xoves, 18 de xullo de 2019

Sobre os nomes dos Vagalumes

Nestes días fíxose unha recolla de nomes preguntando a través do Facebook que designaran aos Vagalumes na bisbarra de Monterrei e arredores, isto foi o que se atopou:


Bicho relumbrón: Recollido en San Lourenzo, no Tameirón e en Pentes, todos do concello da Gudiña.

Bicho coraceiro: Recollido en Videferre, concello de Oímbra.

Vagalume: Tamén recollido no Tameirón, A Gudiña, pero posiblemente influenciado polo galego oficial.

Lucerna: Recollido en Feces de Abaixo, concello de Verín; na Gudiña; e en Campobecerros, concello de Castrelo do Val; tamén en Verín (sen precisar localidade de procedencia).

Luciérnaga: Recollido no Rosal, concello de Oímbra; e en Pazos, concello de Verín; tamén en Laza e Vilameá, concello de Laza; e na Gudiña. Esta designación está en claro influenciada polo castellano.

Lucecú: Recollido en Medeiros e na Madanela, ambos do concello de Monterrei.

Lucérnaga: Recollido en Verín, en posibiliade influenciado polo castellano.

Lumela: Recollido en Verín; tamén en Novás, do concello de Xinzo da Limia. Nestes dous lugares dicíanlle aos rapaces: "Neno, non lle toques que queima", en referenza a que se debían de deixar por non seren prexudiciais e mesmo beneficiosas dalgunha maneira.

Pirilampo e Vaga-lume: Nomes dados en Portugal.

Bicho-da-croça: Recollido en Outeiro Seco, concello de Chaves. É de interese a semellanza co nome de Bicho coraceiro de Videferre.

Bichiño da luz: Recollido en Laza.

Moitas grazas, obrigado.

3 comentarios:

Cosme Damian Romai Cousido dixo...

Que nomes máis curiosos! Só por aportar algunha denominación a maiores, dicir que en Meloxo (O Grove) díselle "vella fasendo caldo" e na zona de Palavea-O Portádego (A Coruña/Culleredo) José Luis Rabuñal indicoume "vella a facer papas". Um abraço, Damián

Humberto Ferreira dixo...

Bom dia Xosé Ramón,
Em Outeiro Seco – Chaves, é conhecido como “bicho da croça”.
Parabéns pelo teu trabalho.
Um abraço,
Berto

Xosé Ramón Reigada Prado dixo...

Muito obrigado aos dous, são de agradecer as aportações, de interesse esse Bicho-da-croça com o de Bicho coroceiro de Videferre...