venres, 7 de outubro de 2016

Conversando sobre Ladras, Landras, Lascas e outros

REVISADO E AMPLIADO
NO 12 DE OUTUBRO DO 2016

No mes pasado fíxose unha pescuda a través do Facebook en diferentes grupos de bisbarras galegas e zonas limítrofes: Trâs-os-Montes, Sanabria, Sayago, O Bierzo, Asturias e outras, sobre a posible presenza e nomes vernáculos dados a un réptil mediterránico da Familia Gekkonidade, trátase pois da especie Tarentola mauritanica.

A resposta obtida foi moi positiva ao interesárense no asunto moitas persoas e respostaren amabelmente á información solicitada, obténdose uns datos pendentes de valorar por parte da comunidade herpetolóxica, mais que agora imos a partillar con todos os participantes.

Moitas grazas a todos.

Tarentola mauritanica

* A pesquisa foi plantexada da seguinte maneira:

"Ola, agradeceríavos que me dixerades como é que lle chamades a este réptil e en que localidade, sería de moita axuda, é por un traballo que se está a realizar referente a nomes vernáculos de fauna de Galicia, grazas pola información, saúdos."

* As respostas obtidas foron as seguintes en canto a nome e presenza da especie:

Salamanquesa: nome común da especie en Castellano, dado en diferentes zonas do estado español.
Tamén o recollimos en localidades galegas por influenza do Castellano coma en Vigo cidade, Ourense cidade -onde se di que foi introducida a través do tren, que chegara con froita ou con outros productos doutras áreas peninsulares-, O Navallo (O Riós), e unha referenza xenérica ao noroeste peninsular e Galicia.
Tamén noutras localidades españolas coma en Doney de la Requejada (Sanabria) ou Zamora cidade, Toledo, Cáceres, Sevilla, Santalla del Bierzo.
Un informante díxonos que este nome de Salamanquesa fora dado dende a universidade de Salamanca e que era de procedencia recente no tempo e que o nome de Geko procedía do Inglés e á súa vez provinte de Asia.

Geko: designación xenérica para os répitles desta familia.
Un informante escribíuno co nome de Jenco ben como confusión ou ben como unha variante local dada en Madrid cidade.
Outra persoa dixo que este era o nome común co que se coñecía esta especie en Castelldefels.
Un veciño de Carril chamouno con esta mesma designación aínda que pode que fose por influenza do nome xenérico para todos os réptiles dea familia Gekkonidae.

Osga: nome común da especie en Portugués, tamén recollido no dicionario de Galego pero seguramente que adoptado do Portugués.
Recollida en varias localidades portuguesas, son exemplo: Chaves cidade (Chaves), Trâs-os-Montes (sen precisarse localidade ou concello), Vilaverde-da-Raia (Chaves), Feces de Abaixo (Verín) -onde comparte nome coa outra designación de Landra-.
Unha persoa escribíu que este nome de Osga tamén era dado a outra especie de Geko presente na cidade de Luanda (Angola) e tamén en Trâs-os-Montes (Portugal). Na realidade o interesante sería saberse se esta designación de Osga foi traída de Angola para Portugal ou ao revés, pode ser factible que esta designación viñera de alén para aquén xa que en apariencia o nome de Osga non reflicte ningún significado concreto en Portugués, aí queda a cuestión.
Francisco Santos comparte abondosa información falando do topónimo "Feira da Ladra" en Lisboa, que semella ser un nome de procedencia incerta: http://etimoteca.blogspot.com.es/2012/01/feira-da-ladra.HTML , e escrebe da posible procendencia do nome Osga: Francisco Santos. Osga é de facto o nome mais habitual em Portugal. Algúns dicionários indicam que a origen da palabra osga é desconhecida ou obscura, mas tambem há os que indicam a origen no árabe "wazagah". Tamén nos di que Osga é a desginación adoptada para chamar outras especies da familia Gekkonidae en Cabo Verde, até un total de sete especies diferentes de Osgas e todas compartindo este nome comum.
Marco Fachada, de Chaves, dinos que, no Dicionário de Transmontanismos, Osga é sinónimo de 'raiva', por exemplo: "estou-te cá com uma osga (=raiva)".
Francisco Santos dinos: No centro-sul de Portugal também. Osga: raiva, aversão, repulsa, ódio, asco. (Linguagem popular).

Lasca: designación aportada por unha veciña de Teixeiro (Curtis), provincia da Coruña, onde nos indica este nome e a presenza da especie nesa zona fará uns vinte anos nun muíño do río próximo a esta aldea.
Tamén se recolleu este nome a un veciño da vila do Barco de Valdeorras (O Barco de Valdeorras).
Xa se tiña recollido anteriormente este nome vernáculo de Lasca na poboación de Cambedo (Chaves) publicada no seguinte enlace:
http://verin-natural.blogspot.com.es/2008/06/nomes-vernculos-da-comarca-de-vern.html

Papamoscas: nome recollido por Rubén "O Canteiro Artesán" na localidade da Silva (O Riós), engadindo: "anda polas paredes e muda de cor, é nocturno".

Ladra: esta é a designación máis espallada por todo o territorio galego e a parte máis próxima á raia Portugal-España, na rexión do Alto-Tâmega.
Os lugares de procedencia onde se recolleu este nome son os seguintes: Ourense cidade e concello (Ourense), A Granxa (Oímbra), Medeiros (Monterrei), Murça (Murça), Vilaza (Monterrei) -aquí este nome foi aportado por varios vecinos desta localidade o que reflicte a relativa abundancia desta especie no lugar-, Albarellos (Monterrei), Oímbra (Oímbra) -nesta localidade tamén se repetíu a contestación deste nome por poder ser relativamente común aquí-, Baltar (Baltar), Chaves cidade (Chaves), Mandín (Verín) -nesta localidade tamén se recolleron dúas veces a mesma designación polo que pode ser un signo de relativa abundancia-, Verín (Verín).
A continuación imos por as localidades nas que xa se tiña rexollido este nome de Ladra: Vilaza e A Salgueira (Monterrei), Casas dos Montes e San Cibrao (Oímbra), Mandín (Verín), Castrelo de Abaixo (O Riós), San Millao (Cualedro). Publicadas anteriormente nestes outros enlaces:
http://verin-natural.blogspot.com.es/2014/12/ultimas-recollas-de-nomes-vernaculos-de.HTML
http://verin-natural.blogspot.com.es/2008/06/nomes-vernculos-da-comarca-de-vern.HTML
No libro Falares de Mirandela, um complemento do Mirandelês, de Jorge Lage, tamén aparece o nome de Ladra -s.f.- 2. Osga (costumam andar nas casas e são intoleradas pelas mulheres).
Noutro libro, Os falares dos concelhos de Trasmiras e Qualedro, de Isaac Alonso Estraviz, figura Ladra, s. f. Lagarta grande cor marrão (LAS). LAS, Lamas (Cualedro). Aínda que este nome fora recollido só na localidade de Lamas, existen citas da especie en entorno natural nas inmediacións da aldea de Sanmillao (Cualedro), polo que aquí podería tamén aparecer algunha designación.

Laghartos: recollida esta designación en Camposancos (Vigo), posible orixe recente no tempo deste nome. Nun traballo atopáronse oito exemplares nunha nave industrial en setembro de 2013.

Salmantesa: designación recollida en Vigo e Ponteareas.

Dragón: nome recollido en diferentes puntos de Galicia que parece ser unha influenza do Catalá a través da emigración galega no leste peninsular.
Os  lugares galegos onde recollemos estes nomes foron os seguintes: Catrelo de Abaixo (O Riós) -onde tamén lle chamá Ladra-, A Rúa de Petín (A Rúa de Petín), Vilardebós (Vilardebós).
Tamén recollimos este nome de Dragón e outras variantes noutros puntos da xeografía ibérica coma na comunidade valenciana, onde tamén lle chaman Andragóns.
En Barcelona cidade recolleuse o nome de Dragón que nos facilitou Javier Barja, dicindo que este nome é referente á lenda do Dragón de Sant Jordi.

Salamandra: esta designación semella ser unha confusión con respecto ao anfibio Salamandra salamandra, se callar influenzada pola proximidade dos nomes común destas dúas especies en Castellano, é dicir, á proximidade do nome Salmanquesa co de Salamandra.
Recolleuse este nome en diferentes zonas de Portugal, España e tamén algún de Galicia, son exemplo: Chaves cidade, Sanabria, Zamora, Toledo, Cáceres, O Bierzo.

