Agora un conto recollido de Xoán Rolán Morais de Vilameá (Laza) por un familiar, e outros ditos de fauna recollidos pola Asociaciacion Cultural Alto Támega nas Terras de Laza. Son os seguintes:
• Conto tradicional de lareira de Xoán Rolán Morais de Vilameá aínda que el era natural de Campobecerros (Castrelo do Val):
A raposa e o gabián:
Un día estaba a raposa dentro dun xestal, agochada e cazando, cando víu a un gabián que estaba pousado no chao.
Entón dun brinco a raposa púxose diante del e tíñao debaixo das súas patas e xa o ía comer, mais o gabián pensou de que forma podería librarse dela, e díxolle:
-Oes, raposa? Se non me comes lévote ás vodas ao ceo.
A raposa subíuse ás costas do gabián e este empezou a voar. Cando xa ían voando moi altos, díxolle o gabián á raposa:
-Agárrese Comadre que vou dar a volta!
A raposa agarrouse ás plumas, pero éstas ó ter o peso todo da raposa arrincáronse e esta caeu. Cando viña caendo polo aire, ía berrando:
-Escapai penedos!, apartai carballos!,
retirádevos lastras que vos aplasto!,
achegádevos palleiros!
Pois o conto non remata aí, unha persona de Vilameá completouno, en castrapo:
"Aparta penedo que te esfarelo!,
que se desta escapo i no muero,
no quiero más vodas al cielo."
Logo había outra versión que dicía:
"Apartáivos penedos!,
xuntáivos palleiros!"
E era un galo e non un gabián. E ao remate dicía a raposa tamén en castrapo:
"Aparta penedo que te esfarelo!,
que se desta escapo i no muero,
no quiero más vodas al cielo."
En Videferre tiñan un conto similar coa raposa e unha 'cigüeña' de protagonistas. O caso é que cando estaban no ceo a cegoña dicíalle á raposa que se cambiara de á porque esa xa lle ía cansa, e cando a raposa se soltou para cambiarse foi cando caíu e berraba:
"Apartaivos penedos e xuntaivos palleiros!
Se desta escapo i no muero
non quero máis vodas ao ceo."
Na Pena do Souto e en Castrelo de Abaixo, do Riós, non sabían este conto mais cando algo non lles saía ben ou se estaba metido nalgunha lea dicían tamén en castrapo:
"Se desta escapo i no muero
no quiero más vodas al cielo."
Debuxo orixinal a grafite de Noa |
Debuxo orixinal a grafite de Lúa |
• Ditos recollidos nas Terras de Laza pola AC Alto Támega:
"Cando vexas a cobra no dez de marzo,
verás a neve no dez de maio."
Refrán sobre a vida do lobo:
"En abril está a loba no cubil,
en maio sae co pai ó lado,
en San Xoán atrévese co can,
en Santa Mariña xa colle a cabritiña
e en agosto sae co pai ó rostro".
"Por Santiago esconde o coello o rabo,
e polo San Miguel vólvese a ver."
"Alégrase o corvo e o can
do que fai o gavián."
Este debe ser pra quitar algún mal:
"Nin lobo nin loba
nin zorro nin zorra
nin can nin cadela
nin outro bicho
deiquí afuera".
"Cando a lebre diga misa,
o coello sea abade
e a raposa sea frade,
deixareiche a miña casa
e perderei a túa amizade."
Moitísimas grazas á familia de Xoán Rolán Morais por facilitarnos este simpático conto de lareira, adicado á súa lembranza, e á AC Alto Támega por facilitarnos estes interesantes ditos de fauna recollidos nas Terras de Laza e mais polo fantástico labor que estades a realizar, e, dende logo, á Noa e á Lúa polos fermosos debuxos que nos deseñaron para a ocasión.
Que gostedes! Un saúdo a todos, todas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario