal a este voluntariado mediante autorizacións oficiais de seren necesarias.

Pediríase colaboración das distintas asociacións ambientalistas que poidesen estar interesadas.
 
O relatado é so a modo de exemplo da liña a seguir. Poderían suxerirse outras questións. Interesaría saberse outras opinións ou aclaracións.
 
Por certo, de momento é só unha ocorrencia.
 
Partillarase esta mensaxe en máis lugares das redes sociais por se alguén concorda para unha posible materialización.
 
Saúdos