mércores, 15 de xuño de 2016

Esquencida rexión límite

Eis acó unha deliberación: Bisbarra Rexiomontana, por que?
Esquencida rexión límite por parte duns outros amadores da Natureza. Esquencida rexión límite por parte duns outros pescudadores desta nosa Historia. Esquencida rexión límite por parte duns outros apaixonados da herdanza musical. Esquencida rexión límite por parte duns outros versados na escrita. Esquencida tan só.
Que é o que acontecerá por aquí onde semella non arder xa o lume na lareira? Será o fado que levou ésta Terra ao infortunio?
Matria anterga dun egrexio persoeiro, acubillo dalgún outro enxeñoso fidalgo, dominio dun príncipe e futuro rei, e as encostas do Mente, as fragas da Urdiñeira, a Cova das Choias, as serras de Camba, a mítica Edreira, as ventureiras augas do Cereixo, a imponencia do Larouco, o planalto do Alto Búbal, o Centro do Mundo, os derrubes de Vamba, o Lagar dos Mouros, o Pozo do Demo, o espurio Castro Baroncelli, as profundidades do Val, a sempre flutuante Raia Trasmontana, o baril pobo Tamagano.
Navegando cara a Illa das Mazairas deixamos en terra o carro e os bois, e esquencemos o arrecendo do viño novo o asubío da gaita e os paxaros e o caldo sabedeiro, e no infindo dos regueiros continuará o murmurio da auga e esvaecerase o ronsel efémero do navío.

luns, 13 de xuño de 2016

Unha planta carnívora na bisbarra de Monterrei

Eis acó unha planta carnívora fotografada nesta nosa bisbarra rexiomontana. A súa designación cientista é Drosera rotundifolia L.
 
En Rebordechao, Vilar de Barrio, dáselle o nome de Papeira, segundo nos contou o Benito. Iste foi o único lugar onde lle atopamos un nome vernáculo ao estar restrinxida a súa presenza, nun principio, a localidades de certa altitude.
 
"Florece en xuño-setembro en brañas e lugares húmidos de augas acedas, especialmente enriba de brións do xénero Sphagnum. Emprégase en medicina para xaropes contra a tose, en especial para meniños". Guía das Plantas de Galicia, Xosé Ramón García, páx. 159.
 
"Virtudes. La drósera es un antiespasmódico, empleado principalmente para combatir la tos, sobre todo la tos de tipo convulsivo, y mayormente la de los niños". Plantas medicinales. El Dioscórides renovado, Pío Font Quer, páx. 284-285.

 
 





As distintas observacións desta especie foron subidas á páxina Biodiversidade Ameazada Galiza - Norte de Portugal:

http://www.biodiversidade.eu/avistamento/drosera-rotundifolia-l-2/

xoves, 2 de xuño de 2016

Nova observación do solífugo Gluvia dorsalis na bisbarra de Monterrei

Eis aquí outra nova observación da especie de Solífugo Gluvia dorsalis (Latreille, 1817).

Istá échevos unha das primeiras citas documentadas deste raro Arácnido en territorio galego.

Semella ser escaso e moi localizado, presente só nos terreos máis áridos e secos da bisbarra.

Tamén vos é a única especie desta Orde taxonómica Solifugae presente na Europa propria de ecosistemas desérticos e semidesérticos.

Toda unha raridade.

Gluvia dorsalis. Fotografía de Ana Fernández Vidal

Obrigado aos observadores, Ana Fernández Vidal e Rafa Vázquez (Nocko), excepcionais herpetólogos e naturalistas da Coruña, por esta descoberta de tanta importancia.

A cita enviouse para a súa validación a Biodiversidade Ameazada Galiza - Norte de Portugal:

http://www.biodiversidade.eu/avistamento/gluvia-dorsalis-latreille-1817-1/

Adxúntase, a continuar, o acceso a unha anterior entrada neste blogue sobre as primeiras observacións da especie por parte de Xabier García Castiñeira:

http://verin-natural.blogspot.com.es/2013/02/gluvia-dorsalis-no-alto-tamega.html

mércores, 1 de xuño de 2016