Eis aquí as consecuencias dunha mala xestión dos recursos naturais por parte das distintas administracións e algunha empresa de servizos privada, unha seca que afecta á vida no río ocasionando unha elevada mortaldade de peixes entre os que se atopan as seguintes especies:
Barbos ibéricos, Luciobarbus bocagei
Ladras mixoiras, Achondrostoma arcasii
Trúitas, Salmo trutta
Bogas do Douro, Pseudochondrostoma duriense
Xardos, Squalius carolitertii
Gobios, Gobio sp. (especie introducida)
A zona do río Támega afectada é augas abaixo da Ponte do Melo en Verín, onde deixa de correr a pouca corrente que chega das preseiras da Praia Fluvial.
Conseguíronse rescatar vivos preto dun centenar de exemplares de Barbos e algunas poucas Ladras, Bogas e Xardos, ningunha Trúita por non aguantaren a falta de osíxeno, os Gobios case non se viron afectados polo seu escaso tamaño e rápidos movementos en pouco caudal. Todo grazas á intensa e disenteresada labor dalgúns veciños e veciñas da zona, tamén á rápida alerta dun incansable defensor do río, pescador e naturalista, e á involucración da nova corporación municipal de Verín, neste caso o recente alcalde que puxo a disposición dos voluntarios os recursos que fosen necesarios contando coa axuda dunha brigada de operarios do concello. Obrigado a todos.
Por certo, no lugar non se presentou ningún axente da autoridade, nen Medio Ambiente, nen Confederación Hidrográfica, nen SEPRONA, nen Policía Autonómica. Segundo informacións facilitadas semella que o concello de Verín emitíu un burofax á Consellaría de Medio Ambiente dando comunicación deste problema ambiental.
A zona está catalogada como Lugar de Importancia Comunitaria LIC e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais ZEPVN.
Os exemplares rescatados trasladáronse para a zona da Praia Fluvial ao haber alí suficiente cantidade de auga, os peixes poden subir río arriba pola zona da Preguiza onde se minimizan os efectos das secas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario