* Nomes recollidos polos alumnos (poño entre paréntesis as aclaracións):
Queirugás: anduriña, pardal, búho (bufo), morcego (muricego é o nome máis extendido na bisbarra, tamén variantes coma murocego, municego, muricegho...), merlo, xilgueiro (traducido do castelán, o nome común en galego sería xílgaro, na bisbarra ten varios nomes do tipo pintasilgo, pintasilvas...), rula (aquí vovalizaríase co -o-, rola, e non rula que é máis propia doutras zonas de Galicia), ruiseñós (rousinol), águia (onde hai presenza da águia real coñécese coma aiga ou aigue, coma na Mezquita, Tameirón, Vialriño de Conso, Viana do Bolo...), papagaio (hai una recolla nos Ancares deste nome para designar á especie Oriolus oriolus, pénsase que este nome fora de acá para América e logo viñera de volta para designar estas aves tropicais con certa semellanza (?) ao noso ouriolo), corvo, carriza, codorniz (paspallás), páxaro carpinteiro (pitos ou petos, pito verdiallo, peto verdeal..., tamén picapao ou furapao), lavandeira (tamén pastora, por andar entre o gando, ou labrandeira, por andar tamén detrás dos arados), pega, paporrubio (outra variante é paporroibo), cuco e bubela (estas dúas especies non teñen diferentes nomes, só se coñecen estas designacións na bisbarra).
Laura: anduriña, golondrina, gorriones, pardales, jilgueros, palomas, mirlos, gabilanes, lechuzas e halcón (case todos están en castelán).
Castrelo, Vilaza, Pazos: pegas, pardales, pombas, gaviláns (nesta bisbarra chámaselle gavilás a varias aves rapaces incluído o propio gavilán, non se di gabián que sería a forma correcta do nome común en galego), andoriñas, corvos, cigoñas (non está moi clara a designación vernáucla destas especies, si se atopan topónimos do tipo A Cegoña), mirlo (merlo, merla), bubela (sen variantes), lavandeira, tornillo (nome dado en varios pobos da bisbarra para Sturnus unicolor), carriza, pega, tordo (desígnase tordo á especie Turdus philomelos, e torda en feminino á especie de maior tamaño Turdus iliacus, usando o feminino coma cualidade de ter maís tamaño), rola, perdiz (sen variantes na bisbarra).
Vilamaior: Gorrión común, estornino negro, verdecillo, xilgueiro, vencexo común, pardillo, coguxada común, trigueiro, pardillo, pinzón vulgar (nomes comúns en castelán ou galeguizados, seguramente sacado dalgunha guía de aves en castelán ou de internet).
Vilardevós: pomba, verdón (poida ser una variante do máis extendido verderolo, Chloris chloris), pardal, cuco, paloma, merlo, perdiz, paporrubio, moucho, cegoña, corvo, falcón, gaivota, pega, carriza, bubela.
Riós: merla (atención ao feminino, usado en moitas localidades da bisbarra), cuco, moucho, curuxa, pardal, perdiz, paporrubio, pomba, garza, lavandeira, cotoluvía (nome dado en varias localidades a esta especie, Lullula arborea, coas variantes cotovía, cutuvía, cutuluvía, ou co adxectivo cotolovía curuchada para designar outra especie semellante de aláudido, Galerida cristata), parrula (de parrulo, patos, Anas plathyrynchos).
Vilela: xilgueiro (galeguizado do castelán), petirroxo (idem), corvo, pega, pomba, perdiz, águia ratoeira (nome dado vulgarmente aos Miñatos comúns ou rateiros, buteo buteo, semella ser una designación recente e vulgar, na bisbarra atopamos topónimos coma Miotos ou As Mioteiras...) anduriña, cuco, mirlo, tarabilla (na zona coñecese coma chasco, chazco ou chasca, polo chasquite que emite), zarzal (zorzal, en castelán, aquí coñeceríase como tordo ou torda) curruca rabilonga (o nome común en galego é papuxa montesa, Sylvia undata, na bisbarra coñécese coma cheda, forneira..., e en castelán sería curruca rabilarga), pardales, naviñeiro (por andar nas viñas, Carduelis cannbina, non confundir co nabiñeiro, Serinus serinus, por andas na nabiñas), pastoriña (nome dado á lavandeira, Motacilla alba, en Vilela, Verín e San Lázaro, acho que tamén na Pousa), cigoña blanca, ánade real, bubela, pico picapinos (castelán, na bisbarra coñeceríase coma picapau, furapou, picapao, ou pitorrei ferreño en Videferre), alondra (na bisbarra só se recolleu o nome de laverca para designar esta especie, Alauda arvensis), avión común (é un tipo de anduriña, na zona recolleuse o nome de rinchón, en San Cibrao, ou pedreiro en Feces de Cima), ruiseñor, pechiazul (nomes en castélán).
Arrola, gorrido (?) Vilarello (debeu de apuntalo mal) (non se sabe a que pode facer referenza, habería que preguntar máis na aladea).
Paporroxo (poida ser unha variante de paporrubio, nunca se recolleu esta, habería que preguntar máis), tornillo (o dito, Sturnus unicolor), merla (fisarse nesta variante en feminino, turdus merula), estornino (é o mesmo que o tornillo só que en castelán), gaio (designación máis común desta especie, Garrulus glandrius, outros nomes serína garrabaio ou pigarro, pigharro) perdiz, verderol (Castrelo do Val), jaios (variante de gaios coa gheada), pejas (coa gheada), merlas, gavilás (o mismo, na bisbarra díse gavilán e non gabián), cenizo (faría referenza aos aguiluchos cenizos en castelán, aquí chámase co nome de ave rapiña e variantes, Circus pygargus), elanio europeo (nome sacado de guía), totovía (nome castelán da cutuvía, cotovía, cotolovía...).
E por último os nomes recollidos polo Artai en Bousés, son os de maior importancia xa que están recollidos da mesma fonte tradicional e de maneira moi correcta ao diferenciar entre -o- e -u- nas vocalizacións, podo identificar plenamente as especies xa que teño referencias das proximidades e outros factores, serían as seguintes identificacións:
Perdiz, Alectoris rufa
Rola, Streptopelia turtur
Corvo, Corvus corone vs. C. corax
Garrabaio, Garrulus glandarius
Moucho, Athene noctua, Asio otus
Pito verdial, Picus viridis
Andoriña, Hirundo rustica, H. rupestris, Delichon urbica, Cecropis daurica
Pega, Pica pica
Lanvandeira, Motacilla alba, Motacilla cinérea (?)
Cotovía, Lullula arborea, e con algún adxectivo Galerida cristata
Pardal, Passer domesticus
Tornillo, Sturnus unicolor
Xilgueiro, Carduelis carduelis, (nome galeguizado do castelán, en Videferre coñécese coma Pintasilvo)
Bubela, Upupa epops
Merlo, Turdus merula
Curuxa, Tyto albo, poida que tamén Strixs aluco (?)
Noite boal, Caprimulgus europaeus, sería máis correcto con -v-, Noitevoal, ao vir de voar pola de noite.
Tordo, Turdus philomelos
Rapo roibo, Phoenicurus ochruros
Carrriza, Troglodytes troglodytes
Foleca, Hippolais polyglotta (con reservas)
Papo Roibo, Erithacus rubecula, Paporroibo
Vaqueira (andaba encima das vacas), Motacilla flava
Cirifolla (andaba nas verzas), Phylloscopus ibericus, P. collybita...
Forneira (paxaro pequeño), Sylvia undata
Arcea (parecida á perdiz), Scolopax rusticola
Papa figos, Oriolus oriolus
Trallón (anda moito cos animais domésticos), Ficedula hypoleuca
Cascarrolo (anda nas leiras de patacas comendo grilos), Lanius senator, L. collurio, L. meridionalis
Rosinol, Lusicinia megarhynchos
(De reseñar que en Bouses teñen gheada polo que os nomes con -g- sería con ela).
* Aves detectadas no patio:
Lavandeira branca, Motacilla alba, un só exemplar visto por telescopio, non me deu tempo a ver se era macho ou femia. A esta especie é á que por Vilela, Verín e San Lázaro se a coñece co nome de Pastora, por andar entre o gando.
Pardal, Passer domesticus, varios exemplaras, uns 7 - 8, machos e femias, algún vistos por telescopio. Outra variante de pardal é pardao, recóllese este nome pola zona de Laza e é a máis abundante na bisbarra da Limia.
Xirín, Serinus serinus, estaba a cantar nunha árbore sen follas, o canto era dun macho, logo deu para velo bastante tempo con telescopio. Na bisbarra recolléronse nomes distintos para esta especie como xunguí, xuví, nabiñeiro (porque anda na nabiñas dos nabos, e non confundir co naviñeiro que anda nas viñas que sería outra especie, Carduelis cannabina).
Estornino negro, Sturnus unicolor, dous exemplares na cima dun tellado, víronse ben co telescopio aínda que de lonxe. Na bisbarra é máis común o nome de tornillo para esta especie.
Merlo común, Turdus merula, un macho a buscar comida entre a herba na parte lateral do patio, víuse ben co telescopio. Nalgunhas localidades coñécese coa variante en feminino, merla, diferenciándose da variante en masculino merlo que designa á especie Sturnus unicolor.
Pega, Pica pica, había dúas entre a herba a carón do Merlo, víronse ben co telescopio. Este nome si que non ten variacións nas distintas localidades da bisbarra.
Grazas á súa mestra Ana Belén Mellado Franco polo interese mostrado.
1 comentario:
Vaia artistas estes alumnos. Recollendo nomes de guías de aves (algúns nin son populares en castelán, foron creados por F. Bernis como "curruca rabilarga"
Publicar un comentario