O temporal traía chuvieiras intensas con rachas de vento forte e tépedo, as nubes corrían depresa e os campos estaban asolagados. Non parecía o mellor momento para observar fauna, mais a casualidade levounos polas lagoas das Fragas de Penelas en San Cibrao. A imaxe que tiñamos diante era do máis sensacional, había unha concentración de, polo menos, cento quince Andoriñas comúns (Hirundo rustica), tres Andoriñas das barreiras (Riparia riparia) e unha Andoriña dos penedos (Ptyonoprogne rupestris), todas elas sobrevoando a tona da auga.
Perto andaba voando un Miñato negro (Milvus migrans), o primeiro da temporada -que xa o viramos por cima do bairro de San Lázaro en Verín dirixíndose a sur-, afuxentábano do lugar unha parella de Corvelos (Corvus corone). Polo chan acubillábanse bandiños de Lavercas (Alauda arvensis) e Cotovías pequenas (Lullula arborea). Nas árbores dispersas víanse bandos máis grandiños de Trigueiróns (Emberiza calandra) emitindo constantes e sonoros reclamos. Os Corvos mariños grandes (Phalacorcorax carbo), subidos a uns Choupos, e algunha Garza real (Ardea cinerea), voando polo medio dos Amieiros, completaban o elenco.
O punto negativo do día foi o achado dun cadáver de Curuxa común (Tyto alba) a carón da torre medieval da igrexa de Vilaza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario