mércores, 21 de novembro de 2012

A Fauna do Centro do Mundo

TEXTO REVISADO E AMPLIADO

Continuamos cos nomes vernáculos dados a outros grupos faunísticos no Centro do Mundo despois da anterior entrada sobre páxaros. Da mesma maneira foron recollidos e son utilizados por Claudio -Zunín- na localidade de Videferre: O Centro do Mundo.

O dito, debido á extensión do material recollido irase subindo a información en vindeiras entradas onde se incluirá o recollido sobre Flora e Fungos e as curiosidades que nos queden por mencionar sobre a Fala de Videferre. Terase que tratar noutra entrada posterior varios vernáculos recollidos en localidades próximas ao reflexar algunha especie a maiores das presentadas.

Seguimos entón a viaxe coas designacións recollidas dos Invertebrados, Hérpetos e Mamíferos no Centro do Mundo:

Insectos:

Caldeirabeira, Forcicula auricularia; Dermaptera. Designación que acollería a varias especies da orde dermápteros, a máis coñecida sería Forcicula auricularia. Este vernáculo difire dos atopados ata o momento na comarca, todos os outros gardan unha relación entre si ao incluíren a designación -cadela-: Cadela faldrexa, Cadela moura ou Fladracadela, o único asimilable con este nome podería ser que houbese variado co tempo a forma cadela- para a de caldeira-. Nalgunhas localidades de Portugal a este grupo de insectos chámaselle Cadela-abeira, Cadela-beira, e variantes similares.

Chicharra, Cicadidae. Vernáculo compartido coa especie de ave Emberiza calandra por asimilación co coñecido son desta familia de insectos.

Escarabello, Coleoptera. Nome xenérico para designar aos Coleópteros, en especial aos esterqueiros.

Formiga cabalaria, Formica rufa; Formicidae (?). Vernáculo extendido por toda a comarca para designar as especies de Formícidos de tamaño grande. Estes animais utilízanse de maneira cruel durante as celebracións do Entruido ao tirar as obreiras por riba da xente.

Gaiteiro, Odonata. Nome xenérico para designar as distintas especies de odonatos, tanto zigópteros como anisópteros.

Gaiteiro da especie Aeshna cyanea

Grilo romano, Gryllotalpa gryllotalpa. Primeiro nome vernáculo atopado na comarca para desginar a esta especie en concreto.

Limpafontes, Guerris lacustris. A diferencia deste significado o nome común en galego Limpafontes designa a unhas especies de salamándridos dos xéneros Lissotriton e Triturus.

Mariquiña, Coccinellidae. Nome que designaría aos insectos coleópteros da familia dos coccinélidos. A especie de Mariquiña máis coñecida sería Coccinella septepunctata e poida que tamén Adalia bipunctata.

Matacabalos, Dytiscus marginalis; Dytiscidae, Gyrinidae, Haliplidae, Hygrobiidae, Hydrophilidae; Aphelocheiridae, Naucoidae, Corixidae, Notonectidae (?). En principio este nome designaría á especie Dytiscus marginalis, incluíronse outras familias de escarabellos acuáticos, coleópteros, e fedegosas acuáticas, hemípteros heterópteros, por pertenceren todas a un grupo diverso de características próximas ou costumes similares de non fácil identificación popular. En Vilar-de-Perdizes dáselle o nome de Cazafelho segundo nos conta o Padre Fontes, Antonio Lourenço Fontes.

Morrón, fase larvaria da Orde Lepidoptera. Ao desenrolarse o Morrón transfórmase en Crisálida onde sofre a metamorfose que da paso ás formas adultas de Bolboretas e Polboretas.

Polboreta, Heterocera. Lepidópteros do suborde dos Heteróceros. Nocturnas.

Reina, Empusa pennata, Mantis religiosa, Ameles sapallanziana. Nome que designa principalmente á especie máis coñecida Mantis religiosa, aínda que na zona tamén están presentes as outras dúas especies de mántidos. Segundo nos comentan dicíaselle así:

Reina pon a mesa
tan alto que non se vexa.

Reina, Mantis religiosa

Tabán, Tabanidae. Variante do nome común que desgina ás especies desta familia de dípteros, e pode que aínda algunha outra familia de características semellantes.

Vacaloura, Berberomelo majalis, Physomeloe corallifer. Inclúense estas dúas especies ao estaren ambas presentes na cunca do río Búbal. Vernáculo recollido noutras localidades da comarca.

Arácnidos:

Carneiro das mallas, Pholcus opilionoides, P. phalangioides; Pholcidae; Opilion. Primeiro vernáculo recollido na comarca para designar a este tipo de arácnidos. En pirncipio podería corresponderse coas especies máis comúns Pholcus opilionoides ou P. phalangioides, da familia Pholcidae, ou mesmo chegar a confundirse coa orde Opiliones da que sería complicado xebrar as diferentes especies.

Carneiro das mallas, Opilion

Licranzo, Buthus occitanus. Semella ser unha confusión idiomática da designación Alacrán, dada a esta especie e amplamente espallada, co nome común en portugués Licranço, dado á especie de réptil Anguis fragilis.

Licranzo, Buthus ibericus

Moluscos:

Lermia, Arion ater; Systellommatophora (moluscos gasterópodos sen cuncha). Outra variante do nome común dado ás babosas. Designa principalmente á especie máis común Arion ater, incluíndo a todas as outras presentes neste grupo.

Lermia, Arion ater
Anélidos:

Mioca, Lumbricidae. Coñecido anélido que vive na terra. Designación extendida.

Anfibios:

Arrán, Peplophylax perezi, poida que tamén Rana iberica. En principio sería un nome xenérico para designar as distintas especies de anuros dos xéneros Pelophylax, Rana ou Hyla, aínda que se concretaría para a especie máis común Pelophylax perezi.

Ranilla, Hyla arborea. Diminutivo castelanizado para designar en concreto a esta especie de Arrán.

Salamántiga, Salamandra salamandra. Outra variante do nome común. En portugués tamén existe a designación Saramántiga para esta especie de anfibio.

Salamántiga, Salamandra salamandra

Sapo couqueiro, Bufo bufo. Variante da designación común para esta especie.

Réptiles:

Lagarta, Xéneros PodarcisPsammodromus. Nome xenérico para designar as diferentes especies de Lacértidos presentes na zona.

Cobra, Colubridae. Nome xenérico para designar aos colúbridos. A muda das serpes coñécese aquí co nome de plica, que virá de pelica (de pel) s.f. Pel dun animal.

Cobra xuvenil da especie Natrix natrix

Cobra da especie Elaphe scalaris

Escóuparo, Anguis fragilis. Variante doutras designacións atopadas na comarca.

Lagarto ferreño, Lacerta schreiberi. Este é o primeiro nome vernáculo recollido na comarca para identificar en concreto a esta especie de lagarto.


Lagarto ferreño, Lacerta schreiberi

Viberón, Chalcides bedriagai, C. striatus. Ténse atopado este nome vernáculo noutras zonas da comarca aínda que compartido con outras especies de réptiles ápodos ou semi-ápodos, Anguis fragilis e Blanus cinereus, aquí só identifica principalmente a Chalcides striatus, ao ser máís común, inlcuíndo tamén a C. bedriagai ao estar constatada a súa presenza nos arredores.

Mamíferos:

Algaria, Genetta genetta. Designación ampliamente extendida para esta especie.

Alondra, Lutra lutra. Confusión lingüística, intrusión ou variante do nome común desta especie chamada en galego Londra e en portugués Lontra, co nome común en castelán da especie de ave Alondra, Alauda arvensis, coñecida aquí como Laverca.

Alondras, Lutra lutra

Capreolus capreolus. Antes non as había na zona por eso non se lles pon nome aínda que se coñecen como Cabras ou Corzas.

Doniña, Mustela nivalis. Nome extendido por toda a comarca. Diferenciada a especie doutros mustélidos.

Gato bravo, Felis silvestris. Desginación extendida.

Leirón d'auga, Arvicola sapidus. Primeiro nome vernáculo atopado na comarca para designar a esta especie de mamífero roedor de alimentación vexetariana que vive nas marxes dos ríos e humidais. Leirón é o nome que se lles da en portugués as especies Eliomys quercinus e Glis glis, polo que podería ter influenza portuguesa, tamén é o nome oficial en galego mais no resto da comarca utilízase a designación Lirón e non Leirón para as especies do xénero Rattus.

Morcego, Quiroptera. Nome xenérico para designar ás diferentes especies de Quirópteros. O nome correpóndese co oficial en galego aínda que o máis probable é que estexa vencellado á designación deste grupo faunístico en portugués, que se di da mesma maneira: Morcego, xa que no resto da comarca o máis extendido é o nome de Muricego coas súas variantes.

Ourizo cacheiro, Erinaceus europaeus. Nome amplamente extendido.

Rata, Talpa occidentalis. Nome dado na zona a estes coñecidos micromamíferos insectívoros que viven na terra. Confúndese esta desginación coa xenérica dada aos roedores do xénero Rattus. No resto da comarca é coñecida como Toupa.

Rato papalbo, Eliomys quercinus. É de interese que se coñeza este fermoso animal e até teña un nome vernáculo na zona, o que reflicte que debe posuír unha abundancia relativa.

Rebisaco, Mustela erminea (?). Este vernáculo xa se recolleu noutras localidades da comarca para designar a Genetta genetta, aquí identificouse con Mustela erminea ao dar pistas fiables respecto á súa coloración estacional, aínda que non se puido comprobar a presenza desta especie na zona. Referente á desginación Rebisaco, especulando un pouco, podeu haber procedido nunha orixe do homólogo portugués Saca-rabos, que fai referencia nada menos que ao mediterránico Herpestes ichneumon, a única mangosta europea, con posible presenza histórica na comarca.

Teixugo, Meles meles. Designación amplamente extendida.


Continuará noutra vindeira entrada.

* Información recollida durante unhas xeiras multidisciplinares nas que participaron:

Alberte Reboreda
Claudio Álvarez
Eduardo Castro
Xosé Luís Lozano
Xosé Ramón Reigada
Xosé Rodríguez

* Recollido e revisadas as especies por Claudio Álvarez e Xosé Ramón Reigada

Videferre. Outubro do 2012

xoves, 8 de novembro de 2012

Os Páxaros do Centro do Mundo

TEXTO REVISADO E AMPLIADO

No pasado mes de outubro, durante unhas xeiras multidisciplinares, recolléronse unha morea de nomes vernáculos de aves e outros seres que nos proporcionou o amigo Claudio -Zunín-, amante dos páxaros e a Natureza da súa Terra, recollidos e usados de forma natural ao longo dos anos no pobo de Videferre: O Centro do Mundo.

Debido á extensión do material recollido irase subindo a información noutras próximas entradas, tais coma nomes vernáculos de Fauna e Flora e algunhas outras curiosidades sobre a Fala de Videferre e algún que outro lugar limítrofe.

Todo un compendio de sabedoría popular.

Comezamos entón a viaxe polas designacións que se lles dá ás Aves no Centro do Mundo:

Aguia, Accipitridae. Sería un nome xenérico para todas as aguias, mais debido á cercanía da Serra do Larouco puido haber servido nun principio para designar en exclusiva á Aguia real, Aquila chrysaetos, como ocorre noutras zonas de presenza desta especie. "Pódese ter a certeza que aquí viviu a Águia real ao ser vista e identificada plenamente en tempos pasados".


Aguia perdiceira, Hieraaetus fasciatus vs. H. pennatus. Non se sabe de certo a que especie de Aguia se correspondería, Hieraaetus fasciatus sería escasa en extremo e H. pennatus non estaría especializada en depredar sobre as Perdices, aínda que o lugar sexa, ou fora, óptimo para a abundancia destas galiñáceas, de aí virá o topónimo de preto Vilar-de-Perdizes.

Ameixengo manso, Parus major, Parus caeruleus. "Vive cerca dos Humanos. É un páxaro confiado e curioso. A súa beleza é unha pincelada de cor que namora. Anida en calquera burato, con preferencia por casas abandonadas".

Ameixengo bravo, Aegithalos caudatus. "Case o mesmo páxaro. Costumes diferentes. Adoitan vivir en grupos familiares a diferencia dos mansos que case sempre se alimentan sós".

Anduriña, Delichon urbica, Hirundo rustica, Riparia riparia. Nome xenérico para designar aos hirundínidos coa excepción de Hirundo daurica e Ptyonoprogne rupestris.

Anduriña brava, Ptyonoprogne rupestris. Esta sería a primeira vez que se atopa unha desginación para esta especie na comarca de Monterrei.

Anduriña do monte, Hirundo daurica. Da mesma maneira que para Ptyonoprogne rupestris sería a primeira vez que se atopa unha desginación para a especie na comarca de Monterrei e pode que tamén sexa o primeiro nome vernáculo para Hirundo daurica recollido en Galicia.

Anduriña do monte, Hirundo daurica

Arnabico, Burhinus oedicnemus. Cando pasan silbando en voo pola noite dicían que ía morrer alguén. Na cultura popular as aves nocturnas relaciónanse coa morte. "Ocurrencia ocasional. O seu hábitat foi destruído".

Ave rapiña, Circus pygargus. Recollida esta designación con anterioridade noutros lugares para esta especie en concreto ao confirmaren a súa presenza só en época estival a diferencia de Circus cyaneus que é residente.

Avefría, Vanellus vanellus. Antes de desecaren a Lagoa de Antela víanse bandos moi numerosos polo inverno. "Páxaro que se foi. Antes víanse grandes bandadas que cubrían A Veiga, onde criaba. Era unha das aves máis emblemáticas de Videferre".

Barrigadodre, Phoenicurus ochruros. Anda polas paredes e buracos das casas do pobo, cría varias veces na temporada. "Tímido e solitario, lembra a unha pantasma axexando en lugares solitarios".

Barrigadodre, Phoenicurus ochruros

Berras, Gallinago gallinago. Pode referirse aos sons que emite.

Boieira, Motacilla flava. Parecida á Lavandeira pero de cor amarela e anda entre o gado (en portugués tamén se di gado e non gando). Tense detectado a súa presenza en poucos lugares da comarca. "Primeiro desapareceron ás vacas e despois foron as Boieiras".

Bubela, Upupa epops. Este é o único nome atopado para esta especie, sen variantes.

Bufo, Buteo buteo, Bubo bubo. A parte de designar ao Bufo real, Bubo bubo, tamén se utiliza para a especie Buteo buteo, o Miñato común, no entanto tense recollido esta confusión en máis lugares da bisbarra. "Sempre que se preguntou só podía corresponderse co Bufo real. As explicacións falaban de lugares tranquilos e afastados".
Bufo, Buteo buteo

Carriza, Troglodytes troglodytes. Única designación atopada para esta especie en toda a comarca. "Pequena e brincadeira. Cando emite os seus cantos pola primavera din que vai chover pois canta a Carriza".


Carriza, Troglodytes troglodytes

Cazcarrollo, Lanius meridionalis. De tamaño grandiño, pincha as presas nos picos dos Escambrós, Crataegus monogyna (terminación plural en -s e non -ns como é a norma). "Liorteiro e afouto. Non duda en peteirar a mou de quen o sosteña".

Chazco, Saxicola torquata. Designación estendida por máis lugares.

Chicharra, Emberiza calandra. Nome por asimilación que fai referencia á analoxía do son desta ave co do coñecido insecto da familia Cicadidae.

Chinco, Fringilla coelebs. "Existe o Chinco vulgar, Fingilla coelebs, e o Chinco real, Fingilla montifringilla, que nos regalan a súa presenza. O nome virá do seu canto. Onomatopeito".

Cirifolla, Phylloscopus ibericus. Aliméntase dos pulgós (terminación plural en -s e non -ns como é a norma) das fabas polo mes de xuño. Ao dicir que está só presente ná primavera e vrou (así é como se di en Videferre verán) leva a concretar a esta especie, os outros Phylloscopus ou son de inverno ou de pasaxe ou con apariencia diferente á relatada. "Antes era moi numerosa, agora é testemuñal a súa presenza. Unha verdadeira mágoa. As causas poden ser os velenos mal utilizados polos Humanos. A súa presencia, un cibo de amabilidade e confianza".

Corvelas do Lobo, Pyrrhocorax pyrrhocorax. Fálase dun tipo de córvido que anda tras o Lobo, Canis lupus, designación que reflexa certo comportamento da especie. Fascinante.

Corvelo, Corvus corax, C. corone. Este nome úsase para desginar ambas especies aínda que existe unha zona dos montes de Videferre que se chama Penedo do Corvo, pola súa ubicación crese que fará referenza a Corvus corax.

Cutovía, Lullula arborea. Como raridade, na pronuncia diferénciase o -o- do -u-, non coma o caso doutros lugares da comarca onde se pronuncia o -o- como -u-, Cutuvía, asimilándose así ao portugués.

Cuco, Cuculus canorus. Designación amplamente espallada. Onomatopeico.

Curuxa, Tyto alba. Este é o único nome atopado para a especie en toda a comarca.

Curuxa, Tyto alba

Domingonobelo, Oriolus oriolus. Onomatopeico. -nobelo pode facer referencia á forma en que está construído o nino (na comarca díse nino e non o normativo niño).


Domingonobelo, Oriolus oriolus

Engatuñadeira, Certhia brachydactyla. Engatuña polas árbores arriba, describe o comportamento da especie. "Pode estar presente a Engatuñadeira norteña, Certhia familiaris, ao observarse a unlla posterior excepcionalmente longa".

Forneira, Sylvia undata. Pequena, de rabo moi longo. Diferénciase das outras especies do xénero Sylvia.

Gabilán, Falco peregrinus (?). Pode que designe ao Falcón peregrino e non ao Gabián, Accipiter nisus, ao comentarse que estaba presente en zonas con grandes penedos e non en bosques. En Videferre hai unha paraxe que se chama Azoreira que se supón que veña de Azor, Accipiter gentilis.

Gaiñola, Scolopax rusticola. A especie en portugués chámase Galinhola. Está presente só no inverno. "Chega polo mes de novembro".

Garrabaio, Garrulus glandarius. Segundo unha interpretación intuitiva, o nome Garrabaio pode que sexa unha forma primitiva de designar a esta ave ao aproximarse ao Garrulus latino, coa mesma raíz garr-, co tempo economizaríase a linguaxe para dar paso á designación máis extendida Gaio, que conservaría entón as raíces ga- e -aio do orixinal. De ser verdade sería curioso. "Atrevido e depredador a todos os niveis. Fermoso, desconfiado e moi intelixente. As familias permanecen unidas ata a primavera seguinte. Coñecendos as súas costumes sempre saberás quen anda polos remansos do bosque nese momento".

Garrabaio, Garrulus glandarius

Lavandeira, Motacilla alba. Diferenciada plenamente de Motacilla flava ou M. cinerea.

Laverca, Alauda arvensis. É a única designación que se atopou para esta especie en todos os lugares pescudados.

Laverca de poupa, Galerida cristata. Poupa fai referencia á crista que ten esta especie na cabeza e provén directamente do português: poupa, s. f. tufo de penas que adorna a cabeça de algumas aves.

Laverca de poupa, Galerida cristata

Letreira, Emberiza cirlus, E. citrinella, E. cia. Posiblemente sexa un vernáculo compartido con diferentes emberízidos, sen concretar especie, áinda que o máis probable é que se corresponda con Emberiza cirlus.

Malviz, Turdus iliacus. Presente só no inverno.

Melra, Turdus merula. Designación similar ao portugués, Melra en vez de Merla. Diferénciase a Melra, en femenino, especie que anda en solitario nos bosques, co Melro, en masculino, que anda en bandos nos arredores do pobo.

Melra troitoira, Cinclus cinclus. Esta especie posúe a desginación Melra achegada ao portugués e a variante -troitoira achegada a outros nomes atopados na bisbarra, que anda entre as Troitas, Salmo trutta, é dicir, nos ríos, é unha ave insectívora.

Melro, Sturnus unicolor. O mismo que para a Melra, designación similar ao portugués. Diferénciase o Melro, en masculino, especie que anda en bandos nos arredores do pobo, coa Melra, en feminino, que anda en solitario nos bosques.

Milleiro, Carduelis cannabina. Os machos teñen o peito vermello. "Fai tempo víanse bandadas moi grandes de miles de exemplares, de aí virá o seu nome, Milleiros".

Moucho, Athene noctua, Otus scops, Strix aluco. Nome xenérico para designar a estas tres especies, e poida que aínda tamén a Asio otus e Asio flammeus.

Un dos Mouchos, Otus scops

Naviñeiro, Serinus serinus, Carduelis chloris. Pequeno e de cor amarelo, co pico de granívoro, vense nas viñas, de aí o seu nome. Tamén se distingue unha outra especie máis grandiña de Naviñeiro que se corresponde con Carduelis chloris. Noutras zonas da comarca recóllese esta designación para Carduelis cannabina.

Noitevoal, Caprimulgus europaeus. Outra variante da designación máis extendida na comarca, fai referencia ás palabras noite e voar, que voa pola noite.

Paporroibo, Erithacus rubecula. É curioso non se ter atopado esta terminación -rroibo noutras localidades da comarca, o común é atoparse coa  terminación -rrubio, Paporrubio.

Pardal, Passer domesticus, P. montanus. Designación amplamente estendida.

Parpallaza, Coturnix coturnix. Variante da designación máis extendida pola comarca. Onomatopeico, asimílase ao canto desta ave.

Pedreiro, Oenanthe oenanthe. Aniña en buracos de paredes lonxe dos pobos, a diferenza de Phoenicurus ochruros que non lle importa aniñar en buracos no interior dos pobos, aínda que tamén aniña en zonas rochosas naturais.

Perdiz, Alectoris rufa. Designación estendida amplamente.

Pintasilvo, Carduelis carduelis. Semellanza co nome oficial en portugués Pintassilgo.

Pita brava, Tetrax tetrax. Antes víanse, agora fai tempo que non se ven. "Tamén se foi".

Pitorrei, Picus viridis. Distínguense tres tipos de Pitorrei, esta designación sen calificativo sería para referenciar a esta especie máis grande e común, despois estarían o ferreño e o pedrés, Decrocopos major e Jynx torquilla.

Pitorrei ferreño, Dendrocopos major. Este é outro Pitorrei, máis pequeno e de coloración diferente.

Pitorrei pedrés, Jynx torquilla. Este é o último dos Pícidos, o seu calificativo refírese a que ten unha coloración críptica semellante aos tons das pedras. Descríbese á perfección o comportamento da ave ao mencionarse a característica de torcer o pescozo como se fora unha cobra. É a primeira vez que se recolle un nome vernáculo para esta ave na comarca de Monterrei. Escaso na zona.

Pizpiz, Anthus pratensis. Veñen en novembro, designa en concreto a esta especie invernante. Onomatopeico, reflicte o reclamo da ave en voo.

Pizpiz, Anthus partensis

Pomba, Columba palumbus. Nome para designar só a esta especie de colúmbido.

Rola, Streptopelia turtur. Desginación única para esta especie na comarca.

Rosinol, Luscinia megarhynchos. Variante da designación que tamén se recolleu en outras localidades.

Tanxos, ?. Non se puido descubrir a que especie correspondería este nome vernáculo xa que fai moito tempo que non se ven e voaban tan alto que non se lles vía ningún detalle, pasaban en bandos numerosos, pode que se tratara dalgunha especie de ave limícola (?).

Tercelán, Falco tinnunculus. Variante dunha das designacións máis extendidas na comarca de Monterrei para este pequeno falcón.


Tercelán, Falco tinnunculus

Torda, Turdus viscivorus. Recolleuse este vernáculo para desginar en concreto a este túrdido, utilizándose o femenino ao ser unha especie un pouco maior que as outras do xénero. Non se atopou ningún nome para Turdus iliacus, T. philomelos e T. pilaris, de existir algún para o máis común Turdus philomelos podería que fose a desginación en masculino Tordo, ao ser de menor tamaño que Turdus viscivorus.

Tornillo, Apus apus. É curioso que este vernáculo se ten atopado noutras localidades da comarca para desginar a Sturnus unicolor, que aquí se lle chama Melro, e a máis extendida designación Merlo para chamar a Turdus merula, que aquí se lle chama Melra. O nome máis común na comarca para Apus apus sería Vencello. Unha auténtica mestura e confusión de nomes e especies.

Trallón, Ficedula hypoleuca. Vense polo mes de setembro, en pasaxe posnupcial.


Macho e Femia de Trallón, Ficedula hypoleuca


Continuará en vindeiras entradas.

* Nas xeiras multidisciplinares participaron:

Alberte Reboreda
Claudio Álvarez
Eduardo Castro
Xosé Luís Lozano
Xosé Ramón Reigada
Xosé Rodríguez

* Recollido e revisadas as especies por Claudio Álvarez e Xosé Ramón Reigada

Videferre. Outubro do 2012