venres, 6 de maio de 2016

Unha Víbora fuciñuda, Vipera latastei

Sublíñase que en territorio galego, a Víbora fuciñuda, é moi escasa e localizada, limitándose ao cuadrante sueste da provincia de Ourense, por cima dos 800 metros de altitude, polo que calquera citat é de elevado interese, máis aínda ao tratarse dunha nova grella de dez por dez quilómetros.

Vive en lugares rochosos sen cobertura arbórea e con dominio do mato de alta montaña. Debido ós seus estritos requerimentos de hábitat, á súa limitada área de distribución e ós numerosos factores que poden facer dimunuír a súa abundancia, debería levarse a cabo un estudo detallado que determine o seu grao de ameaza. (Cabana, M., 2011.Vipera latastei (Boscá, 1878). Atlas de Anfibios e Réptiles de Galicia. SGHN. Santiago de Compostela: 98-99).

Veleno: É solenoglifa, cos dentes inoculadores na parte anterior da boca, que actúan commo unha xiringa. Estes repréganse cando pecha a boca. A mordedura é máis perigosa que a da Vipera seoanei, porque inxecta máis veleno, dándose casos fatais. Os grupos de risco son os nenos, anciáns e enfermos. Non son agresivas, e fuxen cando son molestadas; só morden ao atrapalas ou acurralalas. (Asensi Cabirta, M., 2006. Guía dos Anfibios e Réptiles de Galicia. Baía edicións. A Coruña: 140-141).

O lugar de ocorrencia é unha zona previsible na que xa se estivera á súa procura debido a unha información recibida vai anos atrás por parte dun bon amigo, Xosé Manuel Rodríguez (Kata), aínda que non acabou aparecendo ata o de agora.

Este exemplar foi observado e fotografado por Vanessa Saraiva, publicado co amable permiso da autora, nunha localidade da bisbarra que non se precisará para non interferir no desenrolo da especie.

De elevado interese naturalista, lingüístico e etnográfico dicir que se recolleron dous nomes vernáculos para designar a esta escasa especie: Bicho dascada e Víbora da terra, ambos recollidos por Vanessa Saraiva na localidade de ocorrencia. Ás cobras e serpes adóitaselle chamar a todas cun nome xenérico mais neste caso era de esperar que tivera un nome específico debido á súa escaseza, ao seu marcado deseño e á súa relativa peligrosidade ou advertenza.

A información da observación enviouse a Rafael Vázquez (Nocko), herpetólogo de referenza dos anfibios e réptiles galegos e peninsulares; a Martiño Cabana para a súa inclusión no Atlas de hérpetos e libélulas de Galicia. Seguimento de hérpetos de Galicia. Martiño Cabana (UdC); e a Moisés Asensis para a súa inclusión na revisión do Atlas dos anfibios e réptiles de Galicia da Sociedade Galega de Historia Natural.


Víbora fuciñuda, Vipera latastei. Fotografía e observación de Vanessa Saraiva

Entorno coa Víbora fuciñuda. Fotografía de Vanessa Saraiva

Moitas grazas á observadora e aos implicados na publicación desta cita herpetolóxica.
 
 

2 comentarios:

Xabier Prieto Espiñeira dixo...

Magnífica nova e magnífico documento fotográfico, Xosé Ramón. Meus parabéns a todas as pesoas implicadas.
Apertas.

Xosé Ramón Reigada dixo...

Obrigadinho Xabi, aínda ha surpressas nesta região, cumprimentações