xoves, 8 de novembro de 2012

Os Páxaros do Centro do Mundo

TEXTO REVISADO E AMPLIADO

No pasado mes de outubro, durante unhas xeiras multidisciplinares, recolléronse unha morea de nomes vernáculos de aves e outros seres que nos proporcionou o amigo Claudio -Zunín-, amante dos páxaros e a Natureza da súa Terra, recollidos e usados de forma natural ao longo dos anos no pobo de Videferre: O Centro do Mundo.

Debido á extensión do material recollido irase subindo a información noutras próximas entradas, tais coma nomes vernáculos de Fauna e Flora e algunhas outras curiosidades sobre a Fala de Videferre e algún que outro lugar limítrofe.

Todo un compendio de sabedoría popular.

Comezamos entón a viaxe polas designacións que se lles dá ás Aves no Centro do Mundo:

Aguia, Accipitridae. Sería un nome xenérico para todas as aguias, mais debido á cercanía da Serra do Larouco puido haber servido nun principio para designar en exclusiva á Aguia real, Aquila chrysaetos, como ocorre noutras zonas de presenza desta especie. "Pódese ter a certeza que aquí viviu a Águia real ao ser vista e identificada plenamente en tempos pasados".


Aguia perdiceira, Hieraaetus fasciatus vs. H. pennatus. Non se sabe de certo a que especie de Aguia se correspondería, Hieraaetus fasciatus sería escasa en extremo e H. pennatus non estaría especializada en depredar sobre as Perdices, aínda que o lugar sexa, ou fora, óptimo para a abundancia destas galiñáceas, de aí virá o topónimo de preto Vilar-de-Perdizes.

Ameixengo manso, Parus major, Parus caeruleus. "Vive cerca dos Humanos. É un páxaro confiado e curioso. A súa beleza é unha pincelada de cor que namora. Anida en calquera burato, con preferencia por casas abandonadas".

Ameixengo bravo, Aegithalos caudatus. "Case o mesmo páxaro. Costumes diferentes. Adoitan vivir en grupos familiares a diferencia dos mansos que case sempre se alimentan sós".

Anduriña, Delichon urbica, Hirundo rustica, Riparia riparia. Nome xenérico para designar aos hirundínidos coa excepción de Hirundo daurica e Ptyonoprogne rupestris.

Anduriña brava, Ptyonoprogne rupestris. Esta sería a primeira vez que se atopa unha desginación para esta especie na comarca de Monterrei.

Anduriña do monte, Hirundo daurica. Da mesma maneira que para Ptyonoprogne rupestris sería a primeira vez que se atopa unha desginación para a especie na comarca de Monterrei e pode que tamén sexa o primeiro nome vernáculo para Hirundo daurica recollido en Galicia.

Anduriña do monte, Hirundo daurica

Arnabico, Burhinus oedicnemus. Cando pasan silbando en voo pola noite dicían que ía morrer alguén. Na cultura popular as aves nocturnas relaciónanse coa morte. "Ocurrencia ocasional. O seu hábitat foi destruído".

Ave rapiña, Circus pygargus. Recollida esta designación con anterioridade noutros lugares para esta especie en concreto ao confirmaren a súa presenza só en época estival a diferencia de Circus cyaneus que é residente.

Avefría, Vanellus vanellus. Antes de desecaren a Lagoa de Antela víanse bandos moi numerosos polo inverno. "Páxaro que se foi. Antes víanse grandes bandadas que cubrían A Veiga, onde criaba. Era unha das aves máis emblemáticas de Videferre".

Barrigadodre, Phoenicurus ochruros. Anda polas paredes e buracos das casas do pobo, cría varias veces na temporada. "Tímido e solitario, lembra a unha pantasma axexando en lugares solitarios".

Barrigadodre, Phoenicurus ochruros

Berras, Gallinago gallinago. Pode referirse aos sons que emite.

Boieira, Motacilla flava. Parecida á Lavandeira pero de cor amarela e anda entre o gado (en portugués tamén se di gado e non gando). Tense detectado a súa presenza en poucos lugares da comarca. "Primeiro desapareceron ás vacas e despois foron as Boieiras".

Bubela, Upupa epops. Este é o único nome atopado para esta especie, sen variantes.

Bufo, Buteo buteo, Bubo bubo. A parte de designar ao Bufo real, Bubo bubo, tamén se utiliza para a especie Buteo buteo, o Miñato común, no entanto tense recollido esta confusión en máis lugares da bisbarra. "Sempre que se preguntou só podía corresponderse co Bufo real. As explicacións falaban de lugares tranquilos e afastados".
Bufo, Buteo buteo

Carriza, Troglodytes troglodytes. Única designación atopada para esta especie en toda a comarca. "Pequena e brincadeira. Cando emite os seus cantos pola primavera din que vai chover pois canta a Carriza".


Carriza, Troglodytes troglodytes

Cazcarrollo, Lanius meridionalis. De tamaño grandiño, pincha as presas nos picos dos Escambrós, Crataegus monogyna (terminación plural en -s e non -ns como é a norma). "Liorteiro e afouto. Non duda en peteirar a mou de quen o sosteña".

Chazco, Saxicola torquata. Designación estendida por máis lugares.

Chicharra, Emberiza calandra. Nome por asimilación que fai referencia á analoxía do son desta ave co do coñecido insecto da familia Cicadidae.

Chinco, Fringilla coelebs. "Existe o Chinco vulgar, Fingilla coelebs, e o Chinco real, Fingilla montifringilla, que nos regalan a súa presenza. O nome virá do seu canto. Onomatopeito".

Cirifolla, Phylloscopus ibericus. Aliméntase dos pulgós (terminación plural en -s e non -ns como é a norma) das fabas polo mes de xuño. Ao dicir que está só presente ná primavera e vrou (así é como se di en Videferre verán) leva a concretar a esta especie, os outros Phylloscopus ou son de inverno ou de pasaxe ou con apariencia diferente á relatada. "Antes era moi numerosa, agora é testemuñal a súa presenza. Unha verdadeira mágoa. As causas poden ser os velenos mal utilizados polos Humanos. A súa presencia, un cibo de amabilidade e confianza".

Corvelas do Lobo, Pyrrhocorax pyrrhocorax. Fálase dun tipo de córvido que anda tras o Lobo, Canis lupus, designación que reflexa certo comportamento da especie. Fascinante.

Corvelo, Corvus corax, C. corone. Este nome úsase para desginar ambas especies aínda que existe unha zona dos montes de Videferre que se chama Penedo do Corvo, pola súa ubicación crese que fará referenza a Corvus corax.

Cutovía, Lullula arborea. Como raridade, na pronuncia diferénciase o -o- do -u-, non coma o caso doutros lugares da comarca onde se pronuncia o -o- como -u-, Cutuvía, asimilándose así ao portugués.

Cuco, Cuculus canorus. Designación amplamente espallada. Onomatopeico.

Curuxa, Tyto alba. Este é o único nome atopado para a especie en toda a comarca.

Curuxa, Tyto alba

Domingonobelo, Oriolus oriolus. Onomatopeico. -nobelo pode facer referencia á forma en que está construído o nino (na comarca díse nino e non o normativo niño).


Domingonobelo, Oriolus oriolus

Engatuñadeira, Certhia brachydactyla. Engatuña polas árbores arriba, describe o comportamento da especie. "Pode estar presente a Engatuñadeira norteña, Certhia familiaris, ao observarse a unlla posterior excepcionalmente longa".

Forneira, Sylvia undata. Pequena, de rabo moi longo. Diferénciase das outras especies do xénero Sylvia.

Gabilán, Falco peregrinus (?). Pode que designe ao Falcón peregrino e non ao Gabián, Accipiter nisus, ao comentarse que estaba presente en zonas con grandes penedos e non en bosques. En Videferre hai unha paraxe que se chama Azoreira que se supón que veña de Azor, Accipiter gentilis.

Gaiñola, Scolopax rusticola. A especie en portugués chámase Galinhola. Está presente só no inverno. "Chega polo mes de novembro".

Garrabaio, Garrulus glandarius. Segundo unha interpretación intuitiva, o nome Garrabaio pode que sexa unha forma primitiva de designar a esta ave ao aproximarse ao Garrulus latino, coa mesma raíz garr-, co tempo economizaríase a linguaxe para dar paso á designación máis extendida Gaio, que conservaría entón as raíces ga- e -aio do orixinal. De ser verdade sería curioso. "Atrevido e depredador a todos os niveis. Fermoso, desconfiado e moi intelixente. As familias permanecen unidas ata a primavera seguinte. Coñecendos as súas costumes sempre saberás quen anda polos remansos do bosque nese momento".

Garrabaio, Garrulus glandarius

Lavandeira, Motacilla alba. Diferenciada plenamente de Motacilla flava ou M. cinerea.

Laverca, Alauda arvensis. É a única designación que se atopou para esta especie en todos os lugares pescudados.

Laverca de poupa, Galerida cristata. Poupa fai referencia á crista que ten esta especie na cabeza e provén directamente do português: poupa, s. f. tufo de penas que adorna a cabeça de algumas aves.

Laverca de poupa, Galerida cristata

Letreira, Emberiza cirlus, E. citrinella, E. cia. Posiblemente sexa un vernáculo compartido con diferentes emberízidos, sen concretar especie, áinda que o máis probable é que se corresponda con Emberiza cirlus.

Malviz, Turdus iliacus. Presente só no inverno.

Melra, Turdus merula. Designación similar ao portugués, Melra en vez de Merla. Diferénciase a Melra, en femenino, especie que anda en solitario nos bosques, co Melro, en masculino, que anda en bandos nos arredores do pobo.

Melra troitoira, Cinclus cinclus. Esta especie posúe a desginación Melra achegada ao portugués e a variante -troitoira achegada a outros nomes atopados na bisbarra, que anda entre as Troitas, Salmo trutta, é dicir, nos ríos, é unha ave insectívora.

Melro, Sturnus unicolor. O mismo que para a Melra, designación similar ao portugués. Diferénciase o Melro, en masculino, especie que anda en bandos nos arredores do pobo, coa Melra, en feminino, que anda en solitario nos bosques.

Milleiro, Carduelis cannabina. Os machos teñen o peito vermello. "Fai tempo víanse bandadas moi grandes de miles de exemplares, de aí virá o seu nome, Milleiros".

Moucho, Athene noctua, Otus scops, Strix aluco. Nome xenérico para designar a estas tres especies, e poida que aínda tamén a Asio otus e Asio flammeus.

Un dos Mouchos, Otus scops

Naviñeiro, Serinus serinus, Carduelis chloris. Pequeno e de cor amarelo, co pico de granívoro, vense nas viñas, de aí o seu nome. Tamén se distingue unha outra especie máis grandiña de Naviñeiro que se corresponde con Carduelis chloris. Noutras zonas da comarca recóllese esta designación para Carduelis cannabina.

Noitevoal, Caprimulgus europaeus. Outra variante da designación máis extendida na comarca, fai referencia ás palabras noite e voar, que voa pola noite.

Paporroibo, Erithacus rubecula. É curioso non se ter atopado esta terminación -rroibo noutras localidades da comarca, o común é atoparse coa  terminación -rrubio, Paporrubio.

Pardal, Passer domesticus, P. montanus. Designación amplamente estendida.

Parpallaza, Coturnix coturnix. Variante da designación máis extendida pola comarca. Onomatopeico, asimílase ao canto desta ave.

Pedreiro, Oenanthe oenanthe. Aniña en buracos de paredes lonxe dos pobos, a diferenza de Phoenicurus ochruros que non lle importa aniñar en buracos no interior dos pobos, aínda que tamén aniña en zonas rochosas naturais.

Perdiz, Alectoris rufa. Designación estendida amplamente.

Pintasilvo, Carduelis carduelis. Semellanza co nome oficial en portugués Pintassilgo.

Pita brava, Tetrax tetrax. Antes víanse, agora fai tempo que non se ven. "Tamén se foi".

Pitorrei, Picus viridis. Distínguense tres tipos de Pitorrei, esta designación sen calificativo sería para referenciar a esta especie máis grande e común, despois estarían o ferreño e o pedrés, Decrocopos major e Jynx torquilla.

Pitorrei ferreño, Dendrocopos major. Este é outro Pitorrei, máis pequeno e de coloración diferente.

Pitorrei pedrés, Jynx torquilla. Este é o último dos Pícidos, o seu calificativo refírese a que ten unha coloración críptica semellante aos tons das pedras. Descríbese á perfección o comportamento da ave ao mencionarse a característica de torcer o pescozo como se fora unha cobra. É a primeira vez que se recolle un nome vernáculo para esta ave na comarca de Monterrei. Escaso na zona.

Pizpiz, Anthus pratensis. Veñen en novembro, designa en concreto a esta especie invernante. Onomatopeico, reflicte o reclamo da ave en voo.

Pizpiz, Anthus partensis

Pomba, Columba palumbus. Nome para designar só a esta especie de colúmbido.

Rola, Streptopelia turtur. Desginación única para esta especie na comarca.

Rosinol, Luscinia megarhynchos. Variante da designación que tamén se recolleu en outras localidades.

Tanxos, ?. Non se puido descubrir a que especie correspondería este nome vernáculo xa que fai moito tempo que non se ven e voaban tan alto que non se lles vía ningún detalle, pasaban en bandos numerosos, pode que se tratara dalgunha especie de ave limícola (?).

Tercelán, Falco tinnunculus. Variante dunha das designacións máis extendidas na comarca de Monterrei para este pequeno falcón.


Tercelán, Falco tinnunculus

Torda, Turdus viscivorus. Recolleuse este vernáculo para desginar en concreto a este túrdido, utilizándose o femenino ao ser unha especie un pouco maior que as outras do xénero. Non se atopou ningún nome para Turdus iliacus, T. philomelos e T. pilaris, de existir algún para o máis común Turdus philomelos podería que fose a desginación en masculino Tordo, ao ser de menor tamaño que Turdus viscivorus.

Tornillo, Apus apus. É curioso que este vernáculo se ten atopado noutras localidades da comarca para desginar a Sturnus unicolor, que aquí se lle chama Melro, e a máis extendida designación Merlo para chamar a Turdus merula, que aquí se lle chama Melra. O nome máis común na comarca para Apus apus sería Vencello. Unha auténtica mestura e confusión de nomes e especies.

Trallón, Ficedula hypoleuca. Vense polo mes de setembro, en pasaxe posnupcial.


Macho e Femia de Trallón, Ficedula hypoleuca


Continuará en vindeiras entradas.

* Nas xeiras multidisciplinares participaron:

Alberte Reboreda
Claudio Álvarez
Eduardo Castro
Xosé Luís Lozano
Xosé Ramón Reigada
Xosé Rodríguez

* Recollido e revisadas as especies por Claudio Álvarez e Xosé Ramón Reigada

Videferre. Outubro do 2012

mércores, 24 de outubro de 2012

Egrexio persoeiro

Acábase de achar nada menos que outra Estela de Guerreiro en Vilar de Perdizes. Está sendo documentada polo arqueólogo Alberte Reboreda: Infome sobre a Estatua-Menhir de Vilar de Perdizes (Montalegre). (*)

Este importante achado foi posible grazas á información facilitada polo seu eximio descubridor: António Lourenço Fontes, o Padre Fontes.


Eis aquí un home que mira pola súa terra, polos seus habitantes e polo seu pasado.

Eramos varios os honrados con tan ilustre compaña. Estabamos por aló o historiador verinense Eduardo Castro, o arqueólogo Alberte Reboreda, o amador das aves Claudio Álvarez de Videferre, o excelente naturalista Xosé Rodríguez, o amador da historia Xosé Luís Lozano descubridor da Estela de Guerreiro de Pedra Alta en Castrelo do Val, e máis eu, o amigo Xosé Ramón Reigada. E noutra xeira anterior, como non, o polifacético artista Beato D'Arzádegos.



Na súa compaña amosounos os tesouros arqueolóxicos que se agochan neste enclave barrosou:

O Penedo de Caparinhos, o Santuario Rupestre de Santa Mariña das Olas, o Altar Rupestre de Pena Escrita, o Dolmen da Casa do Bispo, máis dunha ducia de Lagares Rupestres de posible orixe romana ou anterior, o Penedo de Rameseiros, o Penedo das Pegadinhas da Burra da Nossa Senhora, varias Tumbas Rupestres Antropomorfas Medievais, a representación en pedra do Deus Larouco, o achado desta inédita Estatua-Menhir ou Estela de Guerreiro.

E aínda máis...

Conversamos, tomamos un Vinho do Porto, admiramos a súa biblioteca, contaxiámonos da emotividade do ambiente, da súa amabilidade, o sabor da amizade, o aroma da sabiduría, a música do carácter, a visión da harmonía, a textura do tempo.

Un egrexio persoeiro.

Obrigado por eses momentos inesquecibles.

Estatua-Menhir de Vilar de Perdizes


Calco sobre papel


Coviñas no reverso


Escudo frontal

Interior da igreja matriz de Vilar de Perdizes
Lugar onde apareceu a representación do Deus Larouco, de culto pagán, agochado entre o soallo, atopado durante unhas reformas recentes do templo cristián

Deus Larouco

Asimilado ao Deus Sucelo


Penedo de Caparinhos
Muller e home espidos cos brazos alzados, arco superior (celeste) entre as mans do home, armas depositadas a ambólos lados dos pés. Desde esta perspectiva a figura femenina está por baixo da masculina mais desde o lugar de observación frontal a figura da muller ficaría por diante da do home. Orientación Sur - Norte


Altar sacrificial no lugar cristianizado de Santa Marinha das Olas a carón do mítico río Búbal


Dolmen da Casa do Bispo cunha inscultura dunha serpe


Lagar rupestre de posible orixe romana, e con licenza poética, aínda poida que anterior


Outro dos diferentes lagares rupestres existentes na zona


Penedo das Pegadinhas da Burra da Nossa Senhora con petroglifos xeométricos

Unha das pegadinhas formada por coviñas


Outra parte do penedo das Pegadinhas da Burra da Nossa Senhora co monte Larouco ao fondo


Serra do Larouco, o Deus deitado

Referencias bibliográficas:

(*) Reboreda, A. (2012). Informe sobre a Estatua-Menhir de Vilar de Perdizes (Montalegre) - Pendete de publicación

Enlaces web:

Ponse a continuar un enlace ao blogue Capítulo 0 de Manuel Gago sobre a Estela de Guerreiro de Vilar de Perdizes:

http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2012/10/26/unha-nova-estela-do-bronce-no-sur/

E máis outro enlace completísimo sobre a descuberta por parte do Padre Fontes da represetación en pedra do Deus Larouco:

http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2012/01/25/mirarlle-a-cara-a-un-antigo-deus/

martes, 18 de setembro de 2012

Recuperouse e ceibouse a cría de Rebisaco

Hoxe chamaron do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre do Rodicio para dar boas novas: a cría de Rebisaco habíase recuperado con éxtio e xa estaba pronta para se ceibar no medio.

Agardei polos axentes de Medio Ambiente que o traían. Ao chegaren contactamos cos veciños de Gondulfes que o atoparan e fumos para aló.

Estaban agardando por nós case toda a familia, en especial os nenos e o avó -que foi quen o atopou-.

Dixeron de soltalo nunha carballeira afastada da aldea. Acabamos indo ceivalo nun lugar da súa propiedade (o avó sentíase identificado en pleno co animal, dixo que ata lle ía facer un caixón de madeira para que acabara entobando nel).

Tardou en querer saír da caixa de transporte mais ao final choutou e fuxiu a agocharse entre a espesura da touza.

Desexámoslle sorte...



É de agradecer a colaboración de todos os que participaron nesta historia: historia (lat. historia(m), id.) s.f. 8. Relato dun suceso real curioso e interesante.

mércores, 1 de agosto de 2012

Unha crenza popular sobre as Ladras

Noutras entradas deste blogue xa se publicou o nome vernáculo de Ladra para designar a especie Tarentola mauritanica, recollido en varias localidades da comarca de Monterrei (Verín natural. Recompilación de nomes vernárculos de fauna), e entre elas no pobo de Castrelo de Abaixo do concello do Riós, do que se tratará en especial.

Este curioso réptil ten unha distribución mediterránea, rara para Galicia, ao estar no límite da súa distribución. Hoxe en día está bastantate espallada por territorio galego, con presenza en diferentes puntos urbanos, coma no Barco de Valdeorras, Ourense, Vilagarcía de Arousa, Vigo, etc. Estas poboacións illadas crense que son debidas a introducións recentes, avaladas polos datos que se teñen e polas características do seu comportamento.

No entanto, as ladras do surleste da provincia de Ourense atópanse en ambientes naturais, cunha distribución homoxénea nos lugares apropiados e coa presenza do mencionado nome vernáculo co que se recoñece plenamente á especie por parte da xente do lugar, polo que se teñen suficientes motivos para afirmar que a súa presenza nesta rexión é histórica.

De momento, e a falta de máis prospeccións, a comarca de Monterrei sería a única zona de presenza natural da especie en Galicia.

Coma referencia bibliográfica cítase o Atlas dos anfibios e réptiles de Galicia que di o seguinte: ...As únicas poboacións supostamente autóctonas da especie distribúense polas concas galegas do río Douro da bisbarra de Monterrei (CABANA OTERO, M., 2011. Tarentola mauritanica (Linnaeus, 1758) in Atlas de Anfibios e Réptiles de Galicia. Sociedade Galega de Historia Natural. Santiago de Compostela: 56-57).

E a continuar relatarase unha crenza que se recolleu no pobo de Castrelo de Abaixo, ubicado na mediterránea cunca do río Mente, e que non leva máis que a asegurar o exposto nas liñas anteriores:

Contouna un veciño deste pobo, maior de 75 anos, emigrado ao Brasil fai máis de 50 anos, e agora de visita na súa Terra. Contaba que a estas lagartiñas lles chamaban Ladras, segundo lembra, que andaban polas paredes dentro das casas e que a súa mai lle dicía que daba sorte cando se vía unha de cor branca e non se debían de matar.

Esta crenza popular pon de manifesto a característica particular da especie de ter unha grande variabilidade de coloración, segundo o estado do animal e a luz que reciba, podendo pasar de tons moi claros a un gris moi escuro, consonte á Guía dos Anfibios e Réptiles de Galicia (ASENSI CABIRTA, M., 2006. Tarentola mauritanicaGuía dos Anfibios e Réptiles de Galicia. Baía Edicións. A Coruña. 100-101).

Áchase entón de sumo interese etnográfico e naturalista a presenza na cultura popular galega desta crenza relacionada cunha especie animal de distribución mediterránea dentro do que se ven a considerar a Galicia atlántica.


martes, 26 de xuño de 2012

Unha cría de Rebisaco entre nós

Onte unha amiga chamoume para dicir que aparecera un animal dentro da bodega do seu pai en Gondulfes.

Fumos ata alí para velo.Tratábase dunha cría de Rebisaco, Genetta genetta, bastante espelida. Os nenos estaban encantados ao redor do animalciño.

Para tratar de facer algo pola cría trasladámola de novo para a bodega onde se puxo a miañar pola mai.

Á tardiña fixémoslle outra visita para comprobar o seu estado, seguía alí mais sen rastro da mai. Deixámola toda a noite nese mesmo lugar para tratar de que fora atendida.

Pola mañá estaba no mesmo sitio, moito máis débil. Supuxemos de que en definitiva habíase extraviado.
Con urxencia non nos quedou máis remedio que levala para a nosa casa: hidratámola e alimentámola con leite que lle demos por unha xiringa. Aceptouno moi ben e recuperouse de forma rápida.

Puxémonos en contacto co servizo de Medio Ambiente e ao final levárona para o Centro de Recuperación de Fauna Silvestre do Rodicio.

Farémoslle un seguimento e xa contarei...



mércores, 13 de xuño de 2012

O Chincoparedes

Hoxe, por casualidade, atopeime cun nome vernáculo para o Rabirrubio común, Phoenicurus ochruros. Non tiña rexistrado moito acerca do coñecemento popular desta especie, só un vernáculo que lle ouvira a un veciño do concello de Manzaneda, chamáballe Ferreiro, e xa me parecía raro que a xente non lle tivese un nome para este paxaro tan común nos nosos pobos da comarca de Monterrei. Foi no mesmo val, na aldea de Tamagos, concello de Verín. Eis aquí o seu nome: Chincoparedes. A primeira parte do nome "chinco-" pode facer referencia ao seu son de alarma, a segunda parte "-paredes" vese que fai referencia aos lugares onde anda, intuitivo e preciso. Fermoso, non si.

Chincoparedes macho



Chincoparedes femia

xoves, 7 de xuño de 2012

Biodiversidade Galega



2012. Aparece unha nova plataforma que pretende unir ao mundo naturalista en Galicia a partir da súa biodiversidade. Solicítase a participación de calquera persoa interesada no respeto e coñecemento da Natureza.

http://biodiversidadegalega.blogspot.com.es/2012/06/colabora-con-biodiversidade-galega_06.html

martes, 10 de abril de 2012

Intensa floración



Esta é unha interesante e típica imaxe primaveral das zonas soalleiras do río Támega. Trátase da intensa floración dos Ranúnculos acuáticos ou Ougas, Ranunculus penicillatus. Estas plantas medran en augas con corrente. A súa proliferación débese a unha defensa que ten o río ao retirárselle as árbores de ribeira. Son beneficiosas para o medio ripícola ao dar sombra ao cauce e minimizar a evaporación, osixenan a auga e absorben o exceso de nutrintes, aliás de albergar unha elevada diversidade de Fauna acuática beneficiosa e capaz de sustentar a moitas especies ligadas ao ecosistema fluvial. Como último dicir que esta paisaxe do río Támega ao paso por Verín é todo un espectáculo visual.

mércores, 7 de marzo de 2012

Tempo despois do Entruido barrúntase a Primavera



Brassica oleracea var. medullosa
Lagartiña dos penedos, Podarcis hispanica
Cicindela sp.; C. maroccana (?)
Corvo, Corvus corax
Gagea nevadensis
Gonepteryx rhamni

Poligonia c-album
Naviñeiro, Carduelis cannabina

Issoria lathonia
Lagartiña cinsenta, Psammodromus hispanicus
Cytisus multiflorus
Corvelos, Corvus corone
Narcissus bulbocodium

Nymphalis polychloros
Blechnum spicant