Osga moura: nome recollido en Chaves cidade (Chaves), mais pode que fose un nome común dado en Português oficial.

Lagarto: nome recollido en Chaves cidade (Chaves), mais pode que sexa confusión coa semellanza cos porpios lagartos ao ser un réptil.

Lagartos de paredes: nome facilitado por unha veciña da bisbarra de Valdeorras, tanto na contorna do Barco de Valdeorras coma na da Rúa de Petín -onde tamén lle chaman Dragóns-.

Salta-Rostos: designación recollida en Murça (distrito de Vila-Real) -na aldea de Sobreira deste mesmo concello tamén se coñece co nome de Ladra.-
Tamén se recolleu este nome de Salta-Rostos noutra localidade de Tras-os-Montes sen facilitar a ubicación exacta, e en Carrazeda-de-Ansiães (distrito de Brangança).
Outra persoa díxonos que Salta-Rostos é o nome dado en idioma Mirandês a esta especie, Miranda do Douro (Portugal).

Oscas, Ladras e Lascas: un informante faciliounos todos estes nomes dados a esta especie no Noroeste Ibérico sen precisar os lugares exactos de recolla.

Andragóns: comunidad valenciana, onde tamén lle chaman Dragón.

Dragonet: nome dado en Cataluña, tamén nos facilitaron o nome de Sargantana aínda que pode que sexa unha confusión co nome común da propias lagartiñas.
Tamén foi recollido este nome para Palma de Mallorca (Balears).

Landra: nome recollido en Feces de Abaixo (Verín) e facilitado por Luís Pazos Toro, esta é unha variante local da desginación máis extendida de Ladra. Tamén nos comenta amablemente Luís Pazos Toro que existe nesa mesma localidade de Feces de Abaixo (Verín) a designación de Osga, semella que por influenza do Portugués, sendo a única poboación galega na que se recolleu este nome. E igualmente escrebe que en Vilaverde-da-Raia (Chaves) lles dan estas mesmas dúas designacións de Landra e Osga.

Santarrostros: interesante nome recollido na bisbarra de Sayago (Zamora) ao ser semellante ao nome Santa-Rostos recollido nalgunhas zonas de Trâs-os-Montes (Portugal).
Tamén se recolleu esta designación a un veciño de Sanabria, Francisco del Río Rodríguez, pero o nome procede de Cáceres, provincia que tamén fai fronteira con Portugal.

Crocodile Geko: este é un nome facilitado por unha persoa referíndose a outra especie semellante de Geko moi expandida en USA.

Perengueles: nome dado nas Illas Canarias, tamén Peniques en todas as illa, e Perenquén en Tenerife, outra persoa dinos que tamén nas outras illas Canarias.

Salacocha: este nome foi recollido a un veciño de Forcarei (Forcarei), aínda que pode haber confusión con Salamandra salamandra, sería para indagar algo máis no propio terreo da localidade.

* Inlcuímos a continuación uns comentarios do prestixioso biólogo e filólogo galego Miguel Conde Teria a repecto deste nomes, di o seguinte:

Saltarrostros tamén é usado nos dialectos galegoportugueses do Xálima, polo que supoño que terá difusión alargada. Sobre OSGA a orixe é descoñecida, pero non sei de nada que indique que é voz africana. Xa que a especie está presente no sur de Portugal habería que pensar nunha voz patrimonial. O TESOURO DO LÉXICO PATRIMONIAL GALEGO E PORT rexista tamén LOSGA e ÓRSELA en Portugal. SALAMANDRA e SLAMANQUESA deben ter a mesma orixe etimolóxica, pois SALAMANCA é un nome dialectal da salamántiga do NW ibérico. Faise referencia ao "TESOURO do léxico". O de Saltarrostros ven nun libro chamado A fala dos tres lugaris.

Moitas grazas polo aportado.


* Houbo persoas que compartiron a súa propia observación desta especie en distintas localidades coma un veciño de Verín (Verín) que comunicou que vira unha desta Salamanquesa nun xardín céntrico da vila, outro veciño de Verín díxo que vira outra nunha rúa concreta da vila, o que reflicte a posible relativa abundancia da especie nesta localidade onde xa se tiñan máis rexistros propios. Outra veciña fálanos da presenza de até seis exemplares adultos e algún outro xuvenil nunha rúa da vila polo que sería unha poboación xa de consideración.
Estes réptiles tamén foron vistos polas cercanías do seminario cercano á cidade de Vigo.
No Barco de Valdeorras semellan que se ven fácilmente nas fachadas das casas desde fai varios anos.
Nacho Estévez, un veciño de Carril (Vilagarcía de Arousa), comunicou a observación desta especie nesa vila, o que aumenta os rexistros que se tiñan desa especie na zona. Xa se coñecía a poboación de Vilagarcía de Arousa pero esta é a primeira vez que se cita Tarentola mauritanica na localidade de Carril. Moitísimas grazas pola información.
Un veciño de Ourense, Xosé Antón Casares Lamas, enviounos unha fotografía dun xuvenil de Tarentola mauritanica sacada na porta dunha entidade bancaria desta cidade, é a seguinte:
Imaxe de Xosé Antón Casares Lamas
Na cidade de Ourense tamén se aportou información precisa por parte de Isidro Salgado, dicindo da existencia dunha abondosa poboación de cría desta especie nun xardín urbano da súa propiedade con especies de plantas exóticas e abondosos exemplares destes Papamoscas.

* Por parte dun veciño da localidade sanabresa de Doney de la Requejada (Sanabria) contouse a crenza de que estas Salamanquesas traen boa sorte.
Na localidade de Castrelo de Abaixo (O Riós), tamén se recollera fai tempo a crenza de que as Ladras traen boa sorte a quen as ve ou ás casas nas que habitán.
http://verin-natural.blogspot.com.es/2012/08/unha-crenza-popular-sobre-as-ladras.html

* Outra persoa comentou a crenza que había en Indonesia con respecto aos Gecos de que se algún destes animais grita o seu nome sete veces trae boa sorte e se o di menos de sete veces trae mala sorte, isto refírese á característica de emitiren determinados sons.

* Unha persoa espuxo que por Sanabria había moitas destas Salamanquesas aínda que pode que fose unha confusión con respecto a Salamandra salamandra xa que a mayoría dos veciños das localidades sanabresas non tiñan visto este réptil pola rexión.
Polo tanto dedúcese que non debe ser unha especie abondosa mais que si pode estar presente en localidades de clima máis morno e maior horas de radiación solar.

* Obtívose tamén unha información relativa á posible presenza de Hemidactylus turcicus, a outra Osga ibérica de cor máis rosada e de posible procedencia foránea a través de medios de transporte humáns, no entorno do balneario de Cabreiroá, mais estaría sen confirmarse.
Un veciño de Barcelona cidade, Javier Barja, tamén nos enviou unha fotografía que podía ser desta outra especie de Osga, Hemidactylus turcicusDragó rosat, aínda que sen poder confirmarse, sería a seguinte:
Imaxe de Javier Barja


* Con respecto ao nome de Salta-Rostros pódese dicir unha experiencia persoal que se trata de que ao pasar a noite nunha cabana de pastores, no parque nacional de Monfragüe, na Extremadura española, un destes réptiles pasou mesmo por riba da frente propia, podendo intuirse que fose un comportamento habitual na especie e ligado a ese nome de Salta-Rostros. Unha explicación deste comportamento pode ser que se acheguen ás caras das persoas ao ser un lugar con bastante incidencia de frecuencia de mosquitos ao exalar dióxido de carbono mediante a respiración, o cal se ten comprobado que é un dos activadores destes incómodos insectos.

Un dos motivos de plantexamento desta pescuda era obter datos relativos á presenza de Tarentola mauritanica nas bisbarras de Viana do Bolo e O Bolo, xa que se tiñan citas da especie no interior da localidade de Viana do ano 2008. Non se puido confirmar a súa presenza máis as probabilidades son elevadas aínda que poida que cunha moi baixa densidade de individuos e só en lugares favorables de suficiente radiación solar e paredes rochosas naturais. Unha desas ubicacións a ter en conta é o entorno do santuario e localidade das Ermitas na mediterránica cunca do río Bibei. Seguiremos atentos á posbile presenza desta especie nestas zonas.

De maneira intuitiva pódese chegar a unhas conclusións que, sen seren científicas, poden dar respostas en canto á posible distribución de Tarentola mauritanica en Galicia. As zonas de entrada natural desta especie en territorio galego semellan ser pola cunca do río Sil polo leste e a cunca do río Douro polo sur -ríos Rabazal, Mente, Búbal e Támega-, aínda que poda haber outras vías pola costa ou beiras do baixo Miño (sen confirmarse ningún indicio polo momento). A presenza natural da especie en Galicia tíñase confirmado só para a bisbarra de Monterrei, mais con estes novos datos pódese intuír que a súa distribución natural galega sexa maior do que se pensaba, entre outros ao atoparse presenza da especie en entorno natural na cunca do río Sil, alén de nomes vernáculos na bisbarra de Vadeorras, e con posible incidencia polos vales do río Bibei e outros desta cunca. Tamén semella estar espallada a súa presenza en poboacións da costa sur galega, sen saberse se son de orixe natural ou antrópica -aí están os científicos para resolveren esta cuestión-. Tamén se confirma a posible existencia histórica natural no entorno de Ourense, e polo tanto nos treitos medio e poida que baixo do río Miño, ao rexistrárense nomes vernáculos nesta zona e haber nesta cidade unhas poboacións urbanas considerables de Ladras. Sería de esperar que apareceran tamén espalladas pola bisbarra de Lemos aínda que tamén está sen confirmación a súa presenza aquí. O que si é unha incógnita é o referente á presenza histórica da especie máis a norte, chegando até á provincia da Coruña, polo que este dato amplía enormemente as posibilidades de presenza en territorio galego. Aí quedan as conclusións para o seu análise e deliberación.

Agradecemos a intensa colaboración dos veciños de todas as bisbarras pescudadas e agardamos sexa de axuda para o mellor coñecemento da especie en toda Galicia e en todo o noroeste peninsular ibérico.

Grazas gracias obrigado.

6 comentarios:

Unknown dixo...

Estupenda e bem documentada entrada, Xosé Ramón. A ver se imos sabendo mais cousas deste réptil tam complexo de observar por ser de distribuiçom limitada e de hábitos nocturnos.

Con respeito aos nomes catalás eu recolhim "Dragón" por parte de dous nenos no Delta de L´Ebre (Tarargona). Imagino que por me falar em espanhol traducírom inconscientemente o termo original "dragó".

Falando da situaçom em O Barco de Valdeorras, há quase dez anos puidem observar bastantes exemplares em percorridos nocturnos polo mesmo caso urbá acompanhando a Manu Arzúa, que vivia daquela na vila. Chamara-me muito a atençom achar indivíduos mesmo na entrada a garaxes e em edifícios bastante novos e com parede lisa (aínda que próximos a outros mais velhos e de pdera). Já sabes que Martinho considera que todas as povoaçons som introducidas agás a de Verim, mas logo de ler este post teu igual cómpre revisar o que se pensa ao respeito.
Apertas.

Xosé Ramón Reigada dixo...

Obrigado pelo aportado Xabi, seguiremos á pescuda, cumprimentos

Martiño Cabana Otero dixo...

Noraboa Xosé Ramón. Unha artigo excepcional con moito traballo por detrás. Póense atopar moi boas referencias para facer mostraxes no campo e confirmar se as mesmas localidades onde se rexistraron vernáculos tamén teñen poboacións de ladras.
Unha aperta,
Martiño

Xosé Ramón Reigada dixo...

Ei Martiño, obrigado a ti, haberá que seguir pescudando e ampliando información, saúdos

paideleo dixo...

Muito aprendín con este artigo.
Eu podo dicir que vivo e traballo no Porriño e duns anos para acá observo estes animais no vestiario da empresa pola noite e pola mañá. Andan polas paredes ou polo teito e hai exemplares adultos ( 1 ou 2 ) e crias varias na primavera e verán.
Tamén podo dicir que a miña empresa está á beira das Gándaras de Budiño.
Fixen algunha foto e falei deles no meu blogo.

http://leoeosseus.blogspot.com.es/2016/09/normalidade-aos-poucos.html

Xosé Ramón Reigada dixo...

Moitas grazas pola aportación, saúdos