Con respecto ao interese mostrado
por este alcaide de Verín, Gerardo Seoane, en rehumanizar a vila e facer unha
plantación de árbores en xardíns públicos e varios entornos baldíos como os
arredores de Fontenova ou A Preguiza, dirixíuselle un relatorio de especies de
interese botánico en xeral.
Isto foi o que se lle enviou:
...
Crear un arboreto urbano de
calidade prolongaríase moito no tempo, sería un proxecto para anos, e moitos
dos exemplares serían difíciles de conseguir, no entanto aquí está unha lista
de árbores e arbustos de interese natural, tanto autóctonas coma exóticas,
tamén as cultivadas como froiteiras coas súas variedades locais, tamén sería de
interese complementar todo con plantas aromáticas, daríanlle calidade ao
arboreto, no entanto podería resumirse e adaptarse ao que se precisar,
comezando polas máis accesibles e seguindo para aumentar a listaxe todo o que
se queira:
Antes de nada unha árbore a
recuperar con reseña popular, imprescindible: "O Chorón da Preguiza",
en principio da especie Salix babilonica, sacado da cantiga popular:
"Tres cousas hai en Verín
que non hai en Galicia:
Monterrei,
os balnearios
e o Chorón da Perguiza."
O Eduardo Castro coñece a súa
ubicación certa, o orixinal, de enorme porte, seica o partíu un raio, logo no
lugar medrou outro máis pequeno, e a este último talárono. Desta árbore é
aconsellable falar co Bruno Rúa, gran coñecedor da historia verinesa.
Autóctonas:
Aciñeira, Carrasca brava ou Xardón, Quercus ilex, crecemento lento, as que temos en estado natural son das máis occidentais da península Ibérica, moi localizadas e escasas en Galicia, de reseñar as do entorno de Monterrei, un luxo para a comarca dignas de seren visitadas.
Sobreira, Sebureira, Alcornoque, Quercus suber, máis atlántica que as aciñeiras, aparecen bosquetes extensos polo Miño e na costa, de sobra coñecido o uso da cortiza para rollas das botellas de viño.
Pradairo de Montpelier, Arce de Montpelier, Acer monspessulanum, moi escasa na bisbarra e restrinxida ás partes máis mediterráneas de Galicia, río Mente, seguramente que difícil de atopar plantóns, se callar só reproducible a partir de semente.
Cornalleira, Escornacabras, Pistacia terebinthus, arbustiño, restrinxida ás zonas máis mediterráneas de Galicia, río Mente, moi vistosa en rocallas, cores de outono amarelos con froitos encarnados, aroma a trementina.
Pradairo, Arce blanco, Acer pseudoplatanus, esta especie é a que tende a colonizar as zonas de Verín que son abandonadas preto do río ao ter moita semente e boa capacidade de dispersión, relativamente abondosa no Pracer de Pazos.
Ólomo, choupo tremedor, Álamo temblón, Populus tremula, poida que a única especie de choupo nativa da nosa rexión, o Choupo negro, Populus nigra, non está segura a súa distribución orixinal xa que foi cultivado desde a antigüidade, esta especie que nos ocupa o tremula está moi dispersa pola comarca en lugares frescos, é unha árbore relicto das últimas glaciacións, moi abondosa na Europa pero que na península Ibérica só aparece en vales frescos de ríos, en pouca cantidade, se forma bosquetes chámanselle 'tembledas' en castelán, unha delicia para os sentidos, as follas méxense co vento e crean sons, no outono as follas adquiren moitas tonalidades e cores ao mesmo tempo, un espectáculo, a súa cortiza é dunha cor clara moi contrastada e chamativa o que lle da fermosura e elegancia, as ramas teñen un aire dramático en inverno. Pódese plantar xunto as outras especies de choupos, o choupo negro, Populus nigra, está moi espallado en plantacións pero é unha especie híbrida, sería de interese plantar exemplares coa xenética máis pura de follas pequenas, tamén hai variedades moi elegantes e esbeltas, véxanse as fileiras de choupeiras en ríos de Marrocos, ou o choupo de Italia subespecie italica, moi esbelto. Tamén temos naturalizados na rexión o Choupo branco, Populus alba, cultivados dende antigo, atopei algún exemplar vello na cunca do Mente, tamén nas Portas, máis recentes, da época da construción da presa. Despois hai especies alóctonas de xardinería coma o Choupo bálsamo, Populus trichocarpa, orixinario da América do Norte e usado durante milleiros de anos polas tribos indíxenas.
Negrillos, Ulmeiros, Olmos, Ulmus minor, Ulmus glabra, o noso sería o minor, está case extinto a nível arbóreo, quedando só en forma arbustiva, coñezo un só exemplar de certo porte en Sao Vicente da Raia, estamos ao tanto para tentar de reproducir a xenética deste exemplar resistente á doenza. Tamén hai variedade de ulmeiros de xardinería coma Ulmus pumila orixinario da Siberia; Ulmus parviflora, da China; Ulmus laevis, da Europa; Ulmus americana e Ulmus rubra, de Norteamérica... A outra falta, estes poderían substituír aos nosos negrillos.
Érvedo, Morogueira, Medronheiro, Madroño, Arbutus unedo, común en zonas propicias da bisbarra.
Buxo, Buxus sempervirens, de crecemento lento, madeira moi dura coa que se facían tradicionalmente os punteiros e roncos das gaitas.
Cornalleira, Cornejo, Cornus sanguinea, presente na zona do río Mente.
Xardón, Acivro, Acevinho, Acebo, Ilex aquifolium, en inglés Holly-tree: árbore sagrada, só coñecía un pé illado nunha encosta do val, hoxe afectada por un incendio forestal que o eliminou, aínda presente nas zonas de montaña a norte do val.
Loureiro, Laurus nobilis, espontáneo naturalizado no bosque do Pracer en Pazos.
Aderno, Pé de cabra, Olivilla, Phyllirea angustifolia, arbustiño de zonas mediterráneas da rexión.
Caneleiro, Bola de neve, Viburnum opulus, abondoso no Mente, tamén aparece na mesma raia o Durillo, V. tinus, tamén V. lantana, non atopadas aínda en territorio galego do Mente.
Carballo enán, Quercus lusitanica, en perigo de extinción en Galicia, o Pastor Santamarina identificou uns pés desta especie no monte Ladairo.
As outras especies de Carballos, o albariño e o cerquiño, Quercus robur e Q. pyrenaica.
Salgueiros, varias especies: Salix alba, S. eleagnos (non o temos aquí pero de follas moi vistosas alongadas), S. atocinera, S. babilonica (os salgueiros choróns), S. caprea, S. fagrilis (Vimbieira, antes moi utilizada), S. triandra, S. viminalis (Vimbieira).
Sabugueiro, Sambucus nigra, na zona tamén aparece Sambucus ebulus.
Bidueiro, Bedulo, Bidro, Betula pubescens ssp. celtiberica, no val ocorre en zonas frescas onde é escasa, máis común en altitude, fermosa cortiza de cor clara con follas amarelas no outono.
Escancereixo, Serbal de cazadores, Sorbus aucuparia, na zona tamén aparece Sorbus torminalis, ríos Mente e Búbal, existen outras especies do xénero: Sorbus aria e S. domestica.
Teixo, Taxus baccata, imprescindible, unha especie poida que extinta na bisbarra e se houbese sería moi restrita e localizada, só se teñen referencias antigas dalgún lugar de ocorrencia nas Vendas da Capela ou no Invernadoiro, tamén un testemuño dun teixadal no entorno de Verín sen precisarse a localidade, en zonas de montaña a norte, especie que chega a vivir máis de mil anos.
Xasmineiro bravo, Jazmín
silvestre, Jasminum fruticans, aparece no Mente, escaso en Galicia.
Amelanquer, Guillomo, Amelanchier ovalis.
Especies de interese botánico que ocorren preto nosa:
Zimbro, Juniperus oxycedrus, non atopado na comarca pero aparece moi preto por Portugal, a non máis de 10 - 15 km, polo que sería de interese a súa inclusión, en solos ácidos propios da rexión. Tamén aparece o outro Zimbro, Xenebreiro, Enebro, Juniperus communis, con propiedades medicinais, cos seus froitos elabórase a xenebra. Para completar unha subespecie deste último, o Xenebreiro anano, Juniperus communis subsp. alpina ou nana, este aparece de forma natural nos cumios altos de Trevinca. Hai máis especies de Juniperus da Península Ibérica.
