sábado, 20 de xuño de 2026

Xornada de identificación de aves e recolla de saberes tradicionais en Arzoá

No pasado domingo, 14 de xuño, realizouse unha xornada de identificación de aves na localidade de Arzoá, do concello de Vilardevós, organizado por "Portas Abertas, Centro de Desenvolvemento Rural", tratando entre outras a recolla de saberes populares a través de veciñas e veciños asistentes, alén de persoas doutras localidades veciñas ou non.


A continuar poremos un relatorio en resumo de parte da información recollida e outras apreciacións, alén das observacións de aves, outros tipos de fauna e tamén flora detectadas, e singularidades da paisaxe envolvente de Arzoá.


* Asistencia á xornada:

Foi un grupo eteroxéneo en canto a procedencias. Había veciñas e veciños da localidade de Arzoá, mais tamén das aldeas veciñas de Castrelo de Abaixo e Santa Comba de Baroncelle, e outras próximas como Rexosende, Soutocobo, Vilarello de Cota, Vilardecervos e Vilardevós, outras de algo máis lonxe como Videferre, Espiño, Oímbra, Verín, Roblido da Rúa, Chandrexa de Queixa e Vigo, amais de asistentes do 'grupo ecoloxista Galego-Transmontano', e persoal integrantes do 'CDR Portas Abertas' e do Concello de Vilardevós. Cadaquén foi aportando saberes populares de paxaros, e non só, das súas respectivas localidades, incluídas as aldeas portuguesas de Quirás, Paços de Lomba e outras lindantes, tocando tamén terras de Laza, A Xironda, Vilar de Perdizes, Cambedo, Rebordondo, e algunha máis, como unhas recollas e similitudes coa Terra de Cotobade, aínda que a pescuda era sempre en torno á zona de Arzoá e proximidades, este era o fío condutor.


* Imaxes do evento tomadas por persoal de Portas Abertas:

Percurso pedestre

Fiadeiro de aves e outros saberes tradicionais

Fiadeiro de aves e outros saberes tradicionais

Bibliografía diversa sobre aves

Percurso pedestre e paradas de observacións e audicións

Penas de aves para identificación e máis bibliografía diversa sobre aves

Persurso pola aldea

Casa do pobo

Frondosidade da zona


* Resumo das recollas na xornada:


Xa se habían feito recollas previas, nesta localidade e noutras próximas, mais apareceron novos nomes e outros datos de interese naturalista, lingüístico e etnográfico que se poñen a continuación, o mesmo que contos, historias ou crenzas sobre as aves.

Faláronnos do picacardos bonito, Carduelis carduelis, e do picacardos feo, Chloris chloris.

A pintasilvas, Aegithalos caudatus. Na localidade veciña da Silva recollerámoslle o nome de rabolargo.

A aviona, Oriolus oriolus. Este nome vernáculo é así en feminino, seguramente que co sentido de grande afectividade. Nas localidades veciñas de Castrelo de Abaixo, Santa Comba e outras próximas esta ave é nomeada como avión, en masculino.

Tamén se comentou que a pazpallá, Coturnix coturnix, era nomeada en feminino, e dicíanlle algo así como: "cuanto-grau--cuanto-grau--cuanto-grau" ou "paz-pa-llá-paz-pa-llá--muita-palla-e-pouco-grau".

Cando cantaba o cuco, Cuculus canorus, as mozas casadeiras dicían así: "Cuco, cuquiño, rabo de escoba, cuantos anos me faltan pra miña boda?", e contaban as veces que cantaba o cuco.

Galiñola, Scolopax rusticola, á que tamén lle chamaban xorda e becada.

Había o millarengo, Serinus serinus, e o millarengo da papada, Carduelis spinus, comía sementes. Este é de millarengo da papada é o primeiro nome vernáculo que queda recollido para esta especie invernante, si que se coñecía noutros lugares pero ou non lle daban designación ou a compartía con outra especie, de feito aiquí comparte o nome de 'millarengo' e leva o apelativo de "millarengo da papada".

Nas picanzas aumentouse información dicindo que había dúas razas, a picanza pedreira, Lanius excubitor ou L. senator ou ambas, e a picanza do aire, Lanius meridionalis.

Faláronnos de catro tipos de túrdidos, alén das merlas, Turdus merula, estas eran: a asilbadora, T. philomelos, a torda, T. viscivorus, a Torda grande, T. pilaris, e a malvís, T. iliacus, que dicían viñan pasando o vrau.

Vai un tempo recolleramos outro nome vernáculo para a asilbadora, Turdus philomelos, ou mesmo para a torda, T. viscivorus, ao non se especificar mellor, era a designación de merla abelleira.

Da merla, Turdus merula, contánronnos que a chamaban así en feminino e que usaban o masculino de merlo para as crías: "íamos ós ninos de merlas a ver se tiñan merlos". Relativo á merla dicíanlle o seguinte: "Merla, andas no vrau de silveiro en silveiro, chirlo merlo, chirlo merlo, busca de comer pro inverno". Tamén dicían en referenza á merla: "Do cereixo ó castaño, do meu apaño".

Da carriza, Troglodytes troglodytes, dicían que facía sete ninos, para despistar, e que só usaba un.

As perdices espoxaban, tomaban baños de pó, o mesmo que outras aves como as lavercas, as pazpallás, os pardais, ata as pitas.

Grulla, Merops apiaster. Este é o nome vernáculo que lle dan aquí ao abellaruco, polo tipo de son gorxeante que fai, "grou-grou-grou". Na localidade próxima de Soutochao recolleramos o nome vernáculo de grou.

Cutuluvía do capelo, Galerida cristata. Tíñase recollido o nome de cutuluvía mais esta é outra especie co apelativo cutuluvía do capelo. Tamén tiñamos recollido outra designación paras esta especie nesta mesma localidade, cotolovía da crista, así nos dixera vai tempo un veciño.

Da cutuluvía, Lullula arborea, dicían así: "Cutuluvía, vía, vía, canto máis alta, máis asubía".

Tratouse o tema das cualidades dos animais asimilándollelas a humanos, por exmplo alcumes postos e aceptados por veciñ@s: o Cuco, o Chincho, os Cutuvíos, a Rola (estas doutras localidades), etc.

Do tecelán, Falco tinnunculus, dicían así: "Tece, tece, tecelán, técellas calzas ó meu can, se as sabes tecer ben, téceme outras a min tamén".

Das anduriñas, hirundínidos, e os trallóns, Ficedula hypoleuca, contaban o seguinte:

"Dicíanlle as anduriñas ós trallóns:

- Pronde ides trallóns loucos, vindes muitos e marchais poucos.

E contestábanlles os trallóns:

- E vós anduriñas put*s, vindes poucas e marchais muitas".

Dos trallóns, Ficedula hypoleuca, tamén nos dicían que os capturaban pondo esparrelas, costelas, é dicir, unha armadilla, unha trampa, no alto dun pau de un metro aproximado de altura. Isto correspóndese co comportamento da especie que adoita pousar en puntos algo elevados do chao para capturar insectos. Por iso lle dician que "...vindes muitos e marchais poucos".

Recolleuse o nome arruñador, Certhia brachydactyla, onde nunha anterior visita recolleramos o nome de arrabuñador para a esta especie.

Corvelo, Corvus corone. Unhas veciñas de Soutocobo dicían que cando cantaban os corvelos tres, 3, veces seguidas era sinal de morte.

Tornillo, Sturnus unicolor. Vai un tempo tamén recolleramos o nome de estornilo, poida que sexa unha variante e mestura entre estorniño e tornillo.

Foleca, Sylvia undata. Pequena e escura de rabo longo. Pode que dera nome xenérico a todas as outras razas de pauxas, Sylvia spp.

Perdigheiro, Falco peregrinus.

Bufo, Bubo bubo. Contáronnos que aninaba na Fraga do Curral. Ían alí varios mozos con cordas, uns pegaban da corda e un baixaba para collérenlle os pitos do nino no rochedo para os comer.

Unha veciña contounos a todos os asistentes unha historia ben simpática do carmo, Strix aluco. Dicía que unha noite ao ir gardar o gado ouvíu cantar un carmo. Deulle por facer coma el: "uuuh--uuuh--uu-u-uuuh". Bon, pois mal a fixo porque comezaron a andarlle varios exemplares, 3 ou 4 ou 5, por riba dela e ululando intensamente. Mal sabía ela que esta rapina nocturna é tremendamente territorial, responde territorialmente ás audicións da súa especie, e chega a responder ata a seres humanos como é o caso.

Esta veciña tamén sabía moito de ninos de paxaros: onde estaban, que materiais usaban, de que cores tiñan os ovos as diferentes especies, e demias pormenores. Preguntóuselle se andivera ós ninos para comer os paxaros e dixera que non, que era porque sempre tivera esa curiosidade por ver que ninos facían as diferentes razas de paxaros. Notábase que sabía moito deles e con precisión.

Tamén se falou dos barrosiños, Coccinella Septempunctata, xoaniñas. En Arzoá dicíanlle así: "Barrosiño, voa, voa, que ao parar na miña casa heiche dar pan, viño e cebola". E outras variantes.

Tratouse do goxo, o dos diferentes animais. Contáronnos unha oración que comezaba así: "Goxo, goxeiro, con miolo de pan...". Non puidemos escribir máis polo que poremos unha similar, mais con certas diferenzas, que xa habiamos recollido en Castrelo de Abaixo: "Goxo, goxiño, vaite deiquí, o miolo do pan vai trás de ti, se eres de cobra mítete á cova, se eres de salamanca mítete á barranca, se eres de sapo ou lagarto mítete ó buraco. Un Padrenuestro ionha Avemaría á honda de Diós e a Virghen María".

Contáronse unhas versións do conto popular de "A raposa e o gabián. As bodas do ceo", que en Videferre contaron que eran unha raposa e unha cegoña:

A Raposa e o Gabián: https://verin-natural.blogspot.com/2022/04/a-raposa-e-o-gabian.html

"...Escapai penedos! Apartai carballos!
Retirádevos lastras que vos aplasto!
Achegádevos palleiros!
Aparta penedo que te esfarelo!
Que se desta escapo i no muero
no quiero más bodas al cielo."

E contáronse uns contos da zorra: https://rexiomontanos.blogspot.com/2020/11/uns-contos-da-zorra.html

A zorra e o galo:

"A zorra intentando coller o galo dicía:

- Serra meu rabo se queres comer galo.

O galo dende o alto do carballo contestáballe:

- Dios me libre de fouce e machado que rabo de zorra non corta carballo".

Outro conto da zorra e o galo:

"Un galo quedou desplumado polo ataque da zorra e esta dicíalle:

- Galiño novo, ven pola roupa que eiquí che quedou.

E o galo respondía:

- Dios que me deu esta xa me dará outra".


* Nomes recollidos anteriormente en Arzoá:

Aves:
Carmo, Strixa aluco, xa tiñamos recollido antes o nome de Ugo para esta especie e na misma localidade.
Bufo, Bubo bubo
Tentenarraíz, Miliaria calandra
Aviona, Oriolus oriolus
Merla truiteira, Cinclus cinclus
Pardal, Passer domesticus
Merla, Turdus merula
Pigharra, Garrulus glandarius
Pegha, Pica pica
Torda, Turdus viscivorus
Asilbadora, Turdus philomelos, "Torda que canta moi ben"
Anduriña, Hirundo rustica
Foleca, Sylvia undata
Carriza, Troglodytes troglodytes
Pintasilva, Carduelis carduelis (estaba errada a identicación, é a esoecue Aegithalos caudatus)
Rousinol, Luscinia megarhynchos
Escribenta, Emberiza cirlus
Corvelo, Corvus corone
Verderol, Chloris chloris
Millarengo, Serinus serinus, dicían tamén que comían no inverno dos Amieiros polo que tamén se referían á especie Carduelis spinus
Chincho, Fringilla coelebs
Tornillo, Sturnus unicolor
Picanza, Lanius meridionalis, Lanius spp.
Pito verdeal, Picus sharpei
Pito rateiro, Dendrocopos  major
Arrabuñador, Certhia brachydactyla (recolleuse a variante arruñador)
Ameixenra, Parus  major, Cyanistes caeruleus, Páridos, había varias especies
Trallón, Ficedula hypoleuca, dicían que "encontrábanse no camiño coas anduriñas, cando elas se marchaban viñan eles"
Chazco, Saxicola rubicola
Raborruzo, Phoenicurus ochruros
Azulenta, Prunella modularis
Lavandeira, Motacilla alba, M. cinerea, había a do río
Pazpallá, Coturnix coturnix
Perdiz, Alectoris rufa
Cutuluvía, Lullula arborea
Noitevoá, Caprimulgus europaeus
Ghaliñola, Gallinago gallinago
Ghabilán, Accipitridae
Tecelán, Falco tinnunculus
Gharza, Ardea cinerea
Pita de augha, Gallinula chloropus

Mamíferos:
Muricegho, Quirópteros

Insectos:
Barrosiño, coccinella septempunctata
Faldracadela, Dermápteros
Fedeghosa, Nezata viridula

Anfibios:
Salamanca, Salamandra salamandra

Réptiles:
Licranzo, Anguis fragilis"


* Aiquí unhas ligacións a uns artigos sobre nomes vernáculos de zonas próximas:

Máis no mes vernáculos de Fauna recollidos en Moialde, Lamardeite, Berrande e Arzoá: https://verin-natural.blogspot.com/2020/10/mais-nomes-vernaculos-de-fauna.html

Nomes vernáculos de Aves e demais Fauna recollidos en Castrelo de Abaixo: https://verin-natural.blogspot.com/2021/08/nomes-vernaculos-de-aves-e-demais-fauna_30.html

E outros nomes recollidos en Santa Comba: https://verin-natural.blogspot.com/2020/10/e-outros-nomes-recollidos-en-santa-comba.html

Nomes en Atrabe: https://verin-natural.blogspot.com/2020/11/nomes-de-aves-en-atrabe.html

Nomes vernáculos de Aves de demais Fauna recollidos en Castrelo de Cima: https://verin-natural.blogspot.com/2021/08/nomes-vernaculos-de-aves-e-demais-fauna.html

E máis nome vernáculos de Fauna por Soutocobo, Rexoxende e Tomonte: https://verin-natural.blogspot.com/2020/10/e-mais-recollas-de-nomes-vernaculos-de.html

Recompilación de nomes vernáculos de Fauna (neste artigo aparecen varios nomes vernáculos recollidos tanto en Arzoá como noutras destas localidades próximas): https://verin-natural.blogspot.com/2008/06/nomes-vernculos-da-comarca-de-vern.html


* A continuar vanse pór unhas láminas de páxaros da zona, realizadas por unha persoa da organización desta xornada. Sen ela non houbese sido posible xa que é indíxena do lugar, alén de artista e naturalista. Paulinha de Arzoá, moitísimas grazas por todo, pola organización, polo acollemento e por toda a información aportada.

A aviona, Oriolus oriolus
Lámina e fotografía de Paulinha de Arzoá

A pintasilvas, Aegithalos caudatus
Esta representada é unha linda subespecie do norte da Europa
Lámina e fotografía de Paulinha de Arzoá

* Especies detectadas en Arzoá e durante os paseos á volta da aldea:


Pardais, Passer domesticus.

Raborruzos, Phoenicurus ochruros, polas casas da aldea a mexer a cauda trémula.

Virapescozos, Jynxc torquilla, esta ave contounos a Paulinha que a escoitara pola mañá.

Anduriñas de cu branco, Delichon urbicum, e os seus ninos.

Anduriñas comúns, Hirundo rustica.

Tornillos, Sturnus unicolor.

Rolas, Streptopelia turtur, vistas e ouvidas.

Corvelos, Corvus corone.

Asilbadora, Trudus phylomelos, escoitadas varias, algunha de maneira insistente, propio da especie, unha delicia de ouvir.

Millarengos, Serinus serinus.

Merla, Turdus merula.

Buxato, Buteo buteo, un exemplar en voo cara leste da aldea.

Chinchos, Fringilla coelebs, escoitados varios ó longo dos percursos.

Papuxas das amoras, Sylvia atricapilla, escoitadas varias ó longo dos percursos, íase entre árbores de follosas e por floresta ribeiriña, lugares propios desta especie.

Arruñador, Certhia brachydactila, escoitada.

Carriza, Troglodytes troglodytes, escoitamos varias en diferentes zonas. Un veciño de Arzoá íanos dicindo a que especie correspondían os cantos.

Paporroibo, erithacus rubecula, escoitados os seus sons líquidos.

Ameixenras, Parus major, escoitadas.

Anduriñas dos penedos, Ptyonoprogne rupestris, víuse un pito, aínda con parte da penuxe, cando era alimentado por un adulto, e máis outros exemplares, con ninos na mesma ponte.

Aviona, Oriolus oriolus, escoitámola dende algúns puntos, mais o mellor foi no último percurso que a ouvimos dende un alto, con algo de eco amplificado e dunha maneira moi clara, todo un presente para os ouvidos. Estábanos 'aloulando' como lle din aos cántigos de aledaledou nas localidades de Soutocobo e Roxosende.

Pombos, Columba palumbus.

Pigharras, Garrulus glandarius, vímolas saíndo da frondosidade, ó marchar.

Aguia cobreira, Circaetus gallicus, un exemplar visto e fotografado por Carlos de Espiño e o Cesteiro de Rexosende cando marchaban da xornada, pasando Moialde.

Aguia cobreira, Circaetus gallicus
Fotografía de Carlos Augusto

Aguia cobreira, Circaetus gallicus
Fotografía de Carlos Augusto

Caranguexo sinal, Pacifastacus leniusculus, víaselle perfectamente o sinal característico nas pinzas.

Viase un peixe que non puidemos identificar planemente, mais por esta rexión sería Pseudochondrostoma duriense ou Leuciscus carolitertii, si que sabemos que non era Achondrostoma arcasii.


* Plantas de relativo interese que se observaron e se comentaron durante a xornada:


Apio cabalar, Smyrniun olusatrum, aparecía subespontaneo no borde do camiño, pode ser que indique cultivo de antigo, hoxe desaparecido, ben para alimentacion humana ou animal, ou con outras propiedades como as medicinais ou aromatizantes. Nalgunhas zonas esta planta adoita aparecer en entornos de mosteiros medievais, mais non se pode asegurar que sexa o caso. Que procede de cultivo de antigo, e mesmo non tan antigo, si que se pode asegurar.

Chelidonium majus, ceruda, falouse da súa relación coas anduriñas, mesmo que nalgunhas zonas do país lle chaman herba anduriña, tamén se falou das súas propiedades medicinais.

Rutta graveolens, Ruda. Falouse das súas propiedades, medicnais e protectoras. Contáronnos un remedio a preparar con esta planta e clara de ovo.

Glechoma hederacea, malvela.Comentáronse as súas propiedades medicinais, tamén o dito: "se a muller soubera o boa que é a malvela pacería nela coma o boi pace na herba".

Equisetum sp., en principio o nome que lle deron a xente do lugar era cola de cabalo. Dicían que nos prados onde saía chegaba a ser invasiva para a herba de aproveitamento do gado.

Filipendula ulmaria, ulmaria, ulmeira ou raíña dos prados (de momento non lle recollimos ningún nome vernáculo na zona). Esta planta era bastante abondosa nos prados de Arzoá. Comentárase que era a planta da cal se logrou sintetizar a aspirina, alén dalgunhas especies de salix, salgueiros.

Aquileguia vulgaris, herba pombiña, este nome é recollido de publicacións e non do lugar.

Cytinus hypocistis, aquí chamábanlle mazarocas da zorra, noutras zonas son póutigas e variantes.

Verbena officinalis, en Arzoá dánlle o nome de arxabán. Dinnos que a usaban para os esguinces e para o catarro de peito.

Sambucus ebulus, os nomes que recollimos de publicacións portuguesas son engos, sabugueirinho, erva-de-são-cristovão, ébulo, sabugueiro-anão, e en publicación galegas os nomes de engo, sabugueiriño, irgo, nabo naveao, sabugiño. Nesta localidade de Arzoá dábanlle o nome de írdagho. A planta é tóxica áinda que lemos que é utilizada en medicina tradicional. Non lle recollimos propiedades neste lugar.

Falamos dos espárragos, non os cultivados, refirense ós talos tenros ou espárragos das espécies, Bryonia dioica e Thamus communis, que aquí lles chamaban os espárragos negros e os brancos. Ambas especies son tóxicas, e medicinais, mais os talos tenros pódense consumir sen problema, sempre antes da floración, de feito cando lles saía a flor xa non os recollían. A toxicidade de ambas, entre outras, é altamente purgante.

Mostraronnos unha folla dunha planta que chamaban noutra localidade de pulmonaria, pola sua forma de pulmón, mais unha das asistentas dixo ser da familia das borraxas, boraxinaceas, e mesmo que esra planta silvestre era comestible, igual que a cultivada. Non tiña floración e só se vían as follas basais, mas a especie silvestre mais coñecida, abondosa e amplamente distribuída adoita ser Pentaglottis sempervirens, polo que apuntaba ser esta, sen se poder asegurar.

Na volta pola aldea faláronnos de que en tempos houbo aiquí moitos teares de liño, e cultivo del, Linum usitatissimum.


* P. E. Non se detectaron máis aves porque o grupo e a temática era multidisplinar e íase a falar de todo un pouco: paxaros, fauna en xeral, plantas, propiedades, contos, crenzas, vocabulario, toponimia, etnografía, é dicir, saberes en xeral da tradición oral.


Moitísimas grazas a tod@s @s participantes, persoas e entidades da organización, Paulinha de Arzoá - Pintura, CDR Portas Abertas, e apoios, Concello de Vilardevós, e a tod@s @s veciñ@s de Arzoá.


Este artigo queda aberto, pendente de revisión e de ampliación, grazas.

xoves, 14 de maio de 2026

Paseo do Miño, Ourense



Vídeo coas pitas d'auga, Gallinula chloropus, femia e polos.







Patos reais, Anas platyrhynchos, macho e femia









Lodoeiro, Celtis australis




Pardaos comúns, Passer domesticus, femia e macho

Anduriña dos penedos, Ptyonoprogne rupestris






Pega, Pica pica

Pombos, Columba palumbus

Merla, Turdus merula, femia

Rabirrubio, Phienicurus ochruros, unha femia

Polo de pita d'auga, Gallinula chloropus