martes, 18 de setembro de 2012

Recuperouse e ceibouse a cría de Rebisaco

Hoxe chamaron do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre do Rodicio para dar boas novas: a cría de Rebisaco habíase recuperado con éxtio e xa estaba pronta para se ceibar no medio.

Agardei polos axentes de Medio Ambiente que o traían. Ao chegaren contactamos cos veciños de Gondulfes que o atoparan e fumos para aló.

Estaban agardando por nós case toda a familia, en especial os nenos e o avó -que foi quen o atopou-.

Dixeron de soltalo nunha carballeira afastada da aldea. Acabamos indo ceivalo nun lugar da súa propiedade (o avó sentíase identificado en pleno co animal, dixo que ata lle ía facer un caixón de madeira para que acabara entobando nel).

Tardou en querer saír da caixa de transporte mais ao final choutou e fuxiu a agocharse entre a espesura da touza.

Desexámoslle sorte...



É de agradecer a colaboración de todos os que participaron nesta historia: historia (lat. historia(m), id.) s.f. 8. Relato dun suceso real curioso e interesante.

mércores, 1 de agosto de 2012

Unha crenza popular sobre as Ladras

Noutras entradas deste blogue xa se publicou o nome vernáculo de Ladra para designar a especie Tarentola mauritanica, recollido en varias localidades da comarca de Monterrei (Verín natural. Recompilación de nomes vernárculos de fauna), e entre elas no pobo de Castrelo de Abaixo do concello do Riós, do que se tratará en especial.

Este curioso réptil ten unha distribución mediterránea, rara para Galicia, ao estar no límite da súa distribución. Hoxe en día está bastantate espallada por territorio galego, con presenza en diferentes puntos urbanos, coma no Barco de Valdeorras, Ourense, Vilagarcía de Arousa, Vigo, etc. Estas poboacións illadas crense que son debidas a introducións recentes, avaladas polos datos que se teñen e polas características do seu comportamento.

No entanto, as ladras do surleste da provincia de Ourense atópanse en ambientes naturais, cunha distribución homoxénea nos lugares apropiados e coa presenza do mencionado nome vernáculo co que se recoñece plenamente á especie por parte da xente do lugar, polo que se teñen suficientes motivos para afirmar que a súa presenza nesta rexión é histórica.

De momento, e a falta de máis prospeccións, a comarca de Monterrei sería a única zona de presenza natural da especie en Galicia.

Coma referencia bibliográfica cítase o Atlas dos anfibios e réptiles de Galicia que di o seguinte: ...As únicas poboacións supostamente autóctonas da especie distribúense polas concas galegas do río Douro da bisbarra de Monterrei (CABANA OTERO, M., 2011. Tarentola mauritanica (Linnaeus, 1758) in Atlas de Anfibios e Réptiles de Galicia. Sociedade Galega de Historia Natural. Santiago de Compostela: 56-57).

E a continuar relatarase unha crenza que se recolleu no pobo de Castrelo de Abaixo, ubicado na mediterránea cunca do río Mente, e que non leva máis que a asegurar o exposto nas liñas anteriores:

Contouna un veciño deste pobo, maior de 75 anos, emigrado ao Brasil fai máis de 50 anos, e agora de visita na súa Terra. Contaba que a estas lagartiñas lles chamaban Ladras, segundo lembra, que andaban polas paredes dentro das casas e que a súa mai lle dicía que daba sorte cando se vía unha de cor branca e non se debían de matar.

Esta crenza popular pon de manifesto a característica particular da especie de ter unha grande variabilidade de coloración, segundo o estado do animal e a luz que reciba, podendo pasar de tons moi claros a un gris moi escuro, consonte á Guía dos Anfibios e Réptiles de Galicia (ASENSI CABIRTA, M., 2006. Tarentola mauritanicaGuía dos Anfibios e Réptiles de Galicia. Baía Edicións. A Coruña. 100-101).

Áchase entón de sumo interese etnográfico e naturalista a presenza na cultura popular galega desta crenza relacionada cunha especie animal de distribución mediterránea dentro do que se ven a considerar a Galicia atlántica.


martes, 26 de xuño de 2012

Unha cría de Rebisaco entre nós

Onte unha amiga chamoume para dicir que aparecera un animal dentro da bodega do seu pai en Gondulfes.

Fumos ata alí para velo.Tratábase dunha cría de Rebisaco, Genetta genetta, bastante espelida. Os nenos estaban encantados ao redor do animalciño.

Para tratar de facer algo pola cría trasladámola de novo para a bodega onde se puxo a miañar pola mai.

Á tardiña fixémoslle outra visita para comprobar o seu estado, seguía alí mais sen rastro da mai. Deixámola toda a noite nese mesmo lugar para tratar de que fora atendida.

Pola mañá estaba no mesmo sitio, moito máis débil. Supuxemos de que en definitiva habíase extraviado.
Con urxencia non nos quedou máis remedio que levala para a nosa casa: hidratámola e alimentámola con leite que lle demos por unha xiringa. Aceptouno moi ben e recuperouse de forma rápida.

Puxémonos en contacto co servizo de Medio Ambiente e ao final levárona para o Centro de Recuperación de Fauna Silvestre do Rodicio.

Farémoslle un seguimento e xa contarei...



mércores, 13 de xuño de 2012

O Chincoparedes

Hoxe, por casualidade, atopeime cun nome vernáculo para o Rabirrubio común, Phoenicurus ochruros. Non tiña rexistrado moito acerca do coñecemento popular desta especie, só un vernáculo que lle ouvira a un veciño do concello de Manzaneda, chamáballe Ferreiro, e xa me parecía raro que a xente non lle tivese un nome para este paxaro tan común nos nosos pobos da comarca de Monterrei. Foi no mesmo val, na aldea de Tamagos, concello de Verín. Eis aquí o seu nome: Chincoparedes. A primeira parte do nome "chinco-" pode facer referencia ao seu son de alarma, a segunda parte "-paredes" vese que fai referencia aos lugares onde anda, intuitivo e preciso. Fermoso, non si.

Chincoparedes macho



Chincoparedes femia

xoves, 7 de xuño de 2012

Biodiversidade Galega



2012. Aparece unha nova plataforma que pretende unir ao mundo naturalista en Galicia a partir da súa biodiversidade. Solicítase a participación de calquera persoa interesada no respeto e coñecemento da Natureza.

http://biodiversidadegalega.blogspot.com.es/2012/06/colabora-con-biodiversidade-galega_06.html

martes, 10 de abril de 2012

Intensa floración



Esta é unha interesante e típica imaxe primaveral das zonas soalleiras do río Támega. Trátase da intensa floración dos Ranúnculos acuáticos ou Ougas, Ranunculus penicillatus. Estas plantas medran en augas con corrente. A súa proliferación débese a unha defensa que ten o río ao retirárselle as árbores de ribeira. Son beneficiosas para o medio ripícola ao dar sombra ao cauce e minimizar a evaporación, osixenan a auga e absorben o exceso de nutrintes, aliás de albergar unha elevada diversidade de Fauna acuática beneficiosa e capaz de sustentar a moitas especies ligadas ao ecosistema fluvial. Como último dicir que esta paisaxe do río Támega ao paso por Verín é todo un espectáculo visual.

mércores, 7 de marzo de 2012

Tempo despois do Entruido barrúntase a Primavera



Brassica oleracea var. medullosa
Lagartiña dos penedos, Podarcis hispanica
Cicindela sp.; C. maroccana (?)
Corvo, Corvus corax
Gagea nevadensis
Gonepteryx rhamni

Poligonia c-album
Naviñeiro, Carduelis cannabina

Issoria lathonia
Lagartiña cinsenta, Psammodromus hispanicus
Cytisus multiflorus
Corvelos, Corvus corone
Narcissus bulbocodium

Nymphalis polychloros
Blechnum spicant

sábado, 7 de xaneiro de 2012

Etnoastronomía

Os nosos antergos tamén miraban para o ceo nocturno e rexían algunha parte das súas vidas por acontecementos celestes, aliás non deixaran suficientes rexistros na tradición oral. Con esta entrada preténdese ir poñendo aos poucos os nomes, contos e costumes que poidamos atopar facendo referencia a algún motivo relacionado coa astronomía antropolóxica ou mesmo coa cosmoxeobioloxía dentro dos eidos da mitoloxía ou da realidade galega

De momento atopámonos cos seguintes relatos:

A Pastora: Suponse que se poida tratar dalgún planeta brillante coma Venus cando aparece polo oeste á atardecida, ou mesmo Xúpiter, tamén podería ser algún outro astro moi brillante coma a estrela Sirio que sería o seguinte corpo celeste en intensidade. O nome semella referirse ao feito de que cando aparecía esta estrela soa no ceo era a hora de recoller o gando. Podería tratarse da mesma estrela que se coñece co outro nome de A Panadera, ambas designacións fóronnos ditas pola mesma veciña da Pena do Souto no concello do Riós

O Carro: Conxunto de estrelas que tamén se lle chama Carro dentro da astronomía convencional, aínda que este nome que atopamos refírese á súa semellanza cos carros de vacas ou bois do país. A súa situación no ceo está ubicada dentro da constelación da Osa Maior. Contárronnos que lles servía para coñeceren o tempo nocturno transcurrido, dependendo da súa posición no ceo, en especial útil cando ían a acancelar, actividade consistente en ir pechar o gando pola noite dentro dunhas leiras para que abonaran o chao. Cando facían esta labor durmían nuns refuxios denominados carrozas que se facían con táboas, paos e palla a modo de tipi ou tenda de campismo e transportábanse no alto dos carros para ir dunha leira a outra. Esta narración foi recollida na zona de San Cibrao, concello de Oímbra

O Arado: Esta é outra designación por similitude para O Carro na Osa Maior. Dicíannos que mesmo se lle vía o temon do arado e as rellas. Recollido na Pena do Souto

O Luceiro da Mañá: Refírese ao planeta Venus cando é visible de mañá polo leste ao ser o astro máis luminoso. Recolleuse o mesmo nome nos concellos do Riós e Oímbra

As Tres Marías: Fai referenza ás tres estrelas que compoñen o Cinturón de Orión. Cantáronnos unha cantiga que dice así:

Alá van as Tres Marías
de noite polo lunar
en busca de Jesucristo
queno puidera encontrar

A Lúa: É sabido a crenza da influenza da Lúa nas distintas tarefas do campo e de certos aspectos da vida das persoas. No concello do Riós recollimos o testimonio dunha veciña dicindo que había que facer as sementeiras coa lúa chea para que os vexetais non se saíran, e que había que recoller na mesma lúa coa que se sementaba. Contounos que coa lúa chea as persoas póñense nervosas e alteradas, ademais de que inflúe na hora do parto das mulleres embarazadas, e tamén no gando

Luar
O Arado


Segundo a nosa interpretación, e en simpleza especulando, queremos intuír que algunhas gravuras rupestres do tipo coviñas poderían coincidir co deseño de determinadas constelacións


Petroglifos na comarca, Coviñas descubertas por casualidade nos arredores do Castro Vamba. Os veciños das aldeas próximas non coñecían o significado destes penedos, en dous deles dicían xogaren os nenos enriba ao estar ambos no medío duns pradiños, o outro éralles descoñecido e non se lle tiña ningún topónimo específico que o referenciara. O máis probable é que estexan sen catalogar

Continuaremos coa pescuda...

martes, 20 de decembro de 2011

Sociedade Antropolóxica Galega

Eis aquí unha nova páxina de referencia para acabarmos ben o ano:

antropoloxiagalega.org



Grazas ao Miguel Losada por pasarnos o enlace

venres, 4 de novembro de 2011

Maleza e bicharada

No mes pasado fiquei sorprendido cunha noticia que apareceu en varios xornais:


Vecinos (de Verín) recogen firmas para exigir la limpieza del cauce del río Támega


Verín recoge firmas para que le dejen limpiar el río Támega


Había frases coma istas:


Centenares de arbustos y árboles se han apropiado durante los últimos años del verdadero cauce del río...


«El estado del río es lamentable y vergonzoso»...


...«está lleno de maleza, hace años que no se limpia, y en él han crecido decenas de árboles que obstaculizan el paso del agua»...


A continuación vanse poñer unha serie de imaxes do LIC do río Támega obtidas nos barrios do Olivar e a Noria ao seu paso pola vila de Verín e na súa inmediata continuación pola paraxe do Pracer. Xulgade vós



O Olivar - Verín
Leito do río Támega
Só nesta parcela dentro do leito do río xa nos atopamos cunha importante diversidade de Flora, unhas dez a doce especies: Xungo (Juncus sp), Hortelá de auga (Mentha aquatica), Pementa de auga (Polygonum hydropiper), Ortiga (Urtica dioica), Espadana (Typha latifolia), Carrizo (Pragmites australis), Salgueiro (Salix sp), Dulcamara (Solanum dulcamara)...
Herba moura, Solanum nigrum
Lavatera cretica
Picafollas común, Phylloscopus collybita
Lavanco, Anas platyrhynchos
Na orela tratan de medrar uns pés de Choupo híbrido (Populus x canadiensis), un tímido Pradairo (Acer pseudoplatanus) e un Amieiro (Alnus glutinosa)
Camiño da Noria
Catalpa, Catalpa bignonioides, naturalizada
Lavancos, Anas platyrhynchos
En primeiro termo vemos naturalizado un Pradairo negundo, Acer negundo

Herba do pobre, Clematis vitalba
Vide, Vitis vinifera, rubindo polo toro dun Salgueiro branco, Salix alba
Vide, Vitis vinifera, e Herba carmín, Phytolaca americana
Falsa acacia, Robinia pseudoacacia, naturalizada
Leitarega, Euphorbia amigdaloides, entre follas de Pradairo, Acer pseudoplatanus
Hedre, Hedera hibernica
Bosque ribeirán onde predominan os Freixos, Fraxinus angustifolia, nesta zona contabilízanse máis de trinta especies arbóreas diferentes
Plátano de sombra, Platanus orientalis var. acerifolia, naturalizado
Cartaz na preseira do muíño do Pracer
Hortelá de auga, Mentha aquatica, e unha Bolboreta da especie Artogeia rapae
Crocus serotinus
Freixos, Fraxinus angustifolia, de bo porte



No mes de abril xa saíra tamén outra noticia semellante:


Bancos de algas invaden el río Támega en Verín


Estas algas ás que se refire o artigo non son tales, trátase de Ranúnculos acuáticos, Ranunculus penicillatus, en floración, como defensa do río ao carecer da sombra das árbores


Cada cousa ten a súa beleza, mais non todos poden vela
Confucio


Nesta entrada só se pretenden cuestionar os temas que teñen a ver en xeral coa Natureza e en particular co ecosistema ripícola