Murta, Myrtus communis, arbustiño que ocorre de forma espontánea moi preto nosa, tamén por Valpaços, aquí só coñezo un exemplar na Santa Ana de Oímbra, en Portugal é unha planta moi apreciada polas súas propiedades medicinais, ten moita mitoloxía da antigüidade por todo o Mediterráneo, aparecen xardíns con Murta nalgún pazo de Galicia, tamén en xardíns de Lisboa...
Loureiro portugués, Prunus lusitanica, unha especie relicto dos bosques de laurisilva subtropical, require moita humidade ambiental, moi escasa na península, aparece espontánea na serra do Xurés.
Lodoeiro, Almez, Celtis australis, aparece espontáneo no Xurés e naturalizado nas ribeiras do Miño en Ourense, no entanto estou ao tanto de acabar atopando algún pé illado na nosa zona.
Caxigo, Quejigo, Quercus faginea, só hai un exemplar verificado no río Mente en Portugal a escasos metros da fronteira con Atrabe, Vilardevós.
Especies de interese frutícola:
Caqui, Dióspiro, Diospyros kaki, moi cultivado no val e apreciado en Portugal, atopei un pé naturalizado preto do bosque do Pracer na marxe de Queizás, no outono as follas adquiren unha cor vermella moi fermosa.
Amendoeira, Prunus dulcis, en tempos debeu estar extendido o seu cultivo na comarca ao atoparse algún pé de idade nalgunhas zonas, Ábedes, Pazos... A súa floración é todo un espectáculo.
Oliveira, Olea europaea, como non, un dos antergos cultivos da bisbarra hoxe case testemuñal.
Nespereiras, Nísperos, Mespilus germanica, orixinario do leste de Europa foi substituído o seu cultivo por Eriobotrya japonica, orixinario da China. Froito tamén moi apreciado en Portugal.
Romá, Granado, Punica granatum, cultivo que debeu de existir en tempos na comarca xa que se teñen referencias desta árbore, un testemuño na Rasela por exemplo, semellaban estar plantados entre as vides.
Marmeleiro, Cydonia oblonga.
Moreiras negra e branca, Morus nigra, M. alba, hai unha de moita idade no Castelo de Monterrei, Moreira negra, seguramente que para aproveitárenselle as amoras, xa que a Moreira branca usábase para o cultivo dos vermes da seda e máis frecuente para xardinería con variedades que non producen froito e así non manchan o chan.
Piñeiro manso, Pino piñonero, Pinus pinea, hai varios exemplares en Monterrei e no entorno do balneario de Cabreiroá.
Ameixeira brava, Ciruelo silvestre, Prunus insititia, presente no camiño da Fonte do Sapo.
Ameixeira do Xapón, Prunus cerasifera, intensa floración, follas de cor púrpura escuro, froitos comestibles.
Nogueira, Junglans regia, tamén sería de interese a Nogueira negra americana, Junglans nigra.
Abeleira, Corylus avellana.
Brixel, Groselheira espina, Grosella espinosa, Ribes uva-crispa.
Variedades de mazairas, pereiras,
cerdeiras, figueiras, castiñeiros... Para isto das variedades aconséllase falar
con algún experto no tema xa que temos moita riqueza neste eido, e con grave
risco de desaparición, se callar comentarllo ao Rafa Castro.
Árbores de interese da Península Ibérica e europeas:
Alfarrobeira, Algarrobo, Ceratonia siliqua, da cunca do Mediterráneo, tamén para consumo do seu froito.
Pinsapo, Abies pinsapo, endemismo ibérico, no extremo sur, é unha reliquia dos bosques de coníferas do terciario.
Palmito, Chanmerops humilis, a única palmeira endémica da Península Ibérica.
Freixo de olor, Fraxinus ornus, moi utilizado como ornamental.
Adelfa, Nerium oleander, moi velenosa.
Palmeira canaria, Phoenix canariensis, non é ibérica pero si das Illas Canarias, igual que o Piñéiro canario, Pinus canariensis, resistente ao lume, rebrota do tocón.
Plátano de sombra, Platanus x hispanica, unha especie híbrida moi cultivada en xardinería, naturalizada en moitas rexións da Península Ibérica, atopada tamén no bosque de Pracer de Pazos.
Tamargueiras, Tarays, Tamarix gallica. T. africana, T. spp.
Tileiro, Tilo, Tilia platyphyllos e T. cordata, o de folla ancha e o de folla estreita, e o seu híbrido T. x euroapea, semella o máis usado en xardinería.
Poida que tamén sexan de interese outras europeas coma a Faia, Fagus sylvatica, ou o Carpe, Carpinus betulus.
Árbores exóticas de interese natural:
Liquidámbar, Liquidambar styraciflua, moi ben representado xa na vila.
Castiñeiro de indias, Aesculus hippocastanum, foi pena a tala destas árbores na estrada de Ábedes.
Carballo de Australia, Grevillea robusta.
Acacia karoo, orixinaria de Sudáfrica.
Falsa acacia, Robinia pseudoacacia, durante boa parte do século XX as avenidas de Verín estaban marxeadas desta árbore, naturalizouse actuando coma especie invasora.
Baobab, Adansonia digitata, difícil que se dé na nosa rexión, sería todo un 'puntazo' conseguir un Baobab para Galicia.
Casuarina equisetifolia, Casuarina cunninghamiana, orixinaria de Australia, o seu interese radica en que as súas follas son similares aos insertos das follas dos equisetos, cabaliñas, Equisetum spp., pteridofitas prehistóricas.
Cedros, Cedrus atlantica, C. libani, C. deodara, do Atlas, do Líbano e do Himalaya, moi usados en xardíns, balneario de Cabreiroá, casa do concello.
Árbore de Xudas, Cercis siliquastrum, de floración moi vistosa, unha avenida con esta árbore florida é un espectáculo, a mitoloxía cristiá conta que nesta especie de árbore foi na que se aforcou Xudas Iscariote.
Cipreste, Cupressus sempervirens, orixinario do leste do Mediterráneo, moi espallado polo mundo greco-romano, unha avenida de Ciprestes é todo un espectáculo que nos retrotae á antigüidade, tamén hai outras especies de Ciprestes, Cupressus spp, e Tuias, Thuja spp, usados en xardinería.
Árbore do Paraíso, Eleagnus angustifolia, de intenso arrecendo, hai un exmplar moi vello ao pé dunha vivenda en Albarellos.
Kiri, Paulownia tomentosa, de crecemento rápido.
Azufaifo, Jujuba, Jinjoleiro, Ziziphus jujuba
Forsythia spp., arbustos con abondosa e fermosa floración amarela.
Catalpa, Catalpa bignonioides, hai exemplares naturalizados no bosque do Pracer.
Lárice, Laricio, Alerce, Larix decidua, conífera de folla caduca de cores amarelas moi vistosas no outono, orixinario de Europa.
Amargoseira, Cinamomo, Melia azedarach, moi usado en xardinería pola súa abondosa e aromática floración.
Palmeira datileira, Phoenix dactyifera, e outras Palmeiras coma Trachyxarpus fortunei, Washingtonia robusta, e máis.
Picea, Picea abies, de interese para un grupo adicado ás coníferas.
Piñeiros, Pinus spp., hai varias especies deles, ibéricas e alóctonas, que se poderían ver nun conxunto adicado ás coníferas, hai un que é o Piñeiro de Monterrei ou de California, Pinus radiata, fai referenza a esa zona de América onde aparece e que a procecencia do seu nome deriva da nosa comarca mesma.
Abeto de Douglas, Pseudotsuga menziesii, con moitas plantacións forestais desta especie nos nosos montes, arrecendo cítrico.
Abeto branco, Abies alba, de interese en grupos.
Secuoia, Sequoia sempervirens.
Secuoia xigante, Sequoiadendrom giganteum.
Metasequoia glyptostroboides, conífera xigante de follas caducas.
Cipreste dos pantanos, Taxodium distichum, orixinaria dos Estados Unidos, pantanos de Luisiana, de zonas húmidas, en estanques desenrola uns contrafortes para sosterse no chan, conífera de follas caducas.
Xacarandá, Palisandro, Jacaranda mimosifolia, sudamérica, madeira moi apreciada, é espectacular unha avenida de Lisboa toda chea de Jacarandás, sobre todo en floración.
Palisandro, Dalbergia cearensis, do Brasil, madeira moi apreciada, desta ou da anterior especie de Palisandro puido ser da que fixo o punteiro o Gaiteiro de Moialde ao emigrar este ao Brasil e traer consigo a madeira para que lla tornearan na Mezquita, testemuño do seu fillo.
