xoves, 5 de outubro de 2017

Espazo dotacional público na zona de Fontenova

A continuación vaise poñer un relatorio ambiental partillado coa Sociaedade Galega de Historia Natural sobre un espazo dotacional público na zona de Fontenova, pola parte traseira do balneario e enfronte ao auditorio municipal, promovido polo Concello de Verín, para unhas consultas de avaliacion ambiental estratéxica para sometemento a consultas segundo a Lei do Solo de Galicia, solicitado pola Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e isto é o que se puxo:

A zona é un espazo naturalizado rodeado por edificacións das rúas de Verín, polo entorno do balneario de Fontenova, Campo da Feira e Canella Cega. O espazo está atravesado por unha pista asfaltada, aberta fai pouco para dar acceso ao auditorio municipal, onde antes era un camiño de terra bordeado por unha gabia de drenaxe xa que a zona era lamacenta.

Os terreos vense que están constituídos por antigos predios de cultivo abandonados, posiblemente viñedos e froiteiras, hoxe colonizados por especies arbóreas e arbustivas espiñentas, semellante a zonas do matogueiras mediterráneas espiñentas coma Abruñeiros (Prunus spinosus), Escambróns (Crataegus monogyna), Roseiras bravas (Rosa spp.), Silveiras (Rubus spp.), Truviscos (Daphne ngidium), que por desgraza sufriron unha recente devasa e que hoxe están en rexeneración, e outras procedentes de antigos cultivos coma Videiras (Vitis vinifera), Falsa acacia (robinia pseudoacacia), Mimoseiras (Acacia dealbata), Pereiras (Pyrus), Cerdeiras (Prunus avium), etc. , o que proporciona un importante lugar de refuxio e alimentación de fauna, en especial  aves. Ao longo dos anos púidose comprobar a presenza neste entorno de especies ligadas a estes hábitats coma o Picanzo real (Lanius meridionalis), Papuxa cabecinegra (Sylvia melanocephala), Papuxa das amoras (Sylvia atricapilla), Papuxa común (Sylvia communis), Picafollas ibérico (Phylloscopus ibericus), Picafollas común (Phylloscopus collybita),  Merlo común (Turdus merula), Tordo común (Turdus phylomelos), Tordo malvís (Turdus illiacus), Rousinol común (Luscinia megarhynchos), Rousinol bravo (Cettia cetti)...

Outros recunchos están constituídos por antigas pradarías abandonadas onde se asentaron especies vexetais de Cardenchas (Dipsacus fullonum) e Fiúnchos (Foeniculum vulgare), que se puido comprobar dan alimento a un grupo bastante numeroso dos especializados Xílgaros (Carduelis carduelis), xunto con outras especies menos especializadas coma Verderolos (Chloris chloris), Xiríns (serinus serinus), Chacos comúns (Saxicola rubicola), Pardais comúns (Passer domesticus), con presenza en alimentación de Rabirrubio común (Phoenicurus ochruros) pola cercanía a edificacións humanas, con certa afluencia de migradores postnupciales coma Picafollas musical (Phylloscopus trochilus) e Papamoscas negro (Ficedula hypoleuca), tamén se ten unha cita invernal nesta área do escaso Bicogroso (Coccothraustes cocothraustes).

Outras zonas están compostas por pradarías, pacidas por ovellas, con pozas de asolagamento por augas estacionais onde o terreo se afonda. Aquí puido detectarse a rara presenza invernal de Agacha sorda (Lymnocryptes minimus), onde tamén se ven con asiduidade Lavandeiras brancas (Motacilla alba), Picas dos prados (Anthus pratensis), Estorniños negros (Sturnus unicolor), Pegas (Pica pica), Corvelos (Corvus corone), Pombos (Columba palumbus)...

A zona é de recollida de augas estacionais, de aí que se formen estas pozas temporais, desaugando cara o sur leste pola rúa da Canella Cega, lugar no que noutros tempos debeu de existir un regato que canalizase estas augas, hoxe desaparecido pola presenza de rúas e construcións. Debido a isto fixéranse en tempo unhas pescudas de anfibios, podendo comprobarse a presenza de Pintafontes verde (Triturus marmoratus) e Píntega común (Salamandra salamandra), pero nas zonas de perto (camiño do Santo Antón) lográrase identificar outras especies de interese coma Estroza (Hyla molleri), Sapo cunqueiro (Bufo spinosus), Sapo corriqueiro (Epidalhea calamita), Sapiño parteiro (Alytes obstetricans), Sapiño pinto (Discoglossus pictus) e, nada menos que, Sapo de esporóns (Pelobates cultripes), en serio risco de extinción. Debido a esta proximidade e ao carácter húmido do terro, sospeitouse no seu tempo que nesta zona húmida debeu de existir unha boa poboación destes anfibios, podendo aínda quedar algunha poboación relicto, da que ata o momento non se detectou.

Débese puntualizar que, segundo nos comenta o cronista tamagano Bruno Rúa, esta zona non sería só de recollida de augas se non que sexa unha zona de surxencia de augas, é dicir, una antiga braña e non un simple lameiro. Esto pode verse noutras zonas sempre próximas a mananciais de augas minerais coma nos arredores do balneario de Caldeliñas onde estivo seguramente a que fora a maior proliferación de zonas de asolagación de todo o val do Támega (Campo de Fútbol, Hospital, Barrio do 1º de Maio), e aínda hoxe con moita surxencia de augas canalizadas nunha profunda gabia de drenaxe. Tamén se ven estas surxencias enfronte ao balneario de Sousas, cunha zona de asolagación plantada de choupos, que conecta directamente con esta de Fontenova. E, como non, tamén se comproba esta interesante característica por detrás do balneario de Cabreiroá onde está o espazo denominado As Brañas de Cabreiroá. Unha hipótese a ter en conta para protexer o pouco que nos queda destes espazos húmidos de importancia ambiental e xeolóxica.

Debido a esta relativa abundancia de hábitats e especies de interese aconsellaríase respectar parte dos diferentes biótopos, naturais ou naturalizados nos seguintes puntos:

·         Respectar as zonas de asolagamento e incluso acondicionar novos puntos húmidos nos lugares de afondamento do terreo (xa se incidiu negativamente na parte norte da maior das pozas existentes o cal deberíase de revisar).

·         Acoutar no posible o lugar onde proliferan os arbustos espiñentos para refuxio e alimento de fauna (hoxe en rexeneración despois da esaxerada devasa realizada).

·         Evitar o movemento de terra  para homoxeneización do chan ao precisárense distintos niveis para tránsito de auga e delimitación de terreos coma gabias, barreiras, pozas ou afundimentos.

·         Respectar as pedras existentes do terreo ao constituír un refuxio necesario para os réptiles.

·         Considerar a colocación de carteis ou sinais de tráfico que advirtan aos condutores de vehículos o transito de anfibios pola recente calzada.

Poza principal de asolagado con augas estacionais e borde da estrada do auditorio

Límite norte da poza onde se cortou con enterramento o asolagamento da auga estacional

Roseira brava en rexeneración despois da devasa


Videira e Silveira en rexeneración

Videira en rexeneración


Escambrón en rexeneración despois da devasa

Escambrón arrincado

Escambrón non devasado con Mimoseiras e Falsas acacias no fondo, limítrofe cos xardíns de Fontenova

Falsas acacias en rexeneración

Abruñeiro en rexeneración despois da devasa

Abruñeiro en rexeneración

Cerdeira respectada

Freiso respectado

Turuviscos en rexeneración


Froiteira respectada


Escambrón respectado

Fiúncho e Videira en rexeneración

Phytolacca amaericana, planta invasora ao verse o terreo despexado
  
Zona con  pozas no terreo

Vista da zona onde antes estaba naturalizada con arbustos espiñentos

Nivelados do terreo co auditorio á arriba á esquerda

Zona en rexeneración onde antes había unhas mestas matogueiras de Abruñeiros

Nivelados do terreo

Mata de Fiúnchos no borde

Cardos no borde da poza principal


Ameixeiras bravas naturalizadas e en rexeneración


Cardenchas dunha esquina que non se devasou

Mata de Fiúnchos nunha zona que non se devasou

 
Este relatorio ambiental realizouse para poñer un contrapeso de sensibilización dos nosos valores naturais, dirixido aos distintos actores da nosa sociedade, poboación e administracións.
 
Saúdos e reflexión


Ningún comentario: