mércores, 17 de xuño de 2015

Un achegamento ecolóxico á contorna de Monterrei

Por mor da retirada no seu momento deste artigo no blogue Rexiomontanos voltamos a subilo a este de Verín Natural. Desculpai.
 

Eis aquí:


Estamos inmersos nun tempo estraño onde o noso ambiente é asaltado pola cobiza da humanidade elevada a categoría transcendente. Nesta enchedela especulativa os valores cívicos e a empatía co semellante chegaron a caír por baixo das posesións materiais. Non se sabe onde é que nos perdemos na verea espiritual da nosa existencia ancestral. A cova dos devanceiros está sendo profanada con impunidade consciente. Primeiro caíu a floresta, o río será luxado nas súas beiras até onda o permita o territorio, a auga da vida corre turba, o presente invade a Natureza con outeos de incomprensión.


Cunha reflexión achegarémonos xuntos a percorrer o camiño nunha viaxe imaxinada do que será coaccionado ás abas dunha fortaleza anterior á propia existencia.


Que lembranzas a das Grallas cereixeiras aniñando nos ocos das pedras da Torre da Homenaxe, ou as Pombas zuras indo de acó para aló nun voo erradío desde a Atalaia até á muralla oeste, os voos nupciais das Aguias calzadas, os abondosos e inquedos Rabirrubios, os cada vez menos frecuentes Ataíños, os incansables Vencellos, os Noitevoás, os Pardais das rochas, as Andoriñas dos penedos, os Picapaus, todos eles veciños escasos da bisbarra.
Ataíño
Un día rescatouse un pito de Avelaiona que fuxira prematuro dun nino agochado na escuridade silandeira do burato, os nenos adoraron ver a tenrura dun hóspede coma aquel.

A finais do verán congréganse aquí montes de Andoriñas de cu branco albiscando o momento da partida, outros coma os Picafollas musicais aproveitan os Fiollos para repoñer forzas coas sementes de seu e continuar a viaxe sur.

E que dicir da lendaria Lagartaria medieval que, por razóns, ben podería ubicarse aquí, coa ilustre presenza nas ladeiras soalleiras duns seres desvalidos: o Esgonzo común, o Lagarto arnal, a Lagartiña dos penedos, a Lagartiña rabuda, a Lagartiña cincenta, o Escáncer común, o Escouparón cego, a Cobra lagarteira meridional, a Serpe riscada, o Cobregón.

Lagartiña rabuda

E que bo sería deleitarnos co achegamento ao mundo vexetal e atopar inusuais especies de prantas, poida que usadas na farmacopea de tempos antergos.

Hypericum perforatum

Todo aldraxado. Non interesan estes asuntos sen beneficio económico, con pouca repercusión social, sen decisión en sufraxio. Que mágoa non dar estima ás cousas importantes do mundo, único, noso. Decatarase o erro cando sexa tarde. A eternidade tomará a súa débeda.

Despídese esta viaxe cun resaibo de amargor e un arrecendo a esperanza no ronsel da mareira. Desexemos un futuro máis lúcido. Sempre.

Ningún comentario: