Amosando publicacións coa etiqueta Mortaldade de Fauna. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mortaldade de Fauna. Amosar todas as publicacións

domingo, 24 de maio de 2020

Un Cobregón atropelado

Un Cobregón, Malpolon monspessulanus, atropelado en Castrelo do Val.

Moitas cobras morren por atropelos intencionados nas nosas estradas, esta foi en Castrelo do Val pero onte vin outras dúas mortas, unha en San Cibrao e outra en Oímbra.

E outras tres máis, unha outra vez entre Rabal e San Cibrao, e dúas máis en Oímbra.

Unha pena estas mortes co beneficiosas que son as serpes.


domingo, 6 de outubro de 2019

Enorme mortaldade de muricegos en Verín

AMPLIADO E ACTUALIZADO
25 DE OUTUBRO DO 2019

Morcego rabudo, Tadarida teniotis

Coméntase por parte de persoal do servizo de limpeza de rúas de Verín que onte se atopara nada menos que corenta muricegos mortos onda a Praza do Carboeiro da vila, alguén lle falou que de ata cincuenta e sete exemplares.

No lugar atopouse un Morcego rabudo, Tadarida teniotis, morto, o da fotografía, mais dos que se falara eran, segundo o informante, doutra clase, os pequenos e máis comúns. Non se puido determinar esa outra especie ao non verse os cadáveres por botárense ao lixo.

Vendo as fotografías publicadas no Diario do Támega o luns 7 de outubro vense uns exemplares que tamén se corresponde coa especie Morcego rabudo, Tadarida teniotis, polo que se supón que a colonia enteira fora desta especie.

https://www.diariodotamega.es/articulo/verin/murcielagos-caidos-alturas/20191007215706003623.HTML

Dicíase que un veciño os matara e logo os botara pola ventá. Ao ser un número tan elevado sospéitase que poidera ter unha colonia no faiado.

Semella tamén que a Policía Local estivo presente nese lugar sen saberse o que se fixo por parte deles, o caso é que matar especies protexidas está considerado como un delicto penal. Preguntarase ao respecto.

Este luns 7 de outubro falouse coa Policía Local dicindo que tiñan coñecemento dos feitos, que sabían quen fora o autor e que en posibilidade darían conta ao xulgado. Tamén se dixo que a suposta colonia estaba ubicada no Edificio do Carmen, de oito andares de altura, onde existirían algunhas condicións idóneas para acoller a todos eses exemplares. Seguirase ao tanto do asunto.

Unha verdadeira mágoa para uns animais tan beneficiosos, simpáticos e interesantes.

A noticia noutros medios:

https://iberiageographic.com/un-vecino-extermina-una-colonia-de-murcielagos-en-verin-y-arroja-los-cadaveres-desde-un-octavo-piso/

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/verin/2019/10/08/encuentran-50-murcielagos-muertos-contenedor/0003_201910O8C7993.htm

https://www.farodevigo.es/portada-ourense/2019/10/10/investigan-hallazgo-medio-centenar-murcielagos/2184126.HTML

https://www.meneame.net/m/actualidad/altisimo-octavo-castiga-verin-plaga-murciélagos

https://www.farodevigo.es/portada-ourense/2019/10/16/piden-proteger-murcielagos-casos-ocurrido/2187187.HTML

https://www.laregion.es/articulo/monterrei/investigados-matar-57-murcielagos-verin/20191023071832901441.html

Escrito presentado ante a Consellería de Medio Ambiente por parte da Sociedade Galega de Historia Natural:

https://drive.google.com/file/d/1sjiqApihyKx2Rg1Nh9EuR-z13xnYGChe/view?usp=sharing

venres, 31 de xullo de 2015

Rescate e mortaldade de peixes no río Támega onda a Ponte do Melo de Verín

Eis aquí as consecuencias dunha mala xestión dos recursos naturais por parte das distintas administracións e algunha empresa de servizos privada, unha seca que afecta á vida no río ocasionando unha elevada mortaldade de peixes entre os que se atopan as seguintes especies:

Barbos ibéricosLuciobarbus bocagei

Ladras mixoiras, Achondrostoma arcasii

Trúitas, Salmo trutta

Bogas do Douro, Pseudochondrostoma duriense

Xardos, Squalius carolitertii

Gobios, Gobio sp. (especie introducida)

A zona do río Támega afectada é augas abaixo da Ponte do Melo en Verín, onde deixa de correr a pouca corrente que chega das preseiras da Praia Fluvial.

Conseguíronse rescatar vivos preto dun centenar de exemplares de Barbos e algunas poucas Ladras, Bogas e Xardos, ningunha Trúita por non aguantaren a falta de osíxeno, os Gobios case non se viron afectados polo seu escaso tamaño e rápidos movementos en pouco caudal. Todo grazas á intensa e disenteresada labor dalgúns veciños e veciñas da zona, tamén á rápida alerta dun incansable defensor do río, pescador e naturalista, e á involucración da nova corporación municipal de Verín, neste caso o recente alcalde que puxo a disposición dos voluntarios os recursos que fosen necesarios contando coa axuda dunha brigada de operarios do concello. Obrigado a todos.

Por certo, no lugar non se presentou ningún axente da autoridade, nen Medio Ambiente, nen Confederación Hidrográfica, nen SEPRONA, nen Policía Autonómica. Segundo informacións facilitadas semella que o concello de Verín emitíu un burofax á Consellaría de Medio Ambiente dando comunicación deste problema ambiental.

A zona está catalogada como Lugar de Importancia Comunitaria LIC e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais ZEPVN.

Os exemplares rescatados trasladáronse para a zona da Praia Fluvial ao haber alí suficiente cantidade de auga, os peixes poden subir río arriba pola zona da Preguiza onde se minimizan os efectos das secas.