martes, 9 de maio de 2017

Mais outra localización de Víbora fuciñuda

Eis acó unha boa nova para a bisbarra de Monterrei: Acaba de aparecer outra cita de Víbora fuciñuda, Vipera latastei, nunha grella na que non constaba a súa presenza. Bon, semella que si que había dúas citas antigas de presenza aínda que sen confirmación plena.

Grazas a Pablo Serrano polo seu descubrimento e por toda a información aportada.

Como xa publicaramos nunha anterior entrada esta especie é, segundo a Guía de Anfibios e Réptiles de Galicia de Moisés Asensi Cabirta, o ofidio máis escaso de Galicia, relegado ás montañas, e desaparecido das zonas con presión humana. As pirncipais ameazas son a morte directa por humanos, o atropelo e, sobre todo, as repoboacións forestais.

Como dato a significar imos poñer a súa distribución mundial segundo o Atlas dos Anfibios e Réptiles de Galicia da Sociedade Galega de Historia Natural (páx. 98-99) Víbora fuciñuda, Vipera latastei (Boscá, 1878), Martiño Cabana Otero, Distribución mundial: Especie iberomagrebí que se distribúe polo norte de África e a Península Ibérica. Nesta vive en gran parte do mediteráneo ibérico ocupando tamén as zonas máis térmicas da montaña setentrional peninsular. Escasa na Meseta e noutras zonas de baixa altitude do terzo norete onde queda relegada ás zonas de maior altitude.

No Atlas y Libro Rojo de los Anfibios y Reptiles Españoles refire o seguinte: Es posible su presencia en otras sierras del sur de Orense, como Serra da Pena, Serra de Larouco, Serra das Penas Libres, y Serra de Queixa (P. GALÁN). A súa catalogación figura na Categoría mundial (UICN) coma non catalogada, e na Categoría en España coma case ameazada NT.

Vípera latastei. Fotografía de Pablo Serrano

Na zona semella que se coñece co nome vernáculo de A Bicha.

A localidade e as coordenadas do punto de observación manteranse en segredo para non dar pistas a posibles silvestristas. Serán partilladas para os atlas de distribución de hérpetos en Galicia: Atlas dos Anfibios e Réptiles de Galicia, da SGHN, e Atlas e Libro Vermello dos Anfibios e Réptiles de Galicia.

Parabéns ao descubridor Pablo Serrano e grazas ao cientista Martiño Cabana, e aos naturalistas Moisés Asensi e Rafa Vázquez polas aportacións facilitadas.

Vipera latastei. Fotografía de Pablo Serrano
Vipera latastei. Fotografía de Pablo Serrano

6 comentarios:

Unknown dixo...

Fantástica nova Xosé Ramón. E boas fotos, que cobran dobre valor por seren unha especie tan rara de ver xa no país.
Parabéns ao descrubridor e a ti polo post
PD: Unha matización, o Atlas (no que eu fun tamén redactor) é da SGHN, non de Moisés ;)

Xosé Ramón Reigada dixo...

Bon, xa puxen o nome da SGHN, que boa nova, si, nunha grella non confirmada, aínda que si había dúas citas antigas para pescudar, saúdos

Martiño Cabana Otero dixo...

Moi boas,
Unha nova cita interesante. Realmente é unha das especies máis escasas de Galicia (só por riba de Galani, Emys e Blanus). No Atlas e Libro Vermello dos Anfibios e Réptiles de Galicia (Cabana & Galán, en preparación) témola rexistrada en 11 UTM de 10x10 km (esta cuadrícula xa a tiñamos rexistrada) o que demostra o escasa que é pese a facer moitas prospeccións pola zona de presenza potencial.
Hai unha cuestión curiosa, xa que se se fai unha análise en detalle dos datos (tendo en conta que o número de rexistros do Atlas é de 50, dos cales 32 son puntos exactos) as altitudes ás cales se pode ver esta especie non son os citados clasicamente. Nas guías comentábase a súa presenza sempre por riba dos 800 metros pero realmente a metade destas citas puntuais (e, polo tanto con rexistro de altitude fiable) están por baixo dos 850 metros e o resto por riba. Polo tanto, debemos ter en conta isto para buscar a víbora fuciñuda incluso en zonas por debaixo das altitudes que se citaban antigamente, incluso no rango dos 400-199 metros (4 citas dispoñibles). De feito, esta observación que envía Xosé Ramón está a 667 metros de altitude.
Moito queda por saber dos hérpetos galegos (e dos de fora aínda máis...).
Unha aperta,
Martiño

Xosé Ramón Reigada dixo...

Obrigado Martiño pola amplicación de información, o que quedará por saberse aínda, saúdos

d:D´ dixo...

Carallorum, Moncho, coma pra atopala pola serra das Penas livres ou livérrimas
Unha nova moi boa; mais haberá que andar a modo polas noites e nos crepúsculos facendo daguerres nas noites estreladas.
Longas apertas, meu
:)´

Xosé Ramón Reigada dixo...

Oh Beato D'Arzádegos, pois é de facto assim, mesmamente nas Penas Livres !!!
Cumprimentações e ceivedade, não é ?