Con respecto ao interese mostrado
por este alcaide de Verín, Gerardo Seoane, en rehumanizar a vila e facer unha
plantación de árbores en xardíns públicos e varios entornos baldíos como os
arredores de Fontenova ou A Preguiza, dirixíuselle un relatorio de especies de
interese botánico en xeral.
Negrillo enfronte ao Castelo de Monterrei, hoxe desaparecido.
Isto foi o que se lle enviou:
...
Crear un arboreto urbano de
calidade prolongaríase moito no tempo, sería un proxecto para anos, e moitos
dos exemplares serían difíciles de conseguir, no entanto aquí está unha lista
de árbores e arbustos de interese natural, tanto autóctonas coma exóticas,
tamén as cultivadas como froiteiras coas súas variedades locais, tamén sería de
interese complementar todo con plantas aromáticas, daríanlle calidade ao
arboreto, no entanto podería resumirse e adaptarse ao que se precisar,
comezando polas máis accesibles e seguindo para aumentar a listaxe todo o que
se queira:
Antes de nada unha árbore a
recuperar con reseña popular, imprescindible: "O Chorón da Preguiza",
en principio da especie Salix babilonica, sacado da cantiga popular:
"Tres cousas hai en Verín
que non hai en Galicia:
Monterrei,
os balnearios
e o Chorón da Perguiza."
O Eduardo Castro coñece a súa
ubicación certa, o orixinal, de enorme porte, seica o partíu un raio, logo no
lugar medrou outro máis pequeno, e a este último talárono. Desta árbore é
aconsellable falar co Bruno Rúa, gran coñecedor da historia verinesa.
Autóctonas:
Aciñeira, Carrasca brava ou Xardón,
Quercus ilex, crecemento lento, as que temos en estado natural son das máis
occidentais da península Ibérica, moi localizadas e escasas en Galicia, de
reseñar as do entorno de Monterrei, un luxo para a comarca dignas de seren
visitadas.
Sobreira, Sebureira, Alcornoque,
Quercus suber, máis atlántica que as aciñeiras, aparecen bosquetes extensos
polo Miño e na costa, de sobra coñecido o uso da cortiza para rollas das
botellas de viño.
Pradairo de Montpelier, Arce de
Montpelier, Acer monspessulanum, moi escasa na bisbarra e restrinxida ás partes
máis mediterráneas de Galicia, río Mente, seguramente que difícil de atopar
plantóns, se callar só reproducible a partir de semente.
Cornalleira, Escornacabras,
Pistacia terebinthus, arbustiño, restrinxida ás zonas máis mediterráneas de
Galicia, río Mente, moi vistosa en rocallas, cores de outono amarelos con
froitos encarnados, aroma a trementina.
Pradairo, Arce blanco, Acer
pseudoplatanus, esta especie é a que tende a colonizar as zonas de Verín que
son abandonadas preto do río ao ter moita semente e boa capacidade de
dispersión, relativamente abondosa no Pracer de Pazos.
Ólomo, choupo tremedor, Álamo
temblón, Populus tremula, poida que a única especie de choupo nativa da nosa
rexión, o Choupo negro, Populus nigra, non está segura a súa distribución
orixinal xa que foi cultivado desde a antigüidade, esta especie que nos ocupa o
tremula está moi dispersa pola comarca en lugares frescos, é unha árbore
relicto das últimas glaciacións, moi abondosa na Europa pero que na península
Ibérica só aparece en vales frescos de ríos, en pouca cantidade, se forma
bosquetes chámanselle 'tembledas' en castelán, unha delicia para os sentidos,
as follas méxense co vento e crean sons, no outono as follas adquiren moitas
tonalidades e cores ao mesmo tempo, un espectáculo, a súa cortiza é dunha cor
clara moi contrastada e chamativa o que lle da fermosura e elegancia, as ramas
teñen un aire dramático en inverno. Pódese plantar xunto as outras especies de
choupos, o choupo negro, Populus nigra, está moi espallado en plantacións pero
é unha especie híbrida, sería de interese plantar exemplares coa xenética máis
pura de follas pequenas, tamén hai variedades moi elegantes e esbeltas, véxanse
as fileiras de choupeiras en ríos de Marrocos, ou o choupo de Italia subespecie
italica, moi esbelto. Tamén temos naturalizados na rexión o Choupo branco,
Populus alba, cultivados dende antigo, atopei algún exemplar vello na cunca do
Mente, tamén nas Portas, máis recentes, da época da construción da presa.
Despois hai especies alóctonas de xardinería coma o Choupo bálsamo, Populus
trichocarpa, orixinario da América do Norte e usado durante milleiros de anos
polas tribos indíxenas.
Negrillos, Ulmeiros, Olmos, Ulmus
minor, Ulmus glabra, o noso sería o minor, está case extinto a nível arbóreo,
quedando só en forma arbustiva, coñezo un só exemplar de certo porte en Sao
Vicente da Raia, estamos ao tanto para tentar de reproducir a xenética deste
exemplar resistente á doenza. Tamén hai variedade de ulmeiros de xardinería
coma Ulmus pumila orixinario da Siberia; Ulmus parviflora, da China; Ulmus
laevis, da Europa; Ulmus americana e Ulmus rubra, de Norteamérica... A outra
falta, estes poderían substituír aos nosos negrillos.
Érvedo, Morogueira, Medronheiro, Madroño,
Arbutus unedo, común en zonas propicias da bisbarra.
Buxo, Buxus sempervirens, de
crecemento lento, madeira moi dura coa que se facían tradicionalmente os
punteiros e roncos das gaitas.
Cornalleira, Cornejo, Cornus
sanguinea, presente na zona do río Mente.
Xardón, Acivro, Acevinho, Acebo, Ilex
aquifolium, en inglés Holly-tree: árbore sagrada, só coñecía un pé illado nunha
encosta do val, hoxe afectada por un incendio forestal que o eliminou, aínda
presente nas zonas de montaña a norte do val.
Loureiro, Laurus nobilis,
espontáneo naturalizado no bosque do Pracer en Pazos.
Aderno, Pé de cabra, Olivilla,
Phyllirea angustifolia, arbustiño de zonas mediterráneas da rexión.
Caneleiro, Bola de neve, Viburnum
opulus, abondoso no Mente, tamén aparece
na mesma raia o Durillo, V. tinus, tamén V. lantana, non atopadas aínda en
territorio galego do Mente.
Carballo enán, Quercus
lusitanica, en perigo de extinción en Galicia, o Pastor Santamarina identificou
uns pés desta especie no monte Ladairo.
As outras especies de Carballos,
o albariño e o cerquiño, Quercus robur e Q. pyrenaica.
Salgueiros, varias especies:
Salix alba, S. eleagnos (non o temos aquí pero de follas moi vistosas
alongadas), S. atocinera, S. babilonica (os salgueiros choróns), S. caprea, S.
fagrilis (Vimbieira, antes moi utilizada), S. triandra, S. viminalis
(Vimbieira).
Sabugueiro, Sambucus nigra, na
zona tamén aparece Sambucus ebulus.
Bidueiro, Bedulo, Bidro, Betula pubescens ssp.
celtiberica, no val ocorre en zonas frescas onde é escasa, máis común en
altitude, fermosa cortiza de cor clara con follas amarelas no outono.
Escancereixo, Serbal de
cazadores, Sorbus aucuparia, na zona tamén aparece Sorbus torminalis, ríos
Mente e Búbal, existen outras especies do xénero: Sorbus aria e S. domestica.
Teixo, Taxus baccata,
imprescindible, unha especie poida que extinta na bisbarra e se houbese sería moi restrita e localizada, só se teñen
referencias antigas dalgún lugar de ocorrencia nas Vendas da Capela ou no
Invernadoiro, tamén un testemuño dun teixadal no entorno de Verín sen
precisarse a localidade, en zonas de montaña a norte, especie que chega a vivir
máis de mil anos.
Xasmineiro bravo, Jazmín
silvestre, Jasminum fruticans, aparece no Mente, escaso en Galicia.
Amelanquer, Guillomo, Amelanchier ovalis.
Especies de interese botánico que
ocorren preto nosa:
Zimbro, Juniperus oxycedrus, non
atopado na comarca pero aparece moi preto por Portugal, a non máis de 10 - 15
km, polo que sería de interese a súa inclusión, en solos ácidos propios da
rexión. Tamén aparece o outro Zimbro, Xenebreiro, Enebro, Juniperus communis,
con propiedades medicinais, cos seus froitos elabórase a xenebra. Para
completar unha subespecie deste último, o Xenebreiro anano, Juniperus communis
subsp. alpina ou nana, este aparece de forma natural nos cumios altos de
Trevinca. Hai máis especies de Juniperus da Península Ibérica.
Murta, Myrtus communis, arbustiño
que ocorre de forma espontánea moi preto nosa, tamén por Valpaços, aquí só
coñezo un exemplar na Santa Ana de Oímbra, en Portugal é unha planta moi
apreciada polas súas propiedades medicinais, ten moita mitoloxía da antigüidade
por todo o Mediterráneo, aparecen xardíns con Murta nalgún pazo de Galicia,
tamén en xardíns de Lisboa...
Loureiro portugués, Prunus
lusitanica, unha especie relicto dos bosques de laurisilva subtropical, require
moita humidade ambiental, moi escasa na península, aparece espontánea na serra
do Xurés.
Lodoeiro, Almez, Celtis
australis, aparece espontáneo no Xurés e naturalizado nas ribeiras do Miño en
Ourense, no entanto estou ao tanto de acabar atopando algún pé illado na nosa
zona.
Caxigo, Quejigo, Quercus faginea,
só hai un exemplar verificado no río Mente en Portugal a escasos metros da
fronteira con Atrabe, Vilardevós.
Especies de interese frutícola:
Caqui, Dióspiro, Diospyros kaki,
moi cultivado no val e apreciado en Portugal, atopei un pé naturalizado preto
do bosque do Pracer na marxe de Queizás, no outono as follas adquiren unha cor
vermella moi fermosa.
Amendoeira, Prunus dulcis, en
tempos debeu estar extendido o seu cultivo na comarca ao atoparse algún pé de
idade nalgunhas zonas, Ábedes, Pazos... A súa floración é todo un espectáculo.
Oliveira, Olea europaea, como
non, un dos antergos cultivos da bisbarra hoxe case testemuñal.
Nespereiras, Nísperos, Mespilus
germanica, orixinario do leste de Europa foi substituído o seu cultivo por
Eriobotrya japonica, orixinario da China. Froito tamén moi apreciado en
Portugal.
Romá, Granado, Punica granatum,
cultivo que debeu de existir en tempos na comarca xa que se teñen referencias
desta árbore, un testemuño na Rasela por exemplo, semellaban estar plantados
entre as vides.
Marmeleiro, Cydonia oblonga.
Moreiras negra e branca, Morus
nigra, M. alba, hai unha de moita idade no Castelo de Monterrei, Moreira negra,
seguramente que para aproveitárenselle as amoras, xa que a Moreira branca
usábase para o cultivo dos vermes da seda e máis frecuente para xardinería con
variedades que non producen froito e así non manchan o chan.
Piñeiro manso, Pino piñonero,
Pinus pinea, hai varios exemplares en Monterrei e no entorno do balneario de
Cabreiroá.
Ameixeira brava, Ciruelo
silvestre, Prunus insititia, presente no camiño da Fonte do Sapo.
Ameixeira do Xapón, Prunus
cerasifera, intensa floración, follas de cor púrpura escuro, froitos
comestibles.
Nogueira, Junglans regia, tamén
sería de interese a Nogueira negra americana, Junglans nigra.
Abeleira, Corylus avellana.
Brixel, Groselheira espina,
Grosella espinosa, Ribes uva-crispa.
Variedades de mazairas, pereiras,
cerdeiras, figueiras, castiñeiros... Para isto das variedades aconséllase falar
con algún experto no tema xa que temos moita riqueza neste eido, e con grave
risco de desaparición, se callar comentarllo ao Rafa Castro.
Árbores de interese da Península
Ibérica e europeas:
Alfarrobeira, Algarrobo,
Ceratonia siliqua, da cunca do Mediterráneo, tamén para consumo do seu froito.
Pinsapo, Abies pinsapo, endemismo
ibérico, no extremo sur, é unha reliquia dos bosques de coníferas do terciario.
Palmito, Chanmerops humilis, a
única palmeira endémica da Península Ibérica.
Freixo de olor, Fraxinus ornus,
moi utilizado como ornamental.
Adelfa, Nerium oleander, moi
velenosa.
Palmeira canaria, Phoenix
canariensis, non é ibérica pero si das Illas Canarias, igual que o Piñéiro
canario, Pinus canariensis, resistente ao lume, rebrota do tocón.
Plátano de sombra, Platanus x
hispanica, unha especie híbrida moi cultivada en xardinería, naturalizada en
moitas rexións da Península Ibérica, atopada tamén no bosque de Pracer de
Pazos.
Tamargueiras, Tarays, Tamarix gallica. T. africana, T. spp.
Tileiro, Tilo, Tilia platyphyllos e T. cordata, o de folla ancha e o de folla estreita, e o seu híbrido T. x euroapea, semella o máis usado en xardinería.
Poida que tamén sexan de interese
outras europeas coma a Faia, Fagus sylvatica, ou o Carpe, Carpinus betulus.
Árbores exóticas de interese
natural:
Liquidámbar, Liquidambar
styraciflua, moi ben representado xa na vila.
Castiñeiro de indias, Aesculus
hippocastanum, foi pena a tala destas árbores na estrada de Ábedes.
Carballo de Australia, Grevillea
robusta.
Acacia karoo, orixinaria de
Sudáfrica.
Falsa acacia, Robinia
pseudoacacia, durante boa parte do século XX as avenidas de Verín estaban
marxeadas desta árbore, naturalizouse actuando coma especie invasora.
Baobab, Adansonia digitata,
difícil que se dé na nosa rexión, sería todo un 'puntazo' conseguir un Baobab
para Galicia.
Casuarina equisetifolia,
Casuarina cunninghamiana, orixinaria de Australia, o seu interese radica en que
as súas follas son similares aos insertos das follas dos equisetos, cabaliñas,
Equisetum spp., pteridofitas prehistóricas.
Cedros, Cedrus atlantica, C.
libani, C. deodara, do Atlas, do Líbano e do Himalaya, moi usados en xardíns,
balneario de Cabreiroá, casa do concello.
Árbore de Xudas, Cercis
siliquastrum, de floración moi vistosa, unha avenida con esta árbore florida é
un espectáculo, a mitoloxía cristiá conta que nesta especie de árbore foi na
que se aforcou Xudas Iscariote.
Cipreste, Cupressus sempervirens,
orixinario do leste do Mediterráneo, moi espallado polo mundo greco-romano,
unha avenida de Ciprestes é todo un espectáculo que nos retrotae á antigüidade,
tamén hai outras especies de Ciprestes, Cupressus spp, e Tuias, Thuja spp,
usados en xardinería.
Árbore do Paraíso, Eleagnus
angustifolia, de intenso arrecendo, hai un exmplar moi vello ao pé dunha
vivenda en Albarellos.
Kiri, Paulownia tomentosa, de
crecemento rápido.
Azufaifo, Jujuba, Jinjoleiro, Ziziphus jujuba
Forsythia spp., arbustos con abondosa e fermosa floración amarela.
Catalpa, Catalpa bignonioides,
hai exemplares naturalizados no bosque do Pracer.
Lárice, Laricio, Alerce, Larix
decidua, conífera de folla caduca de cores amarelas moi vistosas no outono,
orixinario de Europa.
Amargoseira, Cinamomo, Melia
azedarach, moi usado en xardinería pola súa abondosa e aromática floración.
Palmeira datileira, Phoenix
dactyifera, e outras Palmeiras coma Trachyxarpus fortunei, Washingtonia
robusta, e máis.
Picea, Picea abies, de interese
para un grupo adicado ás coníferas.
Piñeiros, Pinus spp., hai varias
especies deles, ibéricas e alóctonas, que se poderían ver nun conxunto adicado
ás coníferas, hai un que é o Piñeiro de Monterrei ou de California, Pinus
radiata, fai referenza a esa zona de América onde aparece e que a procecencia
do seu nome deriva da nosa comarca mesma.
Abeto de Douglas, Pseudotsuga
menziesii, con moitas plantacións forestais desta especie nos nosos montes,
arrecendo cítrico.
Abeto branco, Abies alba, de
interese en grupos.
Secuoia, Sequoia sempervirens.
Secuoia xigante, Sequoiadendrom
giganteum.
Metasequoia glyptostroboides,
conífera xigante de follas caducas.
Cipreste dos pantanos, Taxodium
distichum, orixinaria dos Estados Unidos, pantanos de Luisiana, de zonas
húmidas, en estanques desenrola uns contrafortes para sosterse no chan,
conífera de follas caducas.
Xacarandá, Palisandro, Jacaranda
mimosifolia, sudamérica, madeira moi apreciada, é espectacular unha avenida de
Lisboa toda chea de Jacarandás, sobre todo en floración.
Palisandro, Dalbergia cearensis,
do Brasil, madeira moi apreciada, desta ou da anterior especie de Palisandro
puido ser da que fixo o punteiro o Gaiteiro de Moialde ao emigrar este ao
Brasil e traer consigo a madeira para que lla tornearan na Mezquita, testemuño
do seu fillo.
Araucarias, Araucaria araucana
(Chile), A. angustifolia (Brasil), A. heterophylla (Illa de Norfolk,
Australia)..., moi apreciadas polos indianos para plantar nos seus xardíns, na
costa son moi comúns, son árbores prehistóricas.
Eucalipto arco-íris, Eucalyptus
deglupta, dentro dos eucaliptos tamén hai especies de interese, esta en
concreto radica en que o seu tronco está moi coloreado, fermoso, tamén hai
algunha especie de Eucalipto que están entre as árbores máis altas do mundo,
Eucaliptus regnans, competindo coas Secuoias en altura.
Magnolias, Magnolia grandiflora,
tamén é unha árbore interesante dunha familia moi antiga, as primeiras plantas
que tiveron flor.
Tulípero de Virxinia,
Liriodendron tulipifera, leste de Norteamérica, outonada moi vistosa, hai un
exemplar centenario en Vilardevós, nunha 'casa farta', traído seguramente por
un indiano, que debería de estar catalogada coma árbore senlleira.
Ginkgo biloba, imprescindible,
árbore prehistórica (máis de 250 millóns de anos), aparecen parentes en restos
fósiles, especie moi lonxeva (hai exemplares con máis de 2.500 anos), gosta da
humidade do sólo, orixinaria da China, plantada con frecuencia en templos
chinosú e xaponeses, con usos medicinais, un exemplar desta especie resistíu á
explosión da bomba atómica de Hiroshima rebrotando das cinzas polo que lle
chamaron "portador de esperanza", as súas follas en outono adquiren
unha cor amarela espectacular, os pés femias producen unha sementa branda de
mal cheiro aínda que comestible, de interese que houber pés femias e machos
para lograr reproduicr a especie.
E moitas máis...
"En Galicia moitas destas
especies só atopan presencia en parques e avenidas de cidades, entornos
académicos (campus das universidades, arboreto de Lourizán...), pazos, algunha
casa indiana, algún xardín particular, tamén nalgunha vila, nagún entorno
singular coma no balneario de Cabreiroá por exemplo, e pouco máis, se callar
algunha plantación rara e localizada coma un bosque de Secuoias en Poio. As
especies de interese en silvicultura si que aparecen espalladas polo territorio
e ocupando espazo ás especies autóctonas, pero as máis singulares ubícanse en
pequenos bosquetes como algún de Lárices na Serra da Urdiñeira ou no Macizo
Central Ourensán. No balneario de Requeixo tamén hai a Árbore do ceo, Ailanthus
altissima, pero non se aconsella ao ser unha especie moi invasora."
Arbustos e plantas aromáticas:
Herbaluísa, Limonete, Lúcia-lima,
Aloysia citriodora.
Romeu, Rosmarinus officinalis.
Arzá, Lavandula stoechas.
Lavanda, Alfacema, Lavandula
angustifolia.
Xarxa, Salvia, Salvia
officinalis.
Mentas, Mentha spp., varias
especies, Menta piperita, Hortelá, 'Hierbabuena', Beldrastro, Poexo, Menta
acuática...
Tomiño, Tomentelo, Tomillo, Thymus
vulgaris, Thymus spp.
Nébeda, Calamintha nepeta.
Eirogo, Ourego, Origanum vulgare.
Cidreira, Melisa, Melissa
officinalis.
Mazela do monte, Helichrysum
stoechas.
Boldo, Peumus boldus.
Etc., un eido moi amplo o das
aromáticas, dá para espallarse o que se queira.
Rubideiras:
Videira, Vitis vinifera, como non, o máis extendido cultivo da bisbarra, con lendas asociadas, en parra son moi vistosas.
Glicinia, Wisteria sinensis.
Clemátide, Clematis spp., aquí temos autóctona unha especie do xénero, a Clematis viltalba, e unha referencia de C. campaniflora en Passos de Lomba, a escasos metros da fronteira pola zona do río Mente, primeira cita da especie para Portugal e non citada aínda en Galicia.
Buganvilia, Buganvilla, Bougainvillea spp.
Pasiflora, Maracuja, Flor da Paixão, Pasionaria, Passiflora caerulea, Passiflora spp.
Madresilva, Madreselva, Lonicera periclymenum, a L. japonica está considerada especie invasora.
E outras...
Esta é unha escolma das especies
de árbores e arbustos que se me ocorren, de facto podería ampliarse o elenco
preguntándolle por exemplo ao Pastor Santamarina, o maior coñecedor da flora
rexiomontana. Tamén gosta moito e coñece inmenso das árbores o Demetrio Borrajo
de Vilaza, sería de interese preguntarlle e opinión. E o Xabier García, que é
de Vigo, residente en Verín, gran coñecedor e amante das árbores. E, como non,
solicitar asesoramento ao Marcos Freán, delegado de Ourense da Sociedade Galega
de Historia Natural, e ao Serafín González, o seu presidente. E, como dixen
anteriormente, para as variedades de froiteiras solicitar información ao Rafa
Castro. Pódese tamén pedir opinión ao Marco Fachada de Chaves con respecto ás
especies transmontanas.
Seguirei pescudando no tocante,
que me parece de moito interese, xa que se pode facer algo singular de enorme
calidade, unha beleza!
...
Aliás tamén son de enorme valor
ecolóxico os espazos abertos coma pradarías, debendo ser lugares a preservar as
veigas comunais dos pobos e outros lugares con inundacións temporais como as
brañas.
Parabéns ao responsable pola
iniciativa.