mércores, 29 de decembro de 2021

Tanxugueiras

CORRIXIDO E AMPLIADO

O 29 DE XANEIRO DE 2022


As cantareiras galegas Tanxugueiras están no refacho musical. O nome que lle puxeron ao grupo seica lles vén dun microtopónimo de Fumaces, do concello do Riós (en Galicia Nomeada aparece como As Teixugueiras porque esa é forma etimolóxica, pero na fonética está recollida a pronuncia local [tanxugueiras]. Cómpre subliñar que a microtoponimia do Concello do Riós (máis de 4.200 nomes) foi recollida hai moitos anos por Vicente Feijoo Ares, o actual coordinador do proxecto Galicia Nomeada e membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega.

As Tanxugueiras sería, por tanto, un zootopónimo, isto é, un nome referido a un animal; neste caso, ao teixugo ou tanxugo, como se pronuncia tamén nesta zona do sueste ourensán e na rexión portuguesa de Trás-os-Montes. Os lugares que levan este nome, Teixugueiras ou Tanxugueiras, están motivados pola existencia de tobos ou tocos onde aniñaban e se agochaban os teixugos.

Un teixugo, tanxugo, Meles meles, é un mamífero carniceiro da familia dos mustélidos de pelo longo e espeso, agrisado no lombo, negro nas patas e no ventre, e abrancazado con dúas listas negras que van desde o fociño ata detrás das orellas, que vive en tobos profundos e ten costumes nocturnos.

Tanxugo é entón o nome vernáculo tradicional na aldea de Fumaces, variante do nome máis común en galego de Teixugo.

Na mesma rexión de Monterrei tamén se recolleu este nome tanxugho, desta vez con gheada, e a variante tenxugho, na aldea de Mandín, no concello de Verín.

Tamén temos o topónimo As Tanxugueiras no Navallo, e As Tanxigueiras en Mañoás, ambos os dous no concello do Riós. Na aldea da Pena do Souto, do mesmo concello, a este animal chámanlle tanxugo.

Na aldea de Rexoxende, no concello de Vilardevós, tamén existe unha paraxe chamada A Tanxugueira e, alí, aínda está viva a palabra tanxugo para referirse a este animal. Neste mesmo concello, pero no territorio da aldea de Terroso, localizamos outra paraxe denominada A Tanxugueira.

Na microtoponimia de Oímbra, tamén se rexistra As Tanxugueiras.

En San Lourenzo do concello da Gudiña hai a paraxe As Touxigueiras.

En Viana do Bolo, existe este mesmo topónimo As Tanxugueiras no termo territorial de Santa Mariña da Ponte.

Como se pode apreciar, é un topónimo moi común nesta parte de Galicia con esa variante distinta á forma etimolóxica.

Fóra das nosas fronteiras, tamén rexistramos a variante tasugo na zona portuguesa de Miranda do Douro, en idioma mirandês; na rexión do Alto-Tâmega portugués, rexístrase a variante teixugo ou texugo; e, por medio das redes, recolleuse o nome de tasugo en Palencia, quizais sexa un eco da lingua astur-leonesa.

Tanxugo, Teixugo, Meles meles

Estas cantareiras internacionais afirman nunha entrevista á RAG que escolleron este nome inspirándose na toponimia oral, tras escoitarlle este nome a un amigo natural da aldea de Fumaces, Fernando Chao (coñecido tamén como Fernando Fumaces). Gustoulles Tanxugueiras pola súa sonoridade e porque “ese sería o nome perfecto para un grupo de mozas que se xuntan por diversión e amor á música, moi lonxe do medo ou de calquera cousa que faga mal”.

Atinaron de cheo polo singular comportamento, personalidade e sons deste fermoso e admirado animal que están narradas máis adiante neste artigo.

Tanxer tamén ten o significado de tocar instrumentos musicais tradicionais galegos; á parte de estimular o gando para que camiñen os animais; e logo coma sinónimo de carpir, chorar, podendo asimilarse á voz, o canto, o bruar, do tanxugo, teixugo, sen poder asegurarse isto, só por relacionar posibilidades (porase o seu tanxer, o seu son, no final do artigo).


* "O nome deste animal, teixo ou teixugo, procede do latín tardío TAXO, TAXONIS, aínda que non se coñece con certeza a súa orixe, que podería vir dunha suposta forma xermánica *thahsus ou do gótico *thahsuks. O nome científico é Meles meles, sendo o único membro da familia dos mustélidos (á que pertencen armiños, londras, visóns e martas, entre outros) clasificado neste xénero, que toma o seu nome da palabra latina para lle chamar ao mel, xa que é sabido que esta substancia, mais os insectos, son os manxares favoritos do teixugo. Tanxugo é, por tanto, unha variante local da forma etimolóxica teixugo, no idioma galego", afirma o lingüista da RAG, Vicente Feijoo, natural do Riós.


* Katuro Barbosa di o seguinte respecto da etimoloxía do nome teixugo:

"Parece que provém de TAXUCUS, diminutivo de TAXUS, palavra latina que pode ser cognato ou estrangeirismo em latim proveniente do germânico ðaðsu- ou thathsu- que procede por sua vez duma raiz indo-europeia, teks- ou tex- que significa fabricar, tecer... Deve ser porque "fabrica" ou "tece" literalmente a covinha onde vive...".

De facto os tanxugos, teixugos, entretecen unha rede de tocas baixo terra de moita lonxitude nos que posúen varias saídas ou entradas, dende unhas poucas até preto da decena, e responde o seguinte:

"Entretecido é a palavra chave, derivada de tecido e esta dessa raiz tax- ou tex-..."

Aliás a palabra tanxugueira sería entón:

"Teixugueira ou texugueira é o lugar onde vivem os teixugos ou texugos, sendo tenxugueira ou tanxugueira uma variante dialetal ou local da forma supra-dialetal usada como forma padrão."


* Capelurso Carboeira di o seu parecer respecto da etimoloxía de teixugo:

"A mim convence-me mais a teoria da continuidade onde teixo (árvore) e teixo (animal) nascem do mesmo conceito "dureza'.
Perceba-se que teirugo, tarugo e teixugo são o mesmo conceito, e sem aventurar muito a mesma palavra raiz com distintas realizações. Confronte-se com teiró e as tantas variantes, teiroa,  teiruga...., da peça do arado onde vai a relha, e mais: a teiró primária que antes do Bronze era o pau duro que furava a terra sem relha metálica.
Não por outra razão seria que o teixo, teixão, teixugo tem o nome de porco-teixo, onde o modificador teixo não está a descrever a cor, pois não é teixa a sua pelagem. A hipótese é que porco-teixo estaria a falar dum porco-duro, dureza da sua carne e coiro.
Para remarcar isto mais: a árvore, o teixo, tem um nome muito explícito: teixo-ramo. Uma das características da madeira do teixo é a sua dureza, então sim a cor teixa nasceria da cor do teixo, mas o teixo seria tal o seu nome por esta ideia de dureza que em fóssil ficou no adjeitivo teixugo/ teirugo/tarugo "duro"."


* Conchita Fernández López di o seguinte sobre o topónimo tanxugueira e o nome teixugo:

"Topónimo orensanopontevedrés rarillo, porque no se recoge en el Nomencl. En Lugo y Coruña recoge unos quince Teixoeiras, As Teixoeiras. En Cuenca hay una Taxuguera, y 'taxugo' está en el dic de la rae. En nuestra zona el 'teixugo' se conoce sobre todo como 'porco teixo'. Existe el ap. francés Teisonnières.
Si el tejo (taxus) y el tejón (taxucus, o vulgar *taxonem) tienen algo que ver podría ser lo espeso y tieso de su cobertura: las hojas o el pelo. En griego dasýs (comparable a la forma germánica citada en el artículo) significa 'peludo' o 'de espeso follaje', y en latín 'tegere' tectum es 'recubrir', proteger: techo, al. Deck. No es una correlación muy simple pero también el suf. -ucus es infrecuente, y se da en la planta del saúco/ jabugo: sambucus  o la lactuca: leituga, que tiene 'leche'. Entonces hasta el color 'teixo', del pelaje de muchos animales, podría asociarse."

No tocante desa -x-, e non -s-, de Taxugo en castellano responde o seguinte:

"Puede ser un cultismo o una grafía conservadora, como se da en el apellido Ximénez, o Texeira (calle en Madrid: Pedro Texeira) en Texas o México, y la pronunciacion sería probablemente parecida a [tajuguera] ??"

"*tejugo: *tejuguera sería el resultado más regular en cast. del latin 'taxucus'."

É mesmo curioso isto, que permaneza esa designación en toponimia castellana, unha posible orixe... E cal?


* Agora vaise poñer unha oipinión persoal, sen serse ningún especialista, e, aínda que xa falaron os verdadeiros lingüistas, vaise plantexar isto só a modo de dúbida:

"A saber entón se o nome tanxugo, teixugo, tivese mesmo relación coa árbore teixo (Taxus baccata) ou co verbo tanxer ou a saber. Un deles sería variación do outro, mais cal de cal. Persoalmente téñense recollido ámbolas dúas designacións e con variantes dialectais. Puidese ser entón que tanxugo fose unha forma primitiva da logo evolución para o nome teixugo, tal coma acontece co nome morcego e a súa forma máis arcaica de muricego, recollida tamén nesta bisbarra de Monterrei? Ou é que Tanxugo puidese ser simplemente unha variante local de Teixugo tal como afirman os especialistas? Desculpai polo plantexamento."


Despois de ver todas estas opinións, aínda cómpre investigar outras variantes do nome do animal que poidan existir por Galicia adiante. O artigo está aberto para calquera que queira achegar información e retirar ou modificar posibles erros ou imprecisións. Isto só é unha interpretación propia con achegas doutras persoas coas que puiden falar, algún deles expertos na materia.  


A continuar póñense uns enlaces á páxina web Portal das Palabras:

Tanxugueiras, palabra do ano 2021:

https://portaldaspalabras.gal/tanxugueiras-palabra-do-ano-2021/

Palabras do día: teixugo:

https://portaldaspalabras.gal/lexico/palabra-do-dia/teixugo/

Voces de aquí e acolá: teixugo, porco teixo e melandro:

https://portaldaspalabras.gal/lexico/allos-con-bugallos/voces-de-aqui-e-acola-teixugo-porco-teixo-e-melandro/


Chéganos unha última opinión sobre a etimoloxía do nome tanxugo, provinte do recoñecido lingüista internacional Tomás González Rolán. É o seguinte:

"El Diccionario etimológico de los grandes latinistas franceses  A.  Meillet y A. Ernout señalan, efectivamente,el origen germánico de taxo, -onis, pero en cuanto al término taxus no encuentran correspondiente claro. Es posible que la nasal que se introduce en palabras como tanxugueiras o tanxugo, esté relacionada con los verbos latinos tango, tangere y taxo, taxare, que es un frecuentatico-intensivo  del anterior , con el sentido de tocar, tanto en el sentido físico (un instrumento) como moral, o también de hacer alusión, etc."

"A. Ernout-A. Meillet, Dictionnaire Étymologique de la Langue Latine. Histoire des mots (4ª edición), París, Librairie C. Klincksieck, 1959."


Grazas, ante todo, ás Tanxugueiras pola música que fan, polo que representan para o pobo galego e por levar os nosos mictopónimos polo mundo adiante, e recollérendes de maneira indirecta unha variante do nome deste fermoso e varudo animal.

Deséxasevos moito éxito, pois sodes boísimas!





É de agradecer a Vicente Feijoo Ares pola revisión do texto e a recolla da toponimia do concello do Riós, e a Galicia Nomeada https://galicianomeada.xunta.gal/sixtop/inicio; á Tati e ao Rafa os datos solicitados; aos informantes por medio das redes sociais, en especial a Katuro Barbosa coma experto no galego da lusofonía, o mesmo que Capelurso Carboeira (peço desculpas por não escrever com grafia portuguesa); a Marco Fachada de Chaves coma naturalista da região do Alto-Tâmega transmontano e galego; a Ruth Nóvoa da Voz de Galicia polo seu interese e divulgación; a María Salgado de Mañoás, a Vanessa Saraiva de Rexoxende, a Celso González de Terroso, a Irene Bakea de Perní, a Conchita Fernández López, a Miguel de Verín, e outros; ao pobo, aos veciños de  Fumaces por manter viva a tradición oral e musical (coas súas cantigas de aleilou)  e a súa íntima relación co medio rural e natural; a Xan Manoel Aparicio por poñernos en contacto; ao latinista Tomás González Rolán; a Fernando Fumaces por orientar na inspiración do nome do grupo; e, como non podía faltar, nin ser doutro xeito, ás propias Tanxugueiras: https://tanxugueiras.com/. Muchas gracias, muito obrigado, moitas grazas a todos, todas.

Tamén é para vós, a quen vos interesou, e para os veciños das localidades citadas xa que os nomes ser son deles, ou nosos, ou de todo o mundo. Agradécese.


(Este artigo segue pendente de revisións, ampliacións e modificacións).


Para rematar vaise dicir que na cultura popular e na tradición oral galego-portuguesa o Teixugo, Tanxugo, era visto coma un animal bravo, fermoso e baril, mais afouto coma poucos, por isto era moi respectado. Polo seu carácter indomable hai o dito "ser terco coma un teixugo", e por ser moi forte e rexo din "ser duro coma un teixugo". E chámase 'teixugo' a alguén que ten un carácter rebelde e indómito.

Ben, pois aquí vos fica o tanxer do Tanxugo:


Belido e fascinante animal!

Não há fronteiras. Moitas grazas, Tanxugueiras.





Para quen queira, aquí pode descargar o artigo completo deste blog:

luns, 30 de agosto de 2021

Nomes vernáculos de Aves e demais Fauna recollidos en Castrelo de Abaixo

Nomes vernáculos de Aves e demais Fauna recollidos en Castrelo de Abaixo, post publicado no blog Castrelo de Abaixo:

https://castrelodeabaixo.blogspot.com/2021/08/nomes-vernaculos-de-aves-e-demais-fauna.html

REVISADO E AMPLIADO

O 15 DE SETEMBRO DE 2021

A continuar imos pór uns nomes vernáculos de Aves e demais Fauna recollidos en Castrelo de Abaixo e publicados no seu día no blog Verín Natural, alén de máis aportacións.

Isto é o que se recolleu ata o momento:


Insectos:

Barrosiño, Coccinella septempunctata, coccinélidos, dicíanlle así:

"Barrosiño, voa, voa,

polas calles de Lisboa

que che hei dar pan e cebola".

Na Arzoá dicíanlle así:

"Barrosiño, voa, voa,

que ao parar na miña casa

heiche dar pan, viño e cebola".

Fedegosa, insecto hemíptero, a especie máis coñecida é Nezara viridula, cheira moi mal

Faldracadela, insecto dermáptero, a especie máis coñecida é Forficula auricularia, dicían que se se che metía unha Faldracadela nun ouvido quedábase un xordo, non é certo, é só unha crenza infundada

Bicho relumbrón, lampíridos, a especie máis coñecida é Lampyris noctiluca, emiten luz pola noite, bioluminiscencia

Carballesa, Mantis religiosa, Empusa pennata, dicíanlle así:

"Carballesa pon a mesa,

pona alta, que se vexa".

Cabra louca, Gerris lacustris, andaban nos pozos de rega

Vaca loura, Berberomeloe majalis, tamén Physomeloe corallifer ao aparecer esta especie rara na zona

Polboretas, lepidópteros, bolboretas en xeral, tanto ás nocturnas coma ás diurnas, nunca atopamos nome específico para calquer especie de lepidóptero dada, existía a crenza de que ao rondar unha Polboreta nas luces do interior da casa pola noite era sinal de que en breve se ía recibir unha carta

Morrión, morriós en plural, larvas de lepidópteros, eirugas de bolboretas, poida que tamén outras eirugas de insectos, tamén sinónimo de verme, é exemplo: "os morriós das mazás"

Gaiteiros, odonatos, libeliñas e cabaliños do demo indistintamente

Escarabellos, coleópteros

Avésporas, himenópteros

Saltón, saltós en plural, ortópteros a escepción dos gríllidos

Grilo, Gryllus campestris, outros gríllidos, 'capábanse' cunha palla


Miriápodos:

Cempatas, escolopendromorfos, a especie máis coñecida é Scolopendra cingulata, a súa picadela é moi dolorosa


Moluscos:

Lerme, moluscos gasterópodos de diferentes grupos, a especie maís coñecida é Arion ater, de cor negra, aínda que hai moitas máis especies difíciles de identificar

Caracol, en plural caracois, moluscos gasterópodos, a maioría son da Familia dos helícidos, a especie máis común é Helix aspersa


Anélidos:

Mioca, Lumbricus terrestris


Arácnidos:

Alacrán, Buthus occitanus, a súa picadela é moi dolorasa


Anfibios:

Salamanca, Salamandra salamandra, poida que tamén Triturus marmoratus e Lissotriton boscai xa que había as da terra e as da auga respectivamente, teñen algo de toxicidade, sobre todo as de pintas amarelas, Salamandra salamandra, pero non son perigosas para os humanos

Sapo cunqueiro, Bufo spinosus, estaba o dito de que "cando nacía un sapo nacía unha sapa", referíndose a que cando algunha presoa tiña algún defecto sempre había outra con semellanzas a ela. Dicían que se che mexaba un sapo ou se tocaba por onde andivera un saíache 'goxo', crenza infundada, a toxicidade do sapo cunqueiro non traspasa a pel humana e é moi feble, só se inocularía polas mucosas e a reacción sería un pruicio leve. Tamén había unha oración para esconxurar o goxo, recitábase mentras se fretaba un miolo de pan facéndo cruces sobre a zona afectada e ao rematar tirábaselle este miolo ás pitas para que o comeran, dicía así:

"Goxo, goxiño,

vaite deiquí,

o miolo do pan

vai tras de ti,

se eres de cobra

mítete á cova,

se eres de salamanca

mítete á barranca,

se eres de sapo ou lagarto

mítete ó buraco.

Un Padrenuestro ionha Avemaría

á honra de Dios e a Virghen María".

Sapa, Alytes obstetricans (?), de pequeno tamaño e canto nocturno moi entrañable

Rana, un castelanismo, Pelophylax perezi, a verdadeira 'rana', a que se comía, era a que tiña no lombo unha risca verde, a outra era a que chamnaban Rana cruzada

Rana cruzada, Hyla molleri, Rana iberica, podían ser estas dúas especies ou só unha delas, non nos souberon identificar certo, no entanto a máis común na zona é Rana iberica

Cágados, larvas de anfibios


Réptiles:

Ladra (?), Tarentola mauritanica, poida que aquí non se lle dé esta designación a esta especie, o máis correcto acho que sería Lagartiña, nome xenérico compartido con lacértidos dos xéneros Podarcis e Psammodromus, tamén se recollera o nome de Dragón pero de clara influencia da emigración ao ser unha designación dada na Cataluña e outras partes do Mediterráneo español. En Castrelo de Abaixo recolleuse unha crenza popular sobre estas Ladras, viña a dicir que traían boa sorte, está publicada no seguinte enlace: https://verin-natural.blogspot.com/2012/08/unha-crenza-popular-sobre-as-ladras.html

Escouparón, Blanus cinereus, referíanse a este especie en concreto con este nome dándolle aos lagartos ápodos ou semiápodos a designación de Esóupolos, esta especie debería levar o apelido de "Escouparón cego" para non confundirse con outras designacións de Escouparón en localidades próximas, ademáis foi o nome común escollido polos herpetólogos para designar a especie en galego xa que esta especie só está presente en Galicia nas zonas máis mediterráneas do Búbal, Támega e Mente da bisbarra de Monterrei

Escóupolo, Anguis fragilis, Chalcides striatus, tamén se recolleu o nome de Liso pero debe ser unha introdución recente doutra lingua peninsular reflexo da emigración a outras rexións da España

Lagartas, Lagartiñas, Podarcis lusitanica, Psammodromus algirus

Serpes, é máis frecuente aínda chamarlles Culebras, en castelán, en frases feitas populares díselle Cobra, estes nomes refírense aos colúbridos en xeral, as culebras din que 'muran' moi ben, do verbo murar, cazar ratos, no entanto pese a seren beneficiosas están mal vistas e ata se matan, as únicas especies de serpes velenosas son as víboras, Vipera spp., na zona non se atopou presenza nin testemuño destas especies, en Castrelos dixéronnos que nunca as viran por aquí pese a coñecelas xa que nos contaron que si que as había polo Tameirón da Gudiña, onde as vían ao ir á seitura, alí está constatada a súa presenza, de facto nestas zonas onde aparece chámanlle Bicho de cordón, Bicho d'ascada, poida que incluso Bichorro, sería a da especie Vipera latastei. Tamén hai un topónimo que se chama Ós Quiobros, en zonas próximas da Mezquita ou o Tameirón chámanselle quiobras ás culebras

Lagarto, Timon lepidus, poida que co específico Lagarto arnal (?), diferenciándose así de Lacerta schreiberi que era máis pequeno e andaba nas beiras do río


Mamíferos:

Zorra, Vulpes vulpes, tamén Raposa pero o máis común era chamarlle Zorra en feminino. Á zorra nos contos populares chamábaselle como "Señora Comadre". Dicían que moitas veces víanse nos prados cazando grilos. Comíase, contaban que houbo quen a comeu dicíndolle que era lebre. Falaban que se se trataba de matar unha zorra esta defendíase mexándote, dicía unha historia, contada coma real, que un labrego ía por un camiño e lle saíra a zorra, levaba un sacho ao lombo e tratou de darlle con el, seica a zorra mexouno por tres veces nas pernas e non a deu matado. Sempre se vía como arteira: https://rexiomontanos.blogspot.com/2020/11/uns-contos-da-zorra.html

Cando saía o sol nun día chuvioso dicíase que estábase casando a zorra, "estase casando a zorra", noutras partes de Galicia a esta condición atmosférica chámaselle Orada e Enxairo, e recitábase:

"Chove e chuvisca

na casa da brisca,

chove e fai sol,

cásase a zorra,

ímoslle á boda

e comémola toda".

Lobo, Canis lupus, do lobo dicían que  "un día comía terra, pro outro comía aire e pro outro comía carne, e ó cuarto descansaba". Falábase do "vento do lobo" que consistía en que se el te vía a ti antes de que ti o viras a el, arrepiábaseche o corpo e púñaseche o cabelo requichado, podería ser algo semellante ao que se coñece como 'horripilación', esclusivo dos grandes simios e homínidos. Cando alguén viña con cara de asustado dicíanlle: "Parece que viches ó lobo". Cando un neno comía a carne sen pan dicíanlle: "Comes coma o lobo". Tamén estaba o dito: "O lobo sempre sigue os camiños" co mesmo significado que "quen busca atallos, busca traballos". En Castrelos hai o topónimo Ó Pozo do Lobo

Oso, Osa, Ursus arctos, ían ás colmeas do mel, xa non lembran velo, só o coñecen de ouviren falar del. Nomeárono como o Oso mais pode que fose a Osa, en feminino, xa que na toponimia aparece como tal, en Castrelo de Abaixo existe a 'pala', oquedade natural nunha fraga a modo de acubillo, chamada A Pala da Osa

Ourizo cacheiro, Erinaceus europaeus

Doniña, Mustela nivalis, había os seguintes ditos:

"Doniña bonita,

cazola queimada,

mataches o home

coaquela machada".

"Doniña bonita,

criada do cura,

... (?) e continuaba dicindo algo con retranca contra os curas".

Furón, Mustela putorius

Toupa, Talpa occidentalis, esta especie que temos aquí é endémica do oeste e centro da Península Ibérica. Dicían que "o sapo deulle o rabo á toupa e a toupa deulle os ollos ó sapo", de aí ven o dito "trocar os ollos polo rabo", é dicir, cambiar unha cousa, boa, non tan boa ou mala, por outra pior

Lirón, en plural é lirós, Rattus norvegicus, R. rattus

Lirón da auga, Arvicola sapidus, comíanse, andaban nos pozos de rega

Teixugo, Meles meles

Londra, Lutra lutra, víanse incluso nos regueiros índo para A Arzoá

Ghabalí, Sus scrofa, en castelán, na escrita con gheada, designación recente, en tempos debía ser unha especie escasa pola presión humana no medio natural e á ocupación do territorio para cultivos, a forma máis correcta en galego é xabaril ou porco bravo, aínda que tamén se admite xabarín como menos recomendable

Ratos, roedores en xeral, a especie máis común nas casas é Mus musculus, hai varias especies máis

Corza, Cabra, Capreolus capreolus, Cabra poida que sexa unha designación moderna, máis correcto sería Corza, de facto en Castrelos hai o topónimo Valdecorzas, no entanto debeu ser unha especie escasa en tempos pasados debido á intensa presión humana no medio natural e á ocupación do territorio para cultivos

Coello do monte, Oryctolagus cuniculus

Lebre, Lepus granatensis, especie moi perseguida e apreciada para comer, dicían que a súa carne cheiraba moito a 'bravume', chaman así aquí ao bravío

Ardilla, Sciurus vulgaris, nome en castelán de recente introdución, o seu sería Esquío ou Esquilo

Ghineta, Genetta genetta, en castelán, o seu sería Algaria ou Rebisaco

Gato montés, Felis silvestris

Garduña, Martes foina, M. martes, "comían as pitas"

Municegos, Quirópteros, varias especies en diversos hábitats, humanos e silvestres


Peixes:

Trúita, Salmo truta, eran moi apreciadas para comer, collíanse a mau nas preseiras das caldeiras dos prados e muíños

Boga, en principio Psedochondrostoma duriense, no entanto a taxonomía destas Bogas están variando continuamente ao separárense as especies das diferentes cuncas dos ríos

Peixes, para ciprínidos en xeral, Bogas e poida que tamén Squalius carolitertii

Barbo, Barbus bocagei, eran moi sabrosos, esta especie en Galicia só aparece nos ríos da cunca do Douro: Búbal, Mente, Rabaçal (os ríos de Pentes e Barxa) e Támega

Anguila, Anguilla anguilla, especie en perigo de extinción ou pode que xa extinta na zona

Tradicionalmente pescábase tamén con Turuvisco, Daphne gnidium, unha planta con toxicidade natural que se deixaba pisotear nos camiños por onde pasaban as ovellas para logo botala na auga e envelenar as pozas do río, iso deu paso ao envelenamento con lixivia, moi perigosa e destrutiva para os organismos acuáticos


Aves:

Ás aves chámaselles páxaros e non paxaros coma no galego normativo, aos niños díselles ninos, e aos ovos, güevos, un vulgarismo castelanizado. Cando os páxaros abandonan a posta do nino, maiormente por molestias humanas, dise que 'enxeitan', de enxeitar. Para axotar os páxaros dos cultivos púñase un aparello que facía ruído co vento chamado 'tarabela'.

Cuco, Cuculus canorus, dicían que marchaba cando vía as primeiras gavelas da seitura, que non quería traballo, tamén estaba o dito:

"S'o cuco non ven

entre marzo ie'abril,

ou o cuco é morto

ou a fin vai vir".

Cando cantaba o Cuco as mozas casadeiras dicíanlle así:

"Cuco, cuquiño,

rabo de escoba,

cuantos anos me faltan

pra miña voda?".

E logo contaban as veces que cantaba o Cuco que eran os anos que lle faltaban para se casar.

Bubela, Upupa epops, cheiraban moi mal, dicían que comía merda e que facía o nino con ela, non eran boas para comer. Unha historia, din que real, contaba que un veciño lle preguntou a outro: "Como se chama ese páxaro que fai "bu-bu bu-bu"?", o outro contestoulle: "Ai oh!, ti non sabes?, a bubela!", e o primeiro respostoulle: "Merda pra ti e pra ela".

Anduriña, Hirundo rustica, hirundínidos, había un conto para as anduriñas pero non se lembraban del

Perdiz, Alectoris rufa, eran moi apreciadas para comer, collíanse nas leiras de centeo cunha trampa chamada 'ichó', tamén eran moi buscados os seus ovos postos no chau, buscábanse pola Pascua, nesta celebración tocaban as campás toda a noite, e dicíanlle aos mozos que o primeiro que fora tocar as campás era o que ía atoparlle os güevos ás perdices, seica era toda unha festa atopalos

Rola, Streptopelia turtur

Pombo, Columba palumbus

Moucho, Athene noctua, existía a crenza de que si se ouvía cantar un moucho era sinal de que ía morrer algún veciño, tamén pasaba o mesmo con "as señas", é dicir, ver luces estranas pola noite, parecer ver algún defunto, soñar con defuntos, eran sinal de morte, sen embargo se se soñaba coa morte dun vivo alongábaselle a este a vida

Curuxa, Tyto alba, Strix aluco, era páxaro de mal fado, dicían que se se houbía o seu bufido pola noite era que ía haber algunha morte

Goucho, Strix aluco, dicían que cando cantaba pola noite, "buuh-buuh-buuuuh", era sinal de que ía haber algunha morte, cando se pousaba nun tellado dunha casa era sinal de que aí ía morrer alguén

Lavandeira, Motacilla alba, tamén coñecían as Lavandeiras do río, Motacilla cinerea

Pardal, Passer domesticus, antes moi abondosos nos Negrillos, Ulmus minor, unha especie de árbore moi común no pobo no pasado e hoxe extinta en fase arbórea por mor dunha doenza, si que queda presencia en fase arbustiva

Tornillo, Sturnus unicolor

Corvo, Corvus corone, C. corax, estes últimos de maior tamaño e solitarios ou en parella víanse na Fraga do Curral, o seu canto era considerado sinal de que ía morrer alguén

Pega, Pica pica

Gabilán, Accipitridae, rapinas diúrnas en xeral, dicían que sempre houbo un nino de gabilán na Fraga do Curral (fragueiros ripícolas) polo que se identificaría con Falco peregrinus

Torda, Turdus spp.

Merla, Turdus merula, dixéronnos este conto:

Polo mes de xaneiro a merla pedíalle de comer á formiga, e a formiga contestáballe:

"Merla,

andas no vrau de silveiro en silveiro,

chirlo merlo, chirlo merlo,

busca de comer pro inverno".

Chasco, Saxicola rubicola, porque andaba sempre "chisca, chisca"

Vencello, Apus apus, chamábano así porque collía as pallas para facer o nino e atábaas coma se fosen un 'vencello': atadura vexetal para atar os feixes de més ou palla

Escribenta, Emberiza cirlus, E. spp., porque tiña os ovos cunhas manchas que semellaban estar escritos

Verderol, Chloris chloris

Paporrubio, Erithacus rubecula, dicíanlle así:

"Paporrubio, paporrubio,

papea, papea".

Carriza, Troglodytes troglodytes, os seus fillotes chamábanse Carrizos, estaba o dito "ser máis pequeno conha carriza"

A Pazpallá, tamén recolleuse a Pazpallota, Coturnix coturnix, en feminino, cantaba así: "pazpallá-pazpallá", había un dito sobre a pazpallá:

"Pazpallá, pazpallá,

moita palla

e pouco grau".

A Tentenarraíz, Miliaria calandra, en feminino, nome onomatopeico, do seu canto: "tentenarraíz-tentenarraíz"

Azulenta, Prunella modularis, puña os ovos azuis

Cigüeña, Ciconia ciconia, de introdución recente, en castelán, andaban pouco por alí, no entanto hai un topónimo chamado Á Cigoña

Averrapiña, Circus pygargus

Tecelán, Falco tinnunculus, tecía no aire, había uns ditos que dicían así:

"Tece, tece, Tecelán,

técellas calzas ó meu can,

se as sabes tecer ben

téceme outras a min tamén".

"Tece, tece, Tecelán,

tente, tente na raíz".

Bufo, Bubo bubo

Noitevoá, Caprimulgus europaeus, por voar de noite

Grulla, Merops apiaster, castelanizado, o máis correcto sería chamarlle Grou, nome recollido nas proximades, díxose que había tamén outro nome para este páxaro que papaba abellas pero que non se lembraba

Pito verdeal, Picus sharpei

Picapau, Dendocopos major, tamén lle chamaban Páxaro carpinteiro

Cutuluvía, Lullula arborea, dicían así:

"Cutuluvía, vía, vía,

cuanto máis alta

máis asubía".

Cutuluvía do capelo, Galerida cristata, chamábanlle así ás persoas a modo de insulto protocolario non ofensivo, normalmente nos fiadeiros: "Oh, Cutuluvía do capelo !"

Merla truiteira, Cinclus cinclus, dicían que se metía na auga para apañar trúitas e peixes, en realidade é unha especie insectívora

Chincho, Fringilla coelebs, hoxe en día hai un veciño con este alcume "o Chincho"

Picanza, Lanius spp.

Rabolargo, o máis seguro é que sexa dado a Aegithalos caudatus

Pigarra, Garrulus glandarius, tamén recollimos para esta especie o nome de Gaiomonte, variante da outra designación en galego de Gaio

Avión, Oriolus oriolus, din que existía o costume de dicir entre os mozos: "Avión, pronde vas ?"

Pintasilva, Carduelis carduelis, recolleuse tamén o nome de Picacardos que poida que sexa un nome contaminado doutras rexións, no entanto escoitouse chamar Picacacardos a dúas persoas diferentes sen parentesco algún

Naviñeiro, Linaria cannabina, "depenicaban as uvas nas viñas, e ían ás boas"

Choia, Pyrrhocorax pyrrhocorax, "andan 'chorando' cando vai nevar, barruntan a neve"

Rousinol, Luscinia megarhynchos

Arruñador, Certhia brachydactyla

Pedreiro, Phoenicurus ochruros

Águila, Accipitridae, nome que de seguro é de recente introdución, non debían ser comúns na zona as aigas, Aquila chrysaetos, aínda que se ven de forma ocasional, hai un topónimo que se chama A Aguieira

Había unha rapina diúrna que era Perdigueira, comía os perdigóns das perdizes, pode que fora a mesma Averrapiña, Circus pygargus (?)

Foleca, identificouse coma Sylvia undata, non se recolleu nome para Hippolais polyglotta que noutras zonas lle chaman así

Millarengo de papada, Serinus serinus

Meixengro, Parus major, Cyanistes caeruleus

Papamoscas, Ficedula hypoleuca, este nome pode estar contaminado, a designación para esta especie recollida na Arzoá e en Castrelo de Cima é Trallón

Picopeixe, Alcedo Atthis, dicían que cazaba insectos e cabras loucas pola tona da auga do río, non mergullaba, non era moi común, no entanto estarían confundidos, este páxaro non é insectívoro senon piscívoro, de facto da merla truiteira dicían que pescaba trúitas e tampouco é verdade, esta si que é insectívora, unha simple confusión entre ambas especies.

O Páxaro, Accipitridae, chamábanlle así ás aves de rapina diúrnas, de tamaño grande, que levaban as pitas, a saber que especies serían

Millarengo ou tamén Millarenga, Linaria cannabina

Cágado, non soubemos identificar a especie, era ruín, case só tiña rabo, toda ela era da mesma cor castaña, andaban polas barreiras


https://verin-natural.blogspot.com/2020/02/nomes-vernaculos-para-as-xoaninas.html

https://verin-natural.blogspot.com/2019/12/nomes-vernaculos-para-as-lermes.html

https://verin-natural.blogspot.com/2019/11/nomes-vernaculos-para-as-pintegas.html

https://verin-natural.blogspot.com/2019/10/nomes-vernaculos-para-as-fedegosas.html

https://verin-natural.blogspot.com/2019/07/sobre-os-nomes-dos-vagalumes.html

https://verin-natural.blogspot.com/2018/03/dermapteros-na-cultura-popular.html

https://verin-natural.blogspot.com/2018/03/e-mais-recollas-de-nomes-vernaculos-de.html

https://verin-natural.blogspot.com/2016/10/conversando-sobre-ladras-landras-lascas.html

https://verin-natural.blogspot.com/2012/08/unha-crenza-popular-sobre-as-ladras.html

https://verin-natural.blogspot.com/2008/06/nomes-vernculos-da-comarca-de-vern.html

https://rexiomontanos.blogspot.com/2020/11/uns-contos-da-zorra.html


Moitas grazas aos informantes, continuaremos coa pescuda en Castrelo de Abaixo de maís nomes vernáculos de Fauna que falten ou que estén errados, tamén contos, lendas, crenzas, historias ou ditos.

Se coñecedes máis ao respecto agradécese que se facilite coa finalidade de que non se perda esta tradición oral con serio risco de desaparecer.

Saúdos

luns, 23 de agosto de 2021

Nomes vernáculos de Aves e demais Fauna recollidos en Castrelo de Cima

No sábado 21 de agosto de 2021, xunto con Bruno Rúa e Santiago Rodríguez, por mor dunha interesante mesa redonda organizada en Castrelo de Cima, concello do Riós, pola Asociación Cultural Os Queimas, sobre "O Vellarrón, máscara singular" (José Rodríguez Cruz) e "Contos no fío da Raia" (Bruno Rúa), aproveitouse para recollérense uns nomes vernáculos de Aves e demais Fauna, que isto tamén forman parte da transmisión oral exposta na conferencia do antropólogo Bruno Rúa, herdanza da relación do Ser Humano co seu medio natural dende unha visión tradicional dunha comunidade rural galega, unha información de importancia a preservar dada ao remate do evento na localidade e grazas aos testemuños dos veciños Ceferino González Fernández e Domingo Taboada.

Isto foi o que nos dixeron:

Aves:

Picanza, Lanius spp.

Avión, Oriolus oriolus

Tornillo, Sturnus unicolor

Pega, Pica pica

Pardal, Passer domesticus

Chasco, Saxicola rubicola

Paspallá, Coturnix coturnix

Cutuluvía, Lullula arborea, seguramente compartiría nome con Galerida cristata e poida que tamén con Alauda arvensis ao non atopárselle nomes específicos para estas especies semellantes

Cigüeña, Ciconia ciconia, en castelán, seguramente que de recente adquisición

Carriza, Troglodytes troglodytes

Tentenarraíz, Emberiza calandra

Escribenta, Emberiza cirlus, Emberiza spp.

Azulenta, Prunella modularis

Merla, Turdus merula

Trallón, Ficedula hypoleuca

Pigarra, Garrulus glandarius

Corvo, Corvus corone, Corvus corax

Choia, Pyrrhocorax pyrrhocorax, dicían que criaba nos buratos dos fragueiros

Grulla, Merops apiaster, castelanizado

Paporrubio, Erithacus rubecula

Lavandeira, Motacilla alba

Tecelán, Falco tinnunculus

Gabilán, Accipitridae

Averrapiña, Circus pygargus

Moucho, Athene noctua

Curuxa, Tyto alba

Noitevoá, Caprimulgus europaea

Merla truiteira, Cinclus cinclus

Rola, Streptopelia turtur

Chincho, Fringilla coelebs

Perdiz, Alectoris rufa

Reiseñor, Luscinia megarhynchos

Pintasilva, Carduelis carduelis, tamén Ghilguero en castelán

Anduriña, Hirundo rustica, hirundínidos

Vencello, Apus apus

Pombo, Columba palumbus

Torda, Turdus spp.

Bubela, Upupa epops

Cuco, Cuculus canorus

Arruñador, Certhia brachydactyla

Verderol, Chloris chloris

Pito verdeal, Picus viridis, había o outro Pito, sen especificar apelido, Dendrocopos major

Pedreiro, Oenanthe oenanthe (?), poida que Phoenicurus ochruros xa que se recolleu este nome para esta especie en Castrelo de Abaixo

Anfibios:

Salamanca, Salamandra salamandra, poida que tamén Triturus marmoratus e Lissotriton boscai

Sapo cunqueiro, Bufo spinosus

Sapiño, había xente que dicía tamén Sapa, poida que para Alytes obstetricans

Rana, Pelophylax perezi, Rana iberica, en castelán

Cágados, larvas de anfibios

Réptiles:

Escóupolo, Anguis fragilis, Chalcides striatus

Lagartixas, Podarcis lusitanica, Psammodromus algirus, en lugares proximos recolleuse a designación xenérica de Lagartiñas

Culebras, colúbridos en xeral, en castelán

Insectos:

Cadela faldruda, tamén Faldracadela, dermápteros, a especie maís común é Forcicula auricularia

Fedegosa, hemípteros, a especie máis común é Nezara viridula

Bolboretas, lepidópteros heteróceros, bolboretas nocturnas

Barbatesa, Mantis religiosa, Empusa pennata

Bicho relumbrón, lampíridos, a especie máis común é Lampyris noctula

Barrosiña, Coccinella septempunctata, coccinélidos, tamén lle daban outro nome pero non se lembraban

Vacaloura, Berberomeloe majalis

Tixeiras, Gerris lacustris, dicían así: "onde vexas unhas Tixeiras nunha fonte podes beber desa auga"

Gaiteiros, odonatos

Arácnidos:

Alacrán, Buthus occitanus

Moluscos:

Lermes, moluscos gasterópodos, a especie máis coñecida sería Arion ater

Anélidos:

Mioca, Lumbricus terrestris

Mamíferos:

Municeghos, Quirópteros

Raposa, Zorra, Vulpes vulpes

Doniña, Mustela nivalis

Teixugo, Meles meles

Furón, Mustela putorius

Lirón, Rattus norvegicus, R. rattus

Ratos, roedores en xeral, a especie máis común nas casas é Mus musculus, dicían que había os do campo e os da casa

Toupa, Talpa occidentalis

É de agradecerse a positiva labor que fai esta asociación cultural para a recuperación e dignidade da tradición popular propia.

Saúdos

sábado, 21 de agosto de 2021

Nomes de aves recollidos por alumnos do IES Xesús Taboada Chivite

A continuar imos poñer unha serie de nomes de aves recollidos por alumnos do IES Xesús Taboada Chivite de Verín en febreiro de 2018, tamén se porán as aves detectadas no patio do instituto nunha saída de observación de aves.



* Nomes recollidos polos alumnos (poño entre paréntesis as aclaracións):

Queirugás: anduriña, pardal, búho (bufo), morcego (muricego é o nome máis extendido na bisbarra, tamén variantes coma murocego, municego, muricegho...), merlo, xilgueiro (traducido do castelán, o nome común en galego sería xílgaro, na bisbarra ten varios nomes do tipo pintasilgo, pintasilvas...), rula (aquí vovalizaríase co -o-, rola, e non rula que é máis propia doutras zonas de Galicia), ruiseñós (rousinol), águia (onde hai presenza da águia real coñécese coma aiga ou aigue, coma na Mezquita, Tameirón, Vialriño de Conso, Viana do Bolo...), papagaio (hai una recolla nos Ancares deste nome para designar á especie Oriolus oriolus, pénsase que este nome fora de acá para América e logo viñera de volta para designar estas aves tropicais con certa semellanza (?) ao noso ouriolo), corvo, carriza, codorniz (paspallás), páxaro carpinteiro (pitos ou petos, pito verdiallo, peto verdeal..., tamén picapao ou furapao), lavandeira (tamén pastora, por andar entre o gando, ou labrandeira, por andar tamén detrás dos arados), pega, paporrubio (outra variante é paporroibo), cuco e bubela (estas dúas especies non teñen diferentes nomes, só se coñecen estas designacións na bisbarra).

Laura: anduriña, golondrina, gorriones, pardales, jilgueros, palomas, mirlos, gabilanes, lechuzas e halcón (case todos están en castelán).

Castrelo, Vilaza, Pazos: pegas, pardales, pombas, gaviláns (nesta bisbarra chámaselle gavilás a varias aves rapaces incluído o propio gavilán, non se di gabián que sería a forma correcta do nome común en galego), andoriñas, corvos, cigoñas (non está moi clara a designación vernáucla destas especies, si se atopan topónimos do tipo A Cegoña), mirlo (merlo, merla), bubela (sen variantes), lavandeira, tornillo (nome dado en varios pobos da bisbarra para Sturnus unicolor), carriza, pega, tordo (desígnase tordo á especie Turdus philomelos, e torda en feminino á especie de maior tamaño Turdus iliacus, usando o feminino coma cualidade de ter maís tamaño), rola, perdiz (sen variantes na bisbarra).

Vilamaior: Gorrión común, estornino negro, verdecillo, xilgueiro, vencexo común, pardillo, coguxada común, trigueiro, pardillo, pinzón vulgar (nomes comúns en castelán ou galeguizados, seguramente sacado dalgunha guía de aves en castelán ou de internet).

Vilardevós: pomba, verdón (poida ser una variante do máis extendido verderolo, Chloris chloris), pardal, cuco, paloma, merlo, perdiz, paporrubio, moucho, cegoña, corvo, falcón, gaivota, pega, carriza, bubela.

Riós: merla (atención ao feminino, usado en moitas localidades da bisbarra), cuco, moucho, curuxa, pardal, perdiz, paporrubio, pomba, garza, lavandeira, cotoluvía (nome dado en varias localidades a esta especie, Lullula arborea, coas variantes cotovía, cutuvía, cutuluvía, ou co adxectivo cotolovía curuchada para designar outra especie semellante de aláudido, Galerida cristata), parrula (de parrulo, patos, Anas plathyrynchos).

Vilela: xilgueiro (galeguizado do castelán), petirroxo (idem), corvo, pega, pomba, perdiz, águia ratoeira (nome dado vulgarmente aos Miñatos comúns ou rateiros, buteo buteo, semella ser una designación recente e vulgar, na bisbarra atopamos topónimos coma Miotos ou As Mioteiras...) anduriña, cuco, mirlo, tarabilla (na zona coñecese coma chasco, chazco ou chasca, polo chasquite que emite), zarzal (zorzal, en castelán, aquí coñeceríase como tordo ou torda) curruca rabilonga (o nome común en galego é papuxa montesa, Sylvia undata, na bisbarra coñécese coma cheda, forneira..., e en castelán sería curruca rabilarga), pardales, naviñeiro (por andar nas viñas, Carduelis cannbina, non confundir co nabiñeiro, Serinus serinus, por andas na nabiñas), pastoriña (nome dado á lavandeira, Motacilla alba, en Vilela, Verín e San Lázaro, acho que tamén na Pousa), cigoña blanca, ánade real, bubela, pico picapinos (castelán, na bisbarra coñeceríase coma picapau, furapou, picapao, ou pitorrei ferreño en Videferre), alondra (na bisbarra só se recolleu o nome de laverca para designar esta especie, Alauda arvensis), avión común (é un tipo de anduriña, na zona recolleuse o nome de rinchón, en San Cibrao, ou pedreiro en Feces de Cima), ruiseñor, pechiazul (nomes en castélán).

Arrola, gorrido (?) Vilarello (debeu de apuntalo mal) (non se sabe a que pode facer referenza, habería que preguntar máis na aladea).
Paporroxo (poida ser unha variante de paporrubio, nunca se recolleu esta, habería que preguntar máis), tornillo (o dito, Sturnus unicolor), merla (fisarse nesta variante en feminino, turdus merula), estornino (é o mesmo que o tornillo só que en castelán), gaio (designación máis común desta especie, Garrulus glandrius, outros nomes serína garrabaio ou pigarro, pigharro) perdiz, verderol (Castrelo do Val), jaios (variante de gaios coa gheada), pejas (coa gheada), merlas, gavilás (o mismo, na bisbarra díse gavilán e non gabián), cenizo (faría referenza aos aguiluchos cenizos en castelán, aquí chámase co nome de ave rapiña e variantes, Circus pygargus), elanio europeo (nome sacado de guía), totovía (nome castelán da cutuvía, cotovía, cotolovía...).

E por último os nomes recollidos polo Artai en Bousés, son os de maior importancia xa que están recollidos da mesma fonte tradicional e de maneira moi correcta ao diferenciar entre -o- e -u- nas vocalizacións, podo identificar plenamente as especies xa que teño referencias das proximidades e outros factores, serían as seguintes identificacións:

Perdiz, Alectoris rufa
Rola, Streptopelia turtur
Corvo, Corvus corone vs. C. corax
Garrabaio, Garrulus glandarius
Moucho, Athene noctua, Asio otus
Pito verdial, Picus viridis
Andoriña, Hirundo rustica, H. rupestris, Delichon urbica, Cecropis daurica
Pega, Pica pica
Lanvandeira, Motacilla alba, Motacilla cinérea (?)
Cotovía, Lullula arborea, e con algún adxectivo Galerida cristata
Pardal, Passer domesticus
Tornillo, Sturnus unicolor
Xilgueiro, Carduelis carduelis, (nome galeguizado do castelán, en Videferre coñécese coma Pintasilvo)
Bubela, Upupa epops
Merlo, Turdus merula
Curuxa, Tyto albo, poida que tamén Strixs aluco (?)
Noite boal, Caprimulgus europaeus, sería máis correcto con -v-, Noitevoal, ao vir de voar pola de noite.
Tordo, Turdus philomelos
Rapo roibo, Phoenicurus ochruros
Carrriza, Troglodytes troglodytes
Foleca, Hippolais polyglotta (con reservas)
Papo Roibo, Erithacus rubecula, Paporroibo
Vaqueira (andaba encima das vacas), Motacilla flava
Cirifolla (andaba nas verzas), Phylloscopus ibericus, P. collybita...
Forneira (paxaro pequeño), Sylvia undata
Arcea (parecida á perdiz), Scolopax rusticola
Papa figos, Oriolus oriolus
Trallón (anda moito cos animais domésticos), Ficedula hypoleuca
Cascarrolo (anda nas leiras de patacas comendo grilos), Lanius senator, L. collurio, L. meridionalis
Rosinol, Lusicinia megarhynchos

(De reseñar que en Bouses teñen gheada polo que os nomes con -g- sería con ela).

* Aves detectadas no patio:

Lavandeira branca, Motacilla alba, un só exemplar visto por telescopio, non me deu tempo a ver se era macho ou femia. A esta especie é á que por Vilela, Verín e San Lázaro se a coñece co nome de Pastora, por andar entre o gando.

Pardal, Passer domesticus, varios exemplaras, uns 7 - 8, machos e femias, algún vistos por telescopio. Outra variante de pardal é pardao, recóllese este nome pola zona de Laza e é a máis abundante na bisbarra da Limia.

Xirín, Serinus serinus, estaba a cantar nunha árbore sen follas, o canto era dun macho, logo deu para velo bastante tempo con telescopio. Na bisbarra recolléronse nomes distintos para esta especie como xunguí, xuví, nabiñeiro (porque anda na nabiñas dos nabos, e non confundir co naviñeiro que anda nas viñas que sería outra especie, Carduelis cannabina).

Estornino negro, Sturnus unicolor, dous exemplares na cima dun tellado, víronse ben co telescopio aínda que de lonxe. Na bisbarra é máis común o nome de tornillo para esta especie.

Merlo común, Turdus merula, un macho a buscar comida entre a herba na parte lateral do patio, víuse ben co telescopio. Nalgunhas localidades coñécese coa variante en feminino, merla, diferenciándose da variante en masculino merlo que designa á especie Sturnus unicolor.

Pega, Pica pica, había dúas entre a herba a carón do Merlo, víronse ben co telescopio. Este nome si que non ten variacións nas distintas localidades da bisbarra.


Grazas á súa mestra Ana Belén Mellado Franco polo interese mostrado.

martes, 17 de agosto de 2021

Árbores para a eternidade

Con respecto ao interese mostrado por este alcaide de Verín, Gerardo Seoane, en rehumanizar a vila e facer unha plantación de árbores en xardíns públicos e varios entornos baldíos como os arredores de Fontenova ou A Preguiza, dirixíuselle un relatorio de especies de interese botánico en xeral.

 

Negrillo enfronte ao Castelo de Monterrei, hoxe desaparecido.

 

Isto foi o que se lle enviou:

 

...

 

Crear un arboreto urbano de calidade prolongaríase moito no tempo, sería un proxecto para anos, e moitos dos exemplares serían difíciles de conseguir, no entanto aquí está unha lista de árbores e arbustos de interese natural, tanto autóctonas coma exóticas, tamén as cultivadas como froiteiras coas súas variedades locais, tamén sería de interese complementar todo con plantas aromáticas, daríanlle calidade ao arboreto, no entanto podería resumirse e adaptarse ao que se precisar, comezando polas máis accesibles e seguindo para aumentar a listaxe todo o que se queira:

  

Antes de nada unha árbore a recuperar con reseña popular, imprescindible: "O Chorón da Preguiza", en principio da especie Salix babilonica, sacado da cantiga popular:

"Tres cousas hai en Verín

que non hai en Galicia:

Monterrei,

os balnearios

e o Chorón da Perguiza."

O Eduardo Castro coñece a súa ubicación certa, o orixinal, de enorme porte, seica o partíu un raio, logo no lugar medrou outro máis pequeno, e a este último talárono. Desta árbore é aconsellable falar co Bruno Rúa, gran coñecedor da historia verinesa.

  

Autóctonas:

Aciñeira, Carrasca brava ou Xardón, Quercus ilex, crecemento lento, as que temos en estado natural son das máis occidentais da península Ibérica, moi localizadas e escasas en Galicia, de reseñar as do entorno de Monterrei, un luxo para a comarca dignas de seren visitadas.

Sobreira, Sebureira, Alcornoque, Quercus suber, máis atlántica que as aciñeiras, aparecen bosquetes extensos polo Miño e na costa, de sobra coñecido o uso da cortiza para rollas das botellas de viño.

Pradairo de Montpelier, Arce de Montpelier, Acer monspessulanum, moi escasa na bisbarra e restrinxida ás partes máis mediterráneas de Galicia, río Mente, seguramente que difícil de atopar plantóns, se callar só reproducible a partir de semente.

Cornalleira, Escornacabras, Pistacia terebinthus, arbustiño, restrinxida ás zonas máis mediterráneas de Galicia, río Mente, moi vistosa en rocallas, cores de outono amarelos con froitos encarnados, aroma a trementina.

Pradairo, Arce blanco, Acer pseudoplatanus, esta especie é a que tende a colonizar as zonas de Verín que son abandonadas preto do río ao ter moita semente e boa capacidade de dispersión, relativamente abondosa no Pracer de Pazos.

Ólomo, choupo tremedor, Álamo temblón, Populus tremula, poida que a única especie de choupo nativa da nosa rexión, o Choupo negro, Populus nigra, non está segura a súa distribución orixinal xa que foi cultivado desde a antigüidade, esta especie que nos ocupa o tremula está moi dispersa pola comarca en lugares frescos, é unha árbore relicto das últimas glaciacións, moi abondosa na Europa pero que na península Ibérica só aparece en vales frescos de ríos, en pouca cantidade, se forma bosquetes chámanselle 'tembledas' en castelán, unha delicia para os sentidos, as follas méxense co vento e crean sons, no outono as follas adquiren moitas tonalidades e cores ao mesmo tempo, un espectáculo, a súa cortiza é dunha cor clara moi contrastada e chamativa o que lle da fermosura e elegancia, as ramas teñen un aire dramático en inverno. Pódese plantar xunto as outras especies de choupos, o choupo negro, Populus nigra, está moi espallado en plantacións pero é unha especie híbrida, sería de interese plantar exemplares coa xenética máis pura de follas pequenas, tamén hai variedades moi elegantes e esbeltas, véxanse as fileiras de choupeiras en ríos de Marrocos, ou o choupo de Italia subespecie italica, moi esbelto. Tamén temos naturalizados na rexión o Choupo branco, Populus alba, cultivados dende antigo, atopei algún exemplar vello na cunca do Mente, tamén nas Portas, máis recentes, da época da construción da presa. Despois hai especies alóctonas de xardinería coma o Choupo bálsamo, Populus trichocarpa, orixinario da América do Norte e usado durante milleiros de anos polas tribos indíxenas.

Negrillos, Ulmeiros, Olmos, Ulmus minor, Ulmus glabra, o noso sería o minor, está case extinto a nível arbóreo, quedando só en forma arbustiva, coñezo un só exemplar de certo porte en Sao Vicente da Raia, estamos ao tanto para tentar de reproducir a xenética deste exemplar resistente á doenza. Tamén hai variedade de ulmeiros de xardinería coma Ulmus pumila orixinario da Siberia; Ulmus parviflora, da China; Ulmus laevis, da Europa; Ulmus americana e Ulmus rubra, de Norteamérica... A outra falta, estes poderían substituír aos nosos negrillos.

Érvedo, Morogueira, Medronheiro, Madroño, Arbutus unedo, común en zonas propicias da bisbarra.

Buxo, Buxus sempervirens, de crecemento lento, madeira moi dura coa que se facían tradicionalmente os punteiros e roncos das gaitas.

Cornalleira, Cornejo, Cornus sanguinea, presente na zona do río Mente.

Xardón, Acivro, Acevinho, Acebo, Ilex aquifolium, en inglés Holly-tree: árbore sagrada, só coñecía un pé illado nunha encosta do val, hoxe afectada por un incendio forestal que o eliminou, aínda presente nas zonas de montaña a norte do val.

Loureiro, Laurus nobilis, espontáneo naturalizado no bosque do Pracer en Pazos.

Aderno, Pé de cabra, Olivilla, Phyllirea angustifolia, arbustiño de zonas mediterráneas da rexión.

Caneleiro, Bola de neve, Viburnum opulus, abondoso no Mente,  tamén aparece na mesma raia o Durillo, V. tinus, tamén V. lantana, non atopadas aínda en territorio galego do Mente.

Carballo enán, Quercus lusitanica, en perigo de extinción en Galicia, o Pastor Santamarina identificou uns pés desta especie no monte Ladairo.

As outras especies de Carballos, o albariño e o cerquiño, Quercus robur e Q. pyrenaica.

Salgueiros, varias especies: Salix alba, S. eleagnos (non o temos aquí pero de follas moi vistosas alongadas), S. atocinera, S. babilonica (os salgueiros choróns), S. caprea, S. fagrilis (Vimbieira, antes moi utilizada), S. triandra, S. viminalis (Vimbieira).

Sabugueiro, Sambucus nigra, na zona tamén aparece Sambucus ebulus.

Bidueiro, Bedulo, Bidro, Betula pubescens ssp. celtiberica, no val ocorre en zonas frescas onde é escasa, máis común en altitude, fermosa cortiza de cor clara con follas amarelas no outono.

Escancereixo, Serbal de cazadores, Sorbus aucuparia, na zona tamén aparece Sorbus torminalis, ríos Mente e Búbal, existen outras especies do xénero: Sorbus aria e S. domestica.

Teixo, Taxus baccata, imprescindible, unha especie poida que extinta na bisbarra e se houbese sería moi restrita e localizada, só se teñen referencias antigas dalgún lugar de ocorrencia nas Vendas da Capela ou no Invernadoiro, tamén un testemuño dun teixadal no entorno de Verín sen precisarse a localidade, en zonas de montaña a norte, especie que chega a vivir máis de mil anos.

Xasmineiro bravo, Jazmín silvestre, Jasminum fruticans, aparece no Mente, escaso en Galicia.

Amelanquer, Guillomo, Amelanchier ovalis.


Especies de interese botánico que ocorren preto nosa:

Zimbro, Juniperus oxycedrus, non atopado na comarca pero aparece moi preto por Portugal, a non máis de 10 - 15 km, polo que sería de interese a súa inclusión, en solos ácidos propios da rexión. Tamén aparece o outro Zimbro, Xenebreiro, Enebro, Juniperus communis, con propiedades medicinais, cos seus froitos elabórase a xenebra. Para completar unha subespecie deste último, o Xenebreiro anano, Juniperus communis subsp. alpina ou nana, este aparece de forma natural nos cumios altos de Trevinca. Hai máis especies de Juniperus da Península Ibérica.

Murta, Myrtus communis, arbustiño que ocorre de forma espontánea moi preto nosa, tamén por Valpaços, aquí só coñezo un exemplar na Santa Ana de Oímbra, en Portugal é unha planta moi apreciada polas súas propiedades medicinais, ten moita mitoloxía da antigüidade por todo o Mediterráneo, aparecen xardíns con Murta nalgún pazo de Galicia, tamén en xardíns de Lisboa...

Loureiro portugués, Prunus lusitanica, unha especie relicto dos bosques de laurisilva subtropical, require moita humidade ambiental, moi escasa na península, aparece espontánea na serra do Xurés.

Lodoeiro, Almez, Celtis australis, aparece espontáneo no Xurés e naturalizado nas ribeiras do Miño en Ourense, no entanto estou ao tanto de acabar atopando algún pé illado na nosa zona.

Caxigo, Quejigo, Quercus faginea, só hai un exemplar verificado no río Mente en Portugal a escasos metros da fronteira con Atrabe, Vilardevós.


Especies de interese frutícola:

Caqui, Dióspiro, Diospyros kaki, moi cultivado no val e apreciado en Portugal, atopei un pé naturalizado preto do bosque do Pracer na marxe de Queizás, no outono as follas adquiren unha cor vermella moi fermosa.

Amendoeira, Prunus dulcis, en tempos debeu estar extendido o seu cultivo na comarca ao atoparse algún pé de idade nalgunhas zonas, Ábedes, Pazos... A súa floración é todo un espectáculo.

Oliveira, Olea europaea, como non, un dos antergos cultivos da bisbarra hoxe case testemuñal.

Nespereiras, Nísperos, Mespilus germanica, orixinario do leste de Europa foi substituído o seu cultivo por Eriobotrya japonica, orixinario da China. Froito tamén moi apreciado en Portugal.

Romá, Granado, Punica granatum, cultivo que debeu de existir en tempos na comarca xa que se teñen referencias desta árbore, un testemuño na Rasela por exemplo, semellaban estar plantados entre as vides.

Marmeleiro, Cydonia oblonga.

Moreiras negra e branca, Morus nigra, M. alba, hai unha de moita idade no Castelo de Monterrei, Moreira negra, seguramente que para aproveitárenselle as amoras, xa que a Moreira branca usábase para o cultivo dos vermes da seda e máis frecuente para xardinería con variedades que non producen froito e así non manchan o chan.

Piñeiro manso, Pino piñonero, Pinus pinea, hai varios exemplares en Monterrei e no entorno do balneario de Cabreiroá.

Ameixeira brava, Ciruelo silvestre, Prunus insititia, presente no camiño da Fonte do Sapo.

Ameixeira do Xapón, Prunus cerasifera, intensa floración, follas de cor púrpura escuro, froitos comestibles.

Nogueira, Junglans regia, tamén sería de interese a Nogueira negra americana, Junglans nigra.

Abeleira, Corylus avellana.

Brixel, Groselheira espina, Grosella espinosa, Ribes uva-crispa.

Variedades de mazairas, pereiras, cerdeiras, figueiras, castiñeiros... Para isto das variedades aconséllase falar con algún experto no tema xa que temos moita riqueza neste eido, e con grave risco de desaparición, se callar comentarllo ao Rafa Castro.


Árbores de interese da Península Ibérica e europeas:

Alfarrobeira, Algarrobo, Ceratonia siliqua, da cunca do Mediterráneo, tamén para consumo do seu froito.

Pinsapo, Abies pinsapo, endemismo ibérico, no extremo sur, é unha reliquia dos bosques de coníferas do terciario.

Palmito, Chanmerops humilis, a única palmeira endémica da Península Ibérica.

Freixo de olor, Fraxinus ornus, moi utilizado como ornamental.

Adelfa, Nerium oleander, moi velenosa.

Palmeira canaria, Phoenix canariensis, non é ibérica pero si das Illas Canarias, igual que o Piñéiro canario, Pinus canariensis, resistente ao lume, rebrota do tocón.

Plátano de sombra, Platanus x hispanica, unha especie híbrida moi cultivada en xardinería, naturalizada en moitas rexións da Península Ibérica, atopada tamén no bosque de Pracer de Pazos.

Tamargueiras, Tarays, Tamarix gallica. T. africana, T. spp.

Tileiro, Tilo, Tilia platyphyllos e T. cordata, o de folla ancha e o de folla estreita, e o seu híbrido T. x euroapea, semella o máis usado en xardinería.

Poida que tamén sexan de interese outras europeas coma a Faia, Fagus sylvatica, ou o Carpe, Carpinus betulus.


Árbores exóticas de interese natural:

Liquidámbar, Liquidambar styraciflua, moi ben representado xa na vila.

Castiñeiro de indias, Aesculus hippocastanum, foi pena a tala destas árbores na estrada de Ábedes.

Carballo de Australia, Grevillea robusta.

Acacia karoo, orixinaria de Sudáfrica.

Falsa acacia, Robinia pseudoacacia, durante boa parte do século XX as avenidas de Verín estaban marxeadas desta árbore, naturalizouse actuando coma especie invasora.

Baobab, Adansonia digitata, difícil que se dé na nosa rexión, sería todo un 'puntazo' conseguir un Baobab para Galicia.

Casuarina equisetifolia, Casuarina cunninghamiana, orixinaria de Australia, o seu interese radica en que as súas follas son similares aos insertos das follas dos equisetos, cabaliñas, Equisetum spp., pteridofitas prehistóricas.

Cedros, Cedrus atlantica, C. libani, C. deodara, do Atlas, do Líbano e do Himalaya, moi usados en xardíns, balneario de Cabreiroá, casa do concello.

Árbore de Xudas, Cercis siliquastrum, de floración moi vistosa, unha avenida con esta árbore florida é un espectáculo, a mitoloxía cristiá conta que nesta especie de árbore foi na que se aforcou Xudas Iscariote.

Cipreste, Cupressus sempervirens, orixinario do leste do Mediterráneo, moi espallado polo mundo greco-romano, unha avenida de Ciprestes é todo un espectáculo que nos retrotae á antigüidade, tamén hai outras especies de Ciprestes, Cupressus spp, e Tuias, Thuja spp, usados en xardinería.

Árbore do Paraíso, Eleagnus angustifolia, de intenso arrecendo, hai un exmplar moi vello ao pé dunha vivenda en Albarellos.

Kiri, Paulownia tomentosa, de crecemento rápido.

Azufaifo, Jujuba, Jinjoleiro, Ziziphus jujuba

Forsythia spp., arbustos con abondosa e fermosa floración amarela.

Catalpa, Catalpa bignonioides, hai exemplares naturalizados no bosque do Pracer.

Lárice, Laricio, Alerce, Larix decidua, conífera de folla caduca de cores amarelas moi vistosas no outono, orixinario de Europa.

Amargoseira, Cinamomo, Melia azedarach, moi usado en xardinería pola súa abondosa e aromática floración.

Palmeira datileira, Phoenix dactyifera, e outras Palmeiras coma Trachyxarpus fortunei, Washingtonia robusta, e máis.

Picea, Picea abies, de interese para un grupo adicado ás coníferas.

Piñeiros, Pinus spp., hai varias especies deles, ibéricas e alóctonas, que se poderían ver nun conxunto adicado ás coníferas, hai un que é o Piñeiro de Monterrei ou de California, Pinus radiata, fai referenza a esa zona de América onde aparece e que a procecencia do seu nome deriva da nosa comarca mesma.

Abeto de Douglas, Pseudotsuga menziesii, con moitas plantacións forestais desta especie nos nosos montes, arrecendo cítrico.

Abeto branco, Abies alba, de interese en grupos.

Secuoia, Sequoia sempervirens.

Secuoia xigante, Sequoiadendrom giganteum.

Metasequoia glyptostroboides, conífera xigante de follas caducas.

Cipreste dos pantanos, Taxodium distichum, orixinaria dos Estados Unidos, pantanos de Luisiana, de zonas húmidas, en estanques desenrola uns contrafortes para sosterse no chan, conífera de follas caducas.

Xacarandá, Palisandro, Jacaranda mimosifolia, sudamérica, madeira moi apreciada, é espectacular unha avenida de Lisboa toda chea de Jacarandás, sobre todo en floración.

Palisandro, Dalbergia cearensis, do Brasil, madeira moi apreciada, desta ou da anterior especie de Palisandro puido ser da que fixo o punteiro o Gaiteiro de Moialde ao emigrar este ao Brasil e traer consigo a madeira para que lla tornearan na Mezquita, testemuño do seu fillo.

Araucarias, Araucaria araucana (Chile), A. angustifolia (Brasil), A. heterophylla (Illa de Norfolk, Australia)..., moi apreciadas polos indianos para plantar nos seus xardíns, na costa son moi comúns, son árbores prehistóricas.

Eucalipto arco-íris, Eucalyptus deglupta, dentro dos eucaliptos tamén hai especies de interese, esta en concreto radica en que o seu tronco está moi coloreado, fermoso, tamén hai algunha especie de Eucalipto que están entre as árbores máis altas do mundo, Eucaliptus regnans, competindo coas Secuoias en altura.

Magnolias, Magnolia grandiflora, tamén é unha árbore interesante dunha familia moi antiga, as primeiras plantas que tiveron flor.

Tulípero de Virxinia, Liriodendron tulipifera, leste de Norteamérica, outonada moi vistosa, hai un exemplar centenario en Vilardevós, nunha 'casa farta', traído seguramente por un indiano, que debería de estar catalogada coma árbore senlleira.

Ginkgo biloba, imprescindible, árbore prehistórica (máis de 250 millóns de anos), aparecen parentes en restos fósiles, especie moi lonxeva (hai exemplares con máis de 2.500 anos), gosta da humidade do sólo, orixinaria da China, plantada con frecuencia en templos chinosú e xaponeses, con usos medicinais, un exemplar desta especie resistíu á explosión da bomba atómica de Hiroshima rebrotando das cinzas polo que lle chamaron "portador de esperanza", as súas follas en outono adquiren unha cor amarela espectacular, os pés femias producen unha sementa branda de mal cheiro aínda que comestible, de interese que houber pés femias e machos para lograr reproduicr a especie.

E moitas máis...

 "En Galicia moitas destas especies só atopan presencia en parques e avenidas de cidades, entornos académicos (campus das universidades, arboreto de Lourizán...), pazos, algunha casa indiana, algún xardín particular, tamén nalgunha vila, nagún entorno singular coma no balneario de Cabreiroá por exemplo, e pouco máis, se callar algunha plantación rara e localizada coma un bosque de Secuoias en Poio. As especies de interese en silvicultura si que aparecen espalladas polo territorio e ocupando espazo ás especies autóctonas, pero as máis singulares ubícanse en pequenos bosquetes como algún de Lárices na Serra da Urdiñeira ou no Macizo Central Ourensán. No balneario de Requeixo tamén hai a Árbore do ceo, Ailanthus altissima, pero non se aconsella ao ser unha especie moi invasora."


Arbustos e plantas aromáticas:

Herbaluísa, Limonete, Lúcia-lima, Aloysia citriodora.

Romeu, Rosmarinus officinalis.

Arzá, Lavandula stoechas.

Lavanda, Alfacema, Lavandula angustifolia.

Xarxa, Salvia, Salvia officinalis.

Mentas, Mentha spp., varias especies, Menta piperita, Hortelá, 'Hierbabuena', Beldrastro, Poexo, Menta acuática...

Tomiño, Tomentelo, Tomillo, Thymus vulgaris, Thymus spp.

Nébeda, Calamintha nepeta.

Eirogo, Ourego, Origanum vulgare.

Cidreira, Melisa, Melissa officinalis.

Mazela do monte, Helichrysum stoechas.

Boldo, Peumus boldus.

Etc., un eido moi amplo o das aromáticas, dá para espallarse o que se queira.

 

Rubideiras:

Videira, Vitis vinifera, como non, o máis extendido cultivo da bisbarra, con lendas asociadas, en parra son moi vistosas.

Glicinia, Wisteria sinensis.

Clemátide, Clematis spp., aquí temos autóctona unha especie do xénero, a Clematis viltalba, e unha referencia de C. campaniflora en Passos de Lomba, a escasos metros da fronteira pola zona do río Mente, primeira cita da especie para Portugal e non citada aínda en Galicia.

Buganvilia, Buganvilla, Bougainvillea spp.

Pasiflora, Maracuja, Flor da Paixão, Pasionaria, Passiflora caerulea, Passiflora spp.

Madresilva, Madreselva, Lonicera periclymenum, a L. japonica está considerada especie invasora.

E outras...


Esta é unha escolma das especies de árbores e arbustos que se me ocorren, de facto podería ampliarse o elenco preguntándolle por exemplo ao Pastor Santamarina, o maior coñecedor da flora rexiomontana. Tamén gosta moito e coñece inmenso das árbores o Demetrio Borrajo de Vilaza, sería de interese preguntarlle e opinión. E o Xabier García, que é de Vigo, residente en Verín, gran coñecedor e amante das árbores. E, como non, solicitar asesoramento ao Marcos Freán, delegado de Ourense da Sociedade Galega de Historia Natural, e ao Serafín González, o seu presidente. E, como dixen anteriormente, para as variedades de froiteiras solicitar información ao Rafa Castro. Pódese tamén pedir opinión ao Marco Fachada de Chaves con respecto ás especies transmontanas.


Seguirei pescudando no tocante, que me parece de moito interese, xa que se pode facer algo singular de enorme calidade, unha beleza!


...


Aliás tamén son de enorme valor ecolóxico os espazos abertos coma pradarías, debendo ser lugares a preservar as veigas comunais dos pobos e outros lugares con inundacións temporais como as brañas.


Parabéns ao responsable pola iniciativa.