martes, 23 de maio de 2017

Vídeo e resumo da saída ao campo para observación de anfibios e réptiles mediterráneos

Vídeo e resumo da saída ao campo para observación de anfibios e réptiles mediterráneos ocurrida durante o fin de semana do 20 e 21 de maio do 2017 polos concellos de Monterrei, Oímbra, Chaves, Verín, Vilardevós, A Mezquita e A Gudiña.


Todas as especies collidas para análise e mostra e logo devoltas ao seu medio foron manipuladas co correspondente permiso da Dirección Xeral de Patrimonio Natural polo que se autoriza a excepción ás normas xerais de protección de especies silvestres. Expediente: EB-014/2017. Especies que se autorizan: Anfibios e Réptiles. Número de exemplares: Os mínimos imprescindibles. Lugar: Galicia. Vixencia: 31/01/2017 - 31/12/2017. Os datos obtidos serán incluídos na actualización do Atlas de Anfibios e Réptiles de Galicia e no Atlas e Libro Vermello dos Anfibios e Réptiles de Galicia.

* Especies de anfibios detectadas:

Pintafontes verde, Triturus marmoratus
Pintafontes común, Lissotriton boscai
Píntega común, Salamandra salamandra
Sapo cunqueiro, Bufo spinosus
Ra de San Antón, Hyla molleri
Sapo corriqueiro, Epidalea calamita
Ra verde, Pelophylax perezi
Sapiño parteiro, Alytes obstetricans

* Especies de réptiles detectadas:

Lagarto arnal, Timon lepida
Escouparón cego, Blanus cinereus
Esgonzo común, Escoupariño, Chalcides striatus
Lagartiña dos penedos, Podarcis guadarramae lusitanica
Serpe riscada, Rhinechis scalaris
Lagartiña rabuda, Psammodromus algirus
Esgonzo ibérico, Chalcides bedriagai
Cobra de auga viperina, Natrix maura
Lagarto das silveiras, Lacerta schreiberi
Lagartiña cincenta, Psammodromus opccidentalis
Cobregón, Malpolon monspessulanus
Ladra, Tarentola mauritanica
Lagartiña galega, Podarcis bocagei
Cobra lagarteira meridional, Coronella girondica

* Outras observacións de interese:

Cempatas, Scolopendra cingulata
Alacraio, Buthus ibericus
Barbatesa da especie Empusa pennata
Vagalume, Lampyris noctiluca (larva)
Escornabois pequeno, Dorcus parallelepidpedus
Pomba zura, Columba oenas
Águia cobreira, Circaetus gallicus
Águia calzada, Aquila pennata
Miñato negro, Milvus migrans
Lobo ibérico, Canis lupus signatus (deposicións)
...

* Tamén se recompilaron varios nomes vernáculos do Pereiro e Santigoso, concello da Mezquita, 
vese que teñen unha clara influenza da proximidade con Castilla:

Aguilucho ratonero, Circus pygargus
Águila, Aquila chrysaetos (?)
Pombo, Columba palumbus
Reisiñor, Luscinia megarhynchos
Paspallada, Coturnix coturnix
Carriza, Troglodytes troglodytes
Bubela, Upupa epops
Pito, Dendrocopos major
Pito verdeal, Picus viridis
Cataluvía, Lullula arborea
Lavandeira, Motacilla alba
Corvo, Corvus corone, Corvus corax
Tornillo, Sturnus unicolor
Merla, Turdus merula
Pega, Pica pica
Pardal, Passer domesticus
Paporrubio, Erithacus rubecula
Lagarto, Timon lepidus, Lacerta schreiberi
Lagartixa, Podarcis bocagei, P. guadarramae
Víbora ou Bichorro, Vipera latastei, dependendo de se é femia ou macho
Cuco, Cululus canorus
Anduriñas, Hirundíneos
Vencello, Apus apus
Verdello, Chloris chloris
Noitarega, Caprimulgus europaeus
Milpéndora, Oriolus oriolus

Grazas aos participantes e aos interesados que non poideron asistir.

Até á próxima...

martes, 9 de maio de 2017

Mais outra localización de Víbora fuciñuda

Eis acó unha boa nova para a bisbarra de Monterrei: Acaba de aparecer outra cita de Víbora fuciñuda, Vipera latastei, nunha grella na que non constaba a súa presenza. Bon, semella que si que había dúas citas antigas de presenza aínda que sen confirmación plena.

Grazas a Pablo Serrano polo seu descubrimento e por toda a información aportada.

Como xa publicaramos nunha anterior entrada esta especie é, segundo a Guía de Anfibios e Réptiles de Galicia de Moisés Asensi Cabirta, o ofidio máis escaso de Galicia, relegado ás montañas, e desaparecido das zonas con presión humana. As pirncipais ameazas son a morte directa por humanos, o atropelo e, sobre todo, as repoboacións forestais.

Como dato a significar imos poñer a súa distribución mundial segundo o Atlas dos Anfibios e Réptiles de Galicia da Sociedade Galega de Historia Natural (páx. 98-99) Víbora fuciñuda, Vipera latastei (Boscá, 1878), Martiño Cabana Otero, Distribución mundial: Especie iberomagrebí que se distribúe polo norte de África e a Península Ibérica. Nesta vive en gran parte do mediteráneo ibérico ocupando tamén as zonas máis térmicas da montaña setentrional peninsular. Escasa na Meseta e noutras zonas de baixa altitude do terzo norete onde queda relegada ás zonas de maior altitude.

No Atlas y Libro Rojo de los Anfibios y Reptiles Españoles refire o seguinte: Es posible su presencia en otras sierras del sur de Orense, como Serra da Pena, Serra de Larouco, Serra das Penas Libres, y Serra de Queixa (P. GALÁN). A súa catalogación figura na Categoría mundial (UICN) coma non catalogada, e na Categoría en España coma case ameazada NT.

Vípera latastei. Fotografía de Pablo Serrano

Na zona semella que se coñece co nome vernáculo de A Bicha.

A localidade e as coordenadas do punto de observación manteranse en segredo para non dar pistas a posibles silvestristas. Serán partilladas para os atlas de distribución de hérpetos en Galicia: Atlas dos Anfibios e Réptiles de Galicia, da SGHN, e Atlas e Libro Vermello dos Anfibios e Réptiles de Galicia.

Parabéns ao descubridor Pablo Serrano e grazas ao cientista Martiño Cabana, e aos naturalistas Moisés Asensi e Rafa Vázquez polas aportacións facilitadas.

Vipera latastei. Fotografía de Pablo Serrano
Vipera latastei. Fotografía de Pablo Serrano

mércores, 3 de maio de 2017

Vídeo coa grabación da recolla de nomes vernáculos de Fauna en Feces de Cima

Por consideralo un bo documento adxuntamos a seguinte montaxe en vídeo coa grabación da recolla de nomes vernáculos de Fauna realizada en Feces de Cima ao veciño Manuel Salgueiro, entrevistado por Xosé Ramón Reigada e Bruno Rúa o xoves 13 de abril do 2017.