Araucarias, Araucaria araucana (Chile), A. angustifolia (Brasil), A. heterophylla (Illa de Norfolk, Australia)..., moi apreciadas polos indianos para plantar nos seus xardíns, na costa son moi comúns, son árbores prehistóricas.
Eucalipto arco-íris, Eucalyptus deglupta, dentro dos eucaliptos tamén hai especies de interese, esta en concreto radica en que o seu tronco está moi coloreado, fermoso, tamén hai algunha especie de Eucalipto que están entre as árbores máis altas do mundo, Eucaliptus regnans, competindo coas Secuoias en altura.
Magnolias, Magnolia grandiflora, tamén é unha árbore interesante dunha familia moi antiga, as primeiras plantas que tiveron flor.
Tulípero de Virxinia, Liriodendron tulipifera, leste de Norteamérica, outonada moi vistosa, hai un exemplar centenario en Vilardevós, nunha 'casa farta', traído seguramente por un indiano, que debería de estar catalogada coma árbore senlleira.
Ginkgo biloba, imprescindible, árbore prehistórica (máis de 250 millóns de anos), aparecen parentes en restos fósiles, especie moi lonxeva (hai exemplares con máis de 2.500 anos), gosta da humidade do sólo, orixinaria da China, plantada con frecuencia en templos chinosú e xaponeses, con usos medicinais, un exemplar desta especie resistíu á explosión da bomba atómica de Hiroshima rebrotando das cinzas polo que lle chamaron "portador de esperanza", as súas follas en outono adquiren unha cor amarela espectacular, os pés femias producen unha sementa branda de mal cheiro aínda que comestible, de interese que houber pés femias e machos para lograr reproduicr a especie.
E moitas máis...
Arbustos e plantas aromáticas:
Herbaluísa, Limonete, Lúcia-lima, Aloysia citriodora.
Romeu, Rosmarinus officinalis.
Arzá, Lavandula stoechas.
Lavanda, Alfacema, Lavandula angustifolia.
Xarxa, Salvia, Salvia officinalis.
Mentas, Mentha spp., varias especies, Menta piperita, Hortelá, 'Hierbabuena', Beldrastro, Poexo, Menta acuática...
Tomiño, Tomentelo, Tomillo, Thymus vulgaris, Thymus spp.
Nébeda, Calamintha nepeta.
Eirogo, Ourego, Origanum vulgare.
Cidreira, Melisa, Melissa officinalis.
Mazela do monte, Helichrysum stoechas.
Boldo, Peumus boldus.
Etc., un eido moi amplo o das aromáticas, dá para espallarse o que se queira.
E outras...
Esta é unha escolma das especies
de árbores e arbustos que se me ocorren, de facto podería ampliarse o elenco
preguntándolle por exemplo ao Pastor Santamarina, o maior coñecedor da flora
rexiomontana. Tamén gosta moito e coñece inmenso das árbores o Demetrio Borrajo
de Vilaza, sería de interese preguntarlle e opinión. E o Xabier García, que é
de Vigo, residente en Verín, gran coñecedor e amante das árbores. E, como non,
solicitar asesoramento ao Marcos Freán, delegado de Ourense da Sociedade Galega
de Historia Natural, e ao Serafín González, o seu presidente. E, como dixen
anteriormente, para as variedades de froiteiras solicitar información ao Rafa
Castro. Pódese tamén pedir opinión ao Marco Fachada de Chaves con respecto ás
especies transmontanas.
Seguirei pescudando no tocante,
que me parece de moito interese, xa que se pode facer algo singular de enorme
calidade, unha beleza!
...
Aliás tamén son de enorme valor
ecolóxico os espazos abertos coma pradarías, debendo ser lugares a preservar as
veigas comunais dos pobos e outros lugares con inundacións temporais como as
brañas.
Parabéns ao responsable pola
iniciativa.
1 comentario:
Comentario de Marco Fachada:
...o Celtis australis tem grandes bosques nas arribas do Douro Internacional, na zona de Lagoaça. Também há exemplares espontâneos perto de Vidago e Rio Torto (concelho de Valpaços). Em Chaves há alguns exemplares nas ruas da cidade...
Muito obrigado Marco pela informação
Publicar un